Banga, Pintor de
Nome dado ao pintor anónimo, que realizou as pinturas murais das igrexas de Santa Baia de Banga e Santa María de Mugares, ambas situadas en Ourense, contra o ano 1555. Podería tratarse de Bertomeu García de Bahamonde, abade relacionado coa construción de Santa María de Mugares. Artista manierista, a súa obra está dirixida a un público humanista, xa que fai uso de gravados e conceptos tomados de Alciato e de Marsilio Ficino, baseando as súas propostas artísticas no neoplatonismo. Probablemente foi discípulo do Mestre de Sixto, dado o seu contido neoplatonista, o seu gusto pola narratividade e a minuciosidade nas descricións, e pola forma de compoñer e de estruturar os temas, elaborando os programas iconográficos de forma illada, utilizando os marcos abertos propios do estilo manierista. Non obstante , o Pintor de Banga interesouse por unha pintura máis sobria e por unha temática pagá.