Banū Qasī
Familia muladí orixinaria da rexión navarra do Ebro. Descende do conde visigodo Cassius, que renegou do Cristianismo co gallo de conservar as súas propiedades ante a irrupción de Mūsà ibn Nu ṣ ayr na Península Ibérica. Unhas veces aliada dos emires de Córdoba e outras en revolta contra eles, conseguiu formar un reino propio (ss VIII-X) coa alianza frecuente dos reinos veciños. Un dos seus membros, Mūsà ibn Fortun chegou a gobernar sobre un territorio que abranguía Tudela, Huesca e Zaragoza. Enfrontado co veciño Reino Ástur, foi derrotado por Ordoño I (859) na fortaleza de Albelda (Logroño), orixe da lendaria Batalla de Clavijo, e o seu poder foi minguando ata a súa morte (862). Os derradeiros anos do s IX foron de loita continuada. Así, a comezos do s X, tralas repetidas batallas cos reis navarros, o territorio dos Banū Qasī quedou reducido a Tudela.