Baas, Ba’ ou Ba’a

Baas, Ba’ ou Ba’a

Nome abreviado do Partido do Rexurdimento Socialista Árabe, baas en árabe significa ‘rexurdimento’. Fundouse en Siria no ano 1950 como resultado da fusión do Partido do Rexurdimento Árabe, creado en 1910 por Michel Aflak e Salah al-Din al-Bitar, partidario dun nacionalismo panarabista, laicizante e antitradicionalista, e do Partido Socialista Sirio, dirixido por Akram al-Hawrani. O partido identificouse cos intereses das masas populares e da pequena burguesía e foi inimigo dos grandes propietarios rurais, da gran burguesía e do capitalismo internacional. Recoñecendo unha única nación árabe, a acción de Baas estendeuse por Xordania, Líbano, Libia, Adén e Iraq, países nos que foi clandestino. En Siria participou no goberno (1955) e foi un dos artífices da creación da República Árabe Unida, que fusionaba Exipto e Siria (1958). Pola súa participación nalgunhas rebelións foi disolto en Xordania. En Iraq, o Baas foi membro da Fronte Nacional que depuxo a ditadura do presidente Kassem. Os baasistas sirios romperon con Nasser en 1959 e conseguiron desfacer a unión sirio-exipcia en 1961. En febreiro de 1963 o Baas deu un golpe de estado en Iraq e en marzo dese mesmo ano en Siria. Pouco antes, en 1962, producírase un enfrontamento entre as diversas faccións do partido: os socialistas radicais, encabezados por Akram al-Hawrani, e os nacionalistas de Aflak, que desembocou na creación en 1964 de dous mandos separados (o internacional e o sirio). O golpe de estado de 1966 levou os elementos radicais ao poder, á Presidencia do estado a Al-Atassi e ao encarceramento de Aflak. En 1970, a ala militar moderada tomou o poder e Hafiz Assad converteuse en Presidente do Estado (1971) e secretario xeral do Baas (1971). En Iraq, en 1963, loitou polo poder Abdul Salam Aref, axudado polos baasistas. Aref, co soporte do seu irmán, foise afastando da influencia dos baasistas; sen embargo, en 1968 estes ocuparon de novo o poder. Aflak foi elixido (1970) secretario xeral do Baas sirio. En 1979 fracasou un intento de unión entre Iraq e Siria, feito que mostrou as diverxencias do Baas nos dous estados, marcados polo carácter prooccidental de Iraq e prosoviético de Siria.

Palabras veciñas

Baamorto | Baana | Baana | Baas, Ba’ ou Ba’a | baasismo | baasista | Bāb