Baldaio, Xunqueira de
Espacio natural costeiro localizado nas parroquias de Razo, Lema, Rebordelos e Noicela (concello de Carballo), que constitúe un conxunto de hábitats litorais e lacustres, no que destaca unha barra areosa de 5 km de longo que se estende dende a punta de Razo, na parte occidental, ata a praia da Pedra do Sal na oriental. Esta barra areosa protexe dos envites do mar a lagoa e marisma que dan nome ao espazo natural. O peculiar proceso de formación deste complexo litoral, catalogado como punto de interese xeolóxico de Galicia, a súa beleza paisaxística, cualificada como praia natural de valor singular, xunto coa flora e fauna endémica ou excepcional que se refuxia nesta paraxe (como Silene scabriflora subsp. gallaecica e Omphalodes littoralis subsp. gallaecica e a cría de píldora papuda), sitúano entre os espacios máis salientables do país. Ten consideración de Refuxio de caza e de Espacio Natural Protexido e, en 1999, foi declarado provisionalmente como Espacio Natural en Réxime de Protección Xeral ao ser proposta a súa inclusión na Rede Europea Natura 2000.