Balcáns, Pacto dos
Nome que reciben os acordos asinados en 1934 e en 1954, que intentan reducir a tensión na zona. O primeiro (febreiro de 1934) é un pacto de defensa común entre Iugoslavia, Romanía, Grecia e Turquía. A alianza era demasiado débil para ofrecer unha resistencia común á invasión alemá e italiana; ademais cada estado mantiña unha actitude diferente fronte á guerra. Ao acabar a guerra firmouse un novo pacto de axuda e colaboración militar, asinado o 9 de agosto de 1954 entre Iugoslavia, Grecia e Turquía na Conferencia de Veldes. Respondía basicamente á política exterior da antiga Iugoslavia de achegamento ás potencias occidentais. Os asinantes comprometíanse a responder conxuntamente a calquera agresión feita a un deles. O pacto foi motivo de tensión entre Iugoslavia e a URSS. A reconciliación de ambos os dous estados dende 1955 deixouno sen efecto.