Baquiario

Baquiario

ou Bacchiario Monxe de finais do s IV e comezos do V de orixe galega, da diocese de Mondoñedo ou Braga segundo os estudiosos. As únicas referencias á súa biografía recóllense na obra de Xenadio de Marsella (s V), quen o describe como un home de cultura cristiá. Así mesmo, indícanos que logo duns primeiros momentos de certas afinidades priscilianistas, chegou a ser unha personalidade destacada en contra dese movemento heterodoxo. Tivo que expatriarse, probablemente a Roma, ao verse envolto na persecución desatada en Hispania contra o priscilianismo. No seu exilio escribiu o tratado Libellus de fide ou Confesio fidei (415?) como xustificación perante o Papa ou os seus superiores das acusacións de priscilianismo que se lle facían. Nesta obra fai unha exposición de fe perfectamente ortodoxa sobre a trindade, a encarnación, a resurrección da carne, a orixe da alma, a natureza do home, a natureza da orixe do demo, os xaxúns, o canon das escrituras e o uso dos apócrifos. Foi autor tamén da Epistola ad Ianuarium de reparatione lapsi (410?), obra de carácter penitencial, na que pide a Xanuario, o seu antigo abade, que sexa misericordioso e permita o seu regreso e, así mesmo, acepte a penitencia dun monxe que abandonara o mosteiro e vivía cunha relixiosa. Esta obra, que constitúe unha chamada á tolerancia e ao perdón do “caído”, gozou dunha importantísima difusión na Europa medieval, pois era empregada polo clero como fonte literaria nas súas prédicas e homilías a propósito do arrepentimento e a penitencia para acadar o perdón dos pecados. Ademais, atribúenselle dúas epístolas de finais do s IV de tendencia priscilianista; sen embargo, a vella identificación de Baquiario co bispo Peregrino, corrector da obra de Prisciliano Canones epistularum Pauli apostoli, hoxe en día conta con moi poucos partidarios.

Palabras veciñas

baqueteado -da | baquetear | baquíade | Baquiario | báquico -ca | Baquílides | baquio