ballet
(< fr ballet)
-
s
m
[MÚS/ESPECT]
Danza escénica moi evolucionada e estruturada que se harmoniza con ritmos de obras orquestrais, escritas ou non dun xeito expreso, con esta finalidade e coa representación plástica da decoración pitórica. O ballet é un espectáculo difundido internacionalmente que dispón en diferentes países de academias especializadas, xeralmente anexas aos grandes teatros de ópera, e que ofrecen periodicamente ciclos completos de ballet. A terminoloxía do ballet empregada internacionalmente é a francesa. Os diferentes elementos -a música, a coreografía, a decoración- alcanzaron un papel máis ou menos preponderante ao longo da historia do ballet: ás veces, o compositor subordínase a un plan coreográfico; outras veces é o coreógrafo quen se adapta a unha composición xa feita, pero tamén se pode crear, en igualdade de condicións, por un compositor, un coreógrafo e un pintor. A síntese destes tres elementos é o que constitúe un ballet. As orixes deste espectáculo remóntanse ao Renacemento. Na segunda metade do s XV estes espectáculos-pantomima difundíronse por numerosas cortes italianas. O ballet experimentou un progreso decisivo en Francia cando Luís XIV fundou no ano 1661 a Academia Nacional de Danza, na que se admitiron, a partir de 1681, as bailarinas. A principios do s XVII, grandes compositores escribiron especialmente para ballet; cómpre destacar a Jean-Baptiste Lully, que creou a forma comédie-ballet con Psyché (1671). Unha etapa importante na historia do ballet foi a da reforma de Jean-Georges Noverre (1777-1810), coreógrafo considerado como o máximo renovador da danza do s XVIII e promotor dunha nova fórmula de ballet, levada á práctica en Lettres sur la danse et sur les ballets (Cartas sobre danza e ballets, 1760): o ballet de acción, que prescinde do texto e que se constitúe unicamente para danza e música, abriu o camiño ao ballet moderno. Carlo Blasis resumiu no seu Traité de l’art de la danse (Tratado da arte da danza, 1820) todo o que ata daquela se coñecía; pódese considerar o creador da técnica do ballet clásico, e o seu sistema é, en liñas xerais, o que se utiliza na actualidade. No ballet romántico, que naceu en Italia a principios do s XIX, predominaba o papel da bailarina; a música quedaba case sempre relegada a un lugar insignificante: un pretexto para a danza. O único creador musical auténtico deste período foi Léo Delibes, autor de Coppélia (1870) e de Sylvia (1876). A partir do ano 1850, o ballet caeu nunha franca decadencia, coa excepción de Rusia, onde Marius Petipa (1822-1910), considerado como o fundador da escola rusa, asociou o seu nome a Čajkovskij, que se subordinou exactamente ao programa do coreógrafo nas obras O lago dos cisnes (1887), A bela durminte (1889) e O crebanoces (1892). Máis adiante produciuse a revelación de Isadora Duncan, que debutou en París no ano 1900, e intentou liberar o ballet de todo o que tiña de convencional. Os Ballets Rusos de Serge Diaghilev, que debutaron no teatro Châtelet de París en 1909, marcaron unha época na historia da danza. Diaghilev foi o primeiro que conseguiu unha estreita colaboración entre os mellores compositores, escenógrafos, pintores, coreógrafos e bailaríns. A nova concepción de Diaghilev deu orixe a ballets excepcionais: L´ocell de foc (O paxaro de lume, 1910), Pétrouchka (1911), Le sacre du printemps (A consagración da primavera, 1913), de Igor Stravinski; Jeux (Xogos, 1913), de Claude Debussy; Parade (A parada, 1917), de Erik Satie; El sombrero de tres picos (1919), de Manuel de Falla; Chout (1921) e Le pas d’acier (O paso de aceiro, 1927), de Sergej Prokofiev, etc. Os principais coreógrafos deste período foron Mikhail Fokine, Tamara Karsavina, Vaslav Nižinskij, Anna Pavlova, Leonid Mjassin, George Balanchine e Serge Lifar. Os principais pintores rusos que fixeron decorados e figurinos para os ballets de Diaghilev foron Alexandre Benois, Leon Bakst e Natal’ja Gončarova. Outros artistas aplicaron as técnicas nacidas do Fauvismo, do Cubismo e doutros movementos: Picasso, André Dérain, Henri Matisse, Marie Laurencin, Georges Braque, etc. A partir dos anos cincuenta, o ballet vese profundamente influído polas creacións de personalidades como: Maurice Béjart, Roland Petit, Martha Graham, Merce Cunningham, Rudolf Nurejev, Mikhail Barinikov, Maja Plisetskaja, etc. O mundo do ballet sufriu grandes cambios que non só afectaron ao repertorio, senón tamén á importancia das compañías de primeira liña mundial, e tamén á coreografía e ao concepto do ballet como espectáculo. No tocante ao repertorio, os ballets tradicionais (Čajkovskij, Adam, Delibes, Minkus, etc) mantéñense aínda en vigor, a pesar de que están colocados nun segundo plano.
-
s
m
[MÚS/ESPECT]
Obra musical composta para este espectáculo.
-
s
m
[MÚS/ESPECT]
Compañía de bailaríns que interpretan esta danza. OBS: A pronuncia da grafía ll non é palatal [¥], senón líquida lateral alveolar [l].