Baña, A
Concello da comarca da Barcala, situado na provincia da Coruña no occidente da Comunidade Autónoma (42°57’ 2’’ N-8°45’ 5’’ O). Limita co concello de Santa Comba (Xallas) ao N e ao O, co de Negreira ao S e ao O, co de Ames (Santiago de Compostela) ao S e ao L e co do Val do Dubra (Santiago de Compostela) ao L. Abrangue unha superficie de 98 km 2 cunha poboación de 4.673 h (2007), distribuída nas parroquias da Baña, Barcala, O Barro, Cabanas, Corneira, A Ermida, Fiopáns, Lañas, Marcelle, Ordoeste, A Riba, San Cibrán de Barcala, Sanamede do Monte, Suevos e Troitosende. A capital está situada no lugar de San Vicenzo, na parroquia da Baña. Situado a 27 km de Santiago de Compostela, está adscrito ao partido xudicial de Negreira e á arquidiocese de Santiago de Compostela.
Xeografía física
O concello da Baña sitúase dentro do dominio climático oceánico hiperhúmido, propio das terras que se atopan na transición entre a costa e as penechairas do interior. O clima da Baña caracterízase pola súa suavidade térmica durante todo o ano, como poñen de manifesto tanto a temperatura media anual (13°C) como a oscilación térmica anual, que é de 11°C, como resultado dunhas medias de xaneiro e xullo que son, respectivamente, de 8°C e 19°C. A media de precipitación anual é de 1.779 mm, pero a distribución estacional deixa ver a existencia dunha clara seca estival: no verán tan só se recollen o 11,8% do total anual, mentres que no inverno se recolle o 36,6% do total. En canto ao relevo, A Baña sitúase no descenso dende as penechairas do occidente (Xallas-Soneira), cara ao val do río Tambre. A rede fluvial, no seu encaixe sobre as rochas graníticas que constitúen o substrato litolóxico, foi definindo as principais unidades do relevo. Así, as maiores altitudes, correspondentes ás terras máis meridionais da superficie de erosión, atopámolas no N do termo municipal (Mariña, 523 m; Baxado, 462 m; Paredes, 404 m). A seguir prodúcese unha transición cara ao S do territorio, percorrido polos ríos Barcala, Baña e Tambre. Este último, o colector fluvial más importante de toda a comarca, serve de límite co concello de Ames. O substrato rochoso é fundamentalmente granítico e os vales fluviais están cubertos de rochas sedimentarias de natureza arxilosa, o que beneficia o desenvolvemento dos cultivos e os pastos nas terras baixas e explica, así mesmo, a maior densidade de poboación e asentamentos na zona meridional do termo municipal.
Xeografía humana
O concello da Baña experimentou nos últimos dous séculos unha evolución demográfica semellante á do conxunto da Galicia rural, caracterizada por un incremento moderado ata 1950. Non obstante , a partir desa data, a evolución da poboación caracterizouse pola irregularidade, como consecuencia de ser A Baña un municipio tradicionalmente agrario e á vez próximo ao litoral, con frecuentes e cómodas relacións económicas e funcionais con Santiago de Compostela e, en menor medida, coa Coruña, o que lle imprime un certo dinamismo do que carecen outros concellos cun perfil socioeconómico similar do interior do país. A pesar de sufrir unha perda de efectivos demográficos entre 1950 e 1960 (a un ritmo medio anual do 1,3%), esta non é definitiva e recupérase de sobra no censo de 1970, cando acadou o máximo poboacional da serie observada, con 8.238 h (cun incremento anual do 2,1%). A poboación permaneceu practicamente estable entre 1970 e 1981, para coñecer logo un forte declive entre 1981 e 1991, cando se chegou ao mínimo de poboación de toda a serie censal, con 5.007 habitantes, tras un decrecemento anual do 2,9%. En 1996 a poboación descendeu a 5.863 h. Esta perda de poboación continuou no período 1996-2001 (18,1%) e entre 2001 e 2007 (2.64%). Moita poboación da Baña marchou a Santiago de Compostela, que actúa neste caso como cabeceira de ámbito supracomarcal. En 2006 a taxa de natalidade era do 4,2‰ e a de mortalidade do 15‰. A estrutura por idades reflicte unha poboación avellentada, onde os maiores de 64 anos representan o 29,5% da poboación fronte ao 10,8% dos menores de 20 anos e ao 59,6% do grupo intermedio. A distribución da poboación por sexos amosa un predominio das mulleres, que constitúen o 51,93% da poboación, fronte ao 48,06% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello da Baña é do 48% (60% a masculina e 37,2% a feminina); a taxa de ocupación é do 40,6% (49,8% a masculina e 32,3% a feminina) e a taxa de paro é do 15,4% (17% a masculina e 13,2% a feminina). A súa base económica é a agricultura que dá emprego ao 25,6% da poboación ocupada. A agricultura é unha actividade rendible pola proximidade ao mercado que constitúe a cidade de Santiago de Compostela. Esta proximidade a un importante mercado urbano estimula a produción agropecuria. A importancia da gandería, xunto coa aplicación dunha política de concentración parcelaria, que reduciu nunha quinta parte o número das leiras, fai que o sector primario estea nunha situación algo mellor ca no conxunto do país. Isto ten o seu reflexo, entre outros indicadores, no número de agricultores menores de 25 anos, que son máis da quinta parte. As explotacións gandeiras presentan, xa que logo, unha gran relevancia dentro do sector primario e na economía do concello en xeral. O armentío bovino é, con gran diferencia, o máis numeroso, con 6.974 cabezas (1999). Tradicionalmente empregados como forza de traballo, coa mecanización xeral das actividades labregas, o bovino experimentou unha especialización mixta láctea e cárnica, diminuíndo a proporción de bois ao quedar desprovistos desa utilidade. Outras especies tamén importantes, aínda que en menor grao, son as avícolas (vencelladas á existencia de granxas industriais) e a porcina. A importancia manifesta da gandería vacúa pódese comprobar ao analizar as cifras de superficie dedicadas a pastos (770 hectáreas) e especialmente ás plantacións de forraxe (empregada para alimentar o gando), que ocupan unha superficie de 2.710 hectáreas. Polo demais, os principais cultivos son o trigo, o centeo, as hortalizas e especialmente o millo (ao que se dedica practicamente a quinta parte da superficie agraria útil). A explotación forestal, pola súa parte, é unha actividade con notable peso no concello, o que se pon de manifesto na existencia de empresas de produción madeireira. Se ben a industrialización é practicamente irrelevante, con só un 13,9% do total da poboación ocupada traballando nela, a construción, na que se empregan un 20,9% da poboación ocupada, contribúe a engrosar as cifras da poboación incluída no secundario. Pola súa banda, o sector terciario, en crecemento, dá emprego ao 39% da poboación. As principais vías de comunicación son as estrada comarcal AC-546 e AC-452.
Historia
Habitado dende as primeiras etapas do poboamento de Galicia, consérvanse testemuños da cultura castrexa na parroquia da Riba, onde se rexistran catro mámoas nos contornos dunha pequena lagoa, así como monumentos funerarios. Atópanse restos de castros en Meimendre, San Vicente e A Baña. Na parroquia de Santa María de Troitosende atopouse unha estela funeraria da Idade do Ferro, hoxe no Museo de Pontevedra. No Antigo Réxime, o territorio municipal repartíase entre as xurisdicións de Barcala, Dubra, Lañas e Xallas, así como en dous coutos redondos, Nantón e Riba, todos eles pertencentes á provincia de Santiago de Compostela. Coa conformación dos primeiros concellos en 1813, constitúense os concellos de Barcala e San Xoán de Riba, pertencentes ambos ao partido xudicial de Ordes, dentro da provincia única de Galicia. No ano 1822, coa división provincial de Galicia, intégranse dentro da provincia da Coruña. En 1835, con motivo da nova división municipal, o concello da Baña pasou a formar parte do partido xudicial de Negreira, contando daquela con 17 parroquias, as mesmas que hoxe en día, excepto San Fiz de Freixeiro, que foi segregada da Baña e incorporada ao concello de Santa Comba en 1836.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan as igrexas de Lañas, con restos románicos, e a de Sanamede do Monte, de estilo gótico tardío. Destacan os pazos de Leis en Barro, Ferrances e Corneira e a casa de San Xoán de Barcala en Cores. Celébranse, entre outras, as de San Luís en Montes en agosto, as da Nosa Señora do Bo Suceso en setembro na capital municipal , e as de San Francisco en Corneira en outubro.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Barcala, A |
| Extensión | 98 Km2 |
| Poboación Total | 4673 h |
| Poboación Homes | 2246 h |
| Poboación Mulleres | 2427 h |
| Densidade de poboación | 47.68 h/Km2 |