Banco Internacional de Reconstrución e Fomento

Banco Internacional de Reconstrución e Fomento
Nome científico: [BIRF; ingl: International Bank for Reconstruction and Development, IBRD]

Entidade bancaria con sede en Washington e integrada no grupo do Banco Mundial (ás veces trátanse como entidades equivalentes). Os estatutos do BIRF asináronse o 27 de decembro de 1945 por 38 países; sen embargo, non iniciou as súas actividades ata o 25 de xuño de 1946. Un acordo posterior entre o consello de gobernadores do Banco Mundial e as Nacións Unidas, converteu o BIRF nunha entidade bancaria dependente da ONU dende 1947. Entre os países fundadores do BIRF están: EE UU, Reino Unido, Francia e a India. En 1952 incorporáronse Xapón e a República Federal de Alemaña. En 1980 determinouse que tiña que ser a República Popular de China quen representase a China no Banco, substituíndo a Taiwán. Posteriormente, no 1992 incorporáronse Suíza, Rusia e os restantes países da CEI. No ano 2000 os países membros eran máis de 180, entre os que se incluían todos os da Unión Europea e bastantes do Terceiro Mundo. A estrutura orgánica do BIRF componse dunha xunta de gobernadores, que é o órgano deliberante supremo, os directores executivos, o presidente e un tribunal administrativo. Todos os poderes da institución residen nunha asemblea de gobernadores, representantes de cada un dos países membros, que teñen unha cota de participación en función da súa achega. Ademais das subscricións deses países, o banco obtén recursos da venda de débitos e das participacións en préstamos. Os obxectivos fundacionais do BIRF son: a reconstrución e desenvolvemento dos territorios dos estados membros, facilitando os investimentos de capital para fins produtivos; o fomento dos investimentos privados de capitais estranxeiros mediante garantías ou participacións nos préstamos e outros investimentos feitos por capitalistas privados; a promoción dun crecemento equilibrado a longo alcance do comercio internacional e o mantemento do equilibrio das balanzas de pagamentos, contribuíndo tamén a promover os investimentos internacionais que contribúen ao desenvolvemento dos recursos produtivos dos estados membros.