bantú

bantú
  1. adx

    Relativo ou pertencente aos bantús ou ás súas linguas.

    Ex: O outro día vin unha reportaxe sobre o pobo bantú.

  2. s

    Individuo pertencente a calquera dos pobos de lingua bantú.

  3. s m [ETN]

    Conxunto de pobos de características antropolóxicas e culturais moi diversas. Habitan en África, ao S dunha liña que vai dende as costas atlánticas, ao nivel do Douala, ata a desembocadura do Juba, no Índico, exceptuando principalmente a zona sudoccidental do continente, ocupada polos khoisánidos e os europeos. Este pobo chegou á rexión na que vive actualmente logo de sucesivas migracións de orixe incerta. Segundo as escolas alemá e sudafricana, os bantús son orixinarios do Kurdufān ou do alto Nilo, ao N da rexión dos Grandes Lagos. Outros especialistas están de acordo en situar máis ao O un foco prebantú, aproximadamente na conca do Benue, ao N do Camerún. De acordo con esta teoría, os estudios lingüísticos de Malcolm Guthrie dan un segundo foco protobantú na área da lingua bemba actual, en Zambia, dende onde se expandiron en diversas direccións cara á rexión dos Grandes Lagos, á conca do Congo e ao S. É indubidable a existencia das emigracións cara á conca do Congo e á rexión dos Grandes Lagos, procedentes do N da área actual; dende alí e en sucesivas fases, estendéronse durante o primeiro milenio a C cara ao SL do continente. Esta migración foi propiciada polo coñecemento dos metais (o complexo Chifumbaze), a agricultura de tubérculos (ñame e taro) e cereal (sorgo) e a gandería (primeiro ovellas e cabras, logo gando vacún). O conxunto de pobos bantús non se corresponde cun tipo racial uniforme. Segundo a división xeral de Herbert Tischner, pertencen aos grupos culturais da África Central e da África Oriental. Non obstante na África Central distínguense as culturas da selva chuviosa ecuatorial, cunha economía agraria moi primitiva, das culturas das sabanas meridionais, cunha agricultura máis desenvolvida e cunha gandería bovina. Baumann considera a existencia de doce provincias culturais dentro do grupo bantú. Segundo os estudios de Baumann e Westermann, pódense distinguir dentro da área bantú dez círculos culturais: herero, bantú do sueste, sur de Bostwana, Zambeze e Angola, Congo meridional, Congo setentrional, o lago Rukwa, os lagos, a costa oriental e os “bantús camitizados”. Entre os pobos bantús máis coñecidos cómpre salientar, ao S, os chamados cafres, nome aplicado ós ngunis, e entre eles os xhosas e os swazis; os sothos (ou basutos), os tswanas (ou bechuanas) e os tongas; máis ao oeste, illados do resto dos bantús polos sans, os hereros; na costa oriental de África os swahilis; no interior de Kenya, preto do Kilimanjaro, os kikuios; na rexión dos Grandes Lagos, ao leste do lago Vic22toria, os kavirondos, e na rexión central, os ruandas e os rundis (chamados tamén bahutus ou hutus); na conca do río Congo, os kongos, os ngalas, os lubas, os lundas, os kubas e os kutus; e, finalmente, no límite noroccidental dos bantús, os kundus, e máis ao S, os fangs (chamados tamén pangwe ou pahouin polos franceses e pamue polos españois). En canto á súa cultura material, a evidencia arqueolóxica, proba un desprazamento das culturas tardopaleolíticas locais da Idade de Pedra Tardía; sen embargo, permanecen algunhas illas khoisánidas, que tanto lingüística como socialmente non foron asimiladas pola presión bantú, pois manteñen unha lingua e organización social diferente. Os bantús son, aproximadamente, uns 80 millóns e constitúen a base da poboación da República Sudafricana, Lesotho, Swazilandia, Botswana, Zimbabwe, Zambia, Malawi, Mozambique, Angola, Tanzania, Ruanda, Burundi, Congo, Gabón e Guinea Ecuatorial, da maior parte do territorio da República Democrática do Congo, da maior parte noroccidental de Namibia e da parte S de Camerún.

  4. s [LING]

    Familia de linguas afroasiáticas que, á súa vez, está incluída na macro-familia níxer-congo, que agrupa entre 300 e 500 linguas empregadas na parte central e no sur de África; o seu dominio esténdese ao S dunha liña que vai dende Douala ata a desembocadura do Juba, exceptuando os territorios ocupados polos bosquimáns e os hotentotes, e tamén as partes de Kenya e Tanzania nas que se falan linguas nilóticas meridionais. O termo bantú foi introducido por W.H.I. Bleek no ano 1858 e significa ‘xente’ en protobantú. A reunión desta familia lingüística afín, segundo Lepsius, á centroafricana, é unha das máis importantes descubertas da ciencia moderna. Seguindo as investigacións de Cust distínguense 168 linguas bantús que presentan 55 dialectos diferentes; o parentesco entre elas é tan grande coma o que se dá entre as linguas indo-xermánicas, e maniféstase tanto nas raíces coma nas formas gramaticais. Considerada tradicionalmente unha familia independente, Greenberg incluíuna na familia níxer-kurdufanesa. A clasificación interna do grupo aínda non está resolta, xa que a maior parte das súas linguas pertencen a un único subgrupo e as restantes, repartidas polo Camerún, Guinea Ecuatorial e zonas de Gabón, Zaire e a República Centroafricana, pertencen a un número indeterminado de grupos. Os pobos bantú-falantes son moi diferentes entre eles; non se pode falar de “cultura” ou “etnia” bantú e o emprego deste termo é só aplicable ao grupo lingüístico. Entre as linguas bantús distínguense na zona occidental: o douala, fang ou pahouin, kongo, lingala, chokue, lunda, mbudu e herero; na zona oriental: o kikuius, ganda, ruanda, swahili, chambala, chagga e nyamwezi, luba, ngamia, bemba, seona e tonga; e na zona meridional están o zulú, e xhosa, swazi, tswana e sotho. A unidade do bantú foi establecida por Appleyard e Bleeke no século XIX. Os trazos máis salientables son: dende o punto de vista fonético o papel diferenciador dos tons, exceptuando aquelas linguas relacionadas co swahili, e o feito de presentar todas as palabras vogal ao final; no aspecto morfolóxico, os substantivos están repartidos en categorías concretas segundo criterios dificilmente determinables, así por exemplo non se ten en conta o sexo pero a analoxía desempeña un papel importante; presenta asociación regular de dúas clases, unha para o singular e outra para o plural dos nomes, distinguíndose vinte clases. Cada unha delas está caracterizada: a) por un índice obrigatoriamente anteposto ao substantivo e aos adxectivos, así como aos nomes de número que o determinan, por exemplo no swahili Ki-su ki-refu ‘un coitelo longo’ (clase ki-), vi-su vi-refu vi-tatu ‘tres coitelos longos’ (clase vi- do plural correspondente á clase ki- do singular); no duala mu-na mo-sadi ‘un neno’, ba-na ba-sidi ba-lalo ‘tres nenos’; b) por un pronome suxeito de terceira persoa, obrigatorio diante do verbo incluso cando o suxeito xa está expresado, por exemplo, en duala mu-na a tila ‘o neno (el) escribe’; bolo bo londi ‘a barca (ela) está chea’; c) por utilizar unha partícula de enlace vocalizada a, que serve para introducir o complemento do nome e que se aplica tamén aos demostrativos, posesivos e relativos, por exemplo no swahili mwana wa mfalme ‘o fillo do rei’, mwana wa-ke ‘o seu fillo’. O complexo verbal comprende xeralmente primeiro, o pronome suxeito; segundo, un infixo que indica o tempo e o aspecto do verbo; e terceiro, a raíz verbal eventualmente provista dun sufixo que expresa as diversas modalidades (causativo, pasivo, aplicativo). Nalgunhas linguas, os pronomes complementos e os relativos son infixados antes da raíz verbal. Así a forma swahili nitakuletea ‘tróuxenche...’ analízase como: ni- suxeito de primeira persoa, singular, ta infixo do futuro, ku pronome complemento da segunda persoa singular, letea raíz verbal leta ‘traer’, modificada ao final para expresar o aplicativo. No demostrativo distínguense tres ou catro graos de afastamento. E tamén son numerosas as formas de declinación, así por exemplo en cafre hai diversidade de xenitivos, un dobre dativo, un comparativo, un instrumental e unha morea de afixos, primitivamente pronomes que expresaban a diferenza entre o singular e o plural (

    Ex: umu-unto ‘home’, aba-antu ou ba-ntu ‘xente’) entre seres animados e inanimados, para designar os nomes colectivos, etc. Tamén se utilizan para expresar a concordancia das partes do discurso, por exemplo en zulú u-mu-ntu ro-etu o-mu-chle u-ya-bonakala si-m-tanda ‘home, noso fermoso, vén, nós querémolo’, onde o pronome mu ou as súas formas abreviadas o, u, m, ro, expresan a concordancia das partes. Estes pronomes prefixos que aparecen en todas partes, forman a característica principal das linguas bantús, de aí que se denominen linguas pronominais prefixas. A literatura destas linguas redúcese a traducións da Biblia, feitas polos misioneiros, libros piadosos, contos e fábulas.