Barbadás

Barbadás


Concello da comarca e da provincia de Ourense (42° 17’ de latitude N e 7° 53’ de lonxitude O). Limita ao N co concello de Ourense, ao L cos de Ourense e de San Cibrao das Viñas (Ourense), ao S co da Merca (Ada Terra de Celanova) e ao O co concello de Toén (Ourense). Abrangue unha superficie de 30,2 km2 cunha poboación de 8.685 h (2007) distribuídos nas parroquias de Barbadás, Bentraces, Loiro, Piñor, Sobrado do Bispo e A Valenzá. A capital do concello é Barbadás. Situado a 5 km da cidade de Ourense e a 116 km de Santiago de Compostela, está adscrito ao partido xudicial e a diocese de Ourense.
Xeografía física
Climaticamente o concello está baixo o dominio oceánico-mediterráneo, que se caracteriza por unhas temperaturas altas no verán e suaves no inverno; a temperatura media anual é de 14°C, o mes máis frío é xaneiro, cunha media de 8,8°C, mentres que o máis cálido é agosto, cunha media que acada os 23°C. A oscilación térmica é de 14,6°C, unha forte variación que vén dada polas elevadas temperaturas do verán. As precipitacións son relativamente baixas dentro do contexto galego, debido a factores topográficos e á súa situación interior, quedando ao redor dos 775 mm de media anual. O réxime pluviométrico ten un máximo nos meses do inverno, no que se recolle o 38% do total anual de precipitacións. Pola contra, rexístrase unha seca estival, recolléndose nestes meses só o 9 % do total, de xeito que o déficit hídrico supera os 100 mm anuais, prolongándose desde o mes de abril ata mediados de setembro. Trátase dun clima de transición entre o interior, o atlántico e o mediterráneo condicionado como xa se dixo pola situación interior do concello, afastado da influencia marítima e ao abeiro da dorsal galega que actúa de pantalla orográfica, provocando un notable descenso da pluviosidade. O concello de Barbadás forma parte da depresión de Ourense, unidade de relevo que se formou a partir dunha antiga penechaira fragmentada e desnivelada por procesos tectónicos. Pola disposición alargada do seu termo, Barbadás participa da transición altitudinal que se produce desde o centro cara á periferia da depresión. Pódense individualizar dous sectores: un meridional e outro setentrional. O sector setentrional engloba as parroquias de Piñor, A Valenzá, Barbadás e parte da de Sobrado do Bispo, e constitúe unha continuación do val de Ourense con altitudes arredor dos 200-300 m. A paisaxe é de ribeira, asentada sobre depósitos fluviais cuaternarios. No sector meridional, o terreo, constituído por granodioritas, é máis montañoso, acadando a súa maior altitude no extremo suroccidental, no Alto do Castro con 635 m. Paralelamente a esta transición lonxitudinal de descenso topográfico de S a N, Barbadás constitúe o interfluvio que separa o curso do Miño e o do río Barbaña. Desde o punto de vista hidrográfico, o concello encádrase na extensa conca do Miño, río que percorre o extremo noroccidental. Non obstante , a maior parte do territorio verte cara ao L e está drenado polos afluentes da subconca do río Barbaña, afluente da marxe esquerda do Miño. O espazo forestal ocupa un 66,4% do territorio. Hai un predominio do monte leñoso. A especie máis abundante é o piñeiro e, de xeito residual, tamén hai castiñeiros e carballos.
Xeografía humana
O concello de Barbadás experimentou ao longo do s XX unha evolución demográfica caracterizada por unha alternancia de etapas de crecemento con outras de perda de poboación. Nos momentos nos que a conxuntura económica favorecía en Galicia a emigración cara a América, nun principio, e cara a Europa e ás principais cidades galegas, máis recentemente, o concello viuse afectado por un descenso da súa poboación. Non obstante , nos últimos anos virou a tendencia: desde mediados da década de 1980, e especialmente na década seguinte ao proceso de expansión urbana da cidade de Ourense influíu positivamente na dinámica demográfica do concello. Entre 1981 e 1991, o concello experimentou un incremento do 10,15%. O crecemento multiplicouse no lustro seguinte pasándose de 4.056 h no censo de 1991 aos 5.239 h de 1996, un incremento do 22,58% en tan só cinco anos. O crecemento continuou no período 1996-2001 cun aumento do 29,18% e no período 2001-2007 do 28,32%. A función de área residencial da periferia da cidade de Ourense é a única causa da explosión demográfica que se produciu no concello. Este proceso de periurbanización materializouse gracias á construción de vivendas destinadas ao mercado urbano, principalmente en bloques de apartamentos e especialmente localizados na parroquia da Valenzá, o maior e principal núcleo do concello, Outros núcleos importantes son Sobrado do Bispo e Piñor. Predomina a vivenda familiar. Existen moitas vivendas secundarias que pertencen a emigrantes que regresan nos períodos vacacionais ou forman parte da recente demanda deste tipo de vivenda por parte da poboación ourensá e que adoita localizarse na parroquia de Piñor. Tamén existe unha elevada porcentaxe de vivendas desocupadas, anticipadas a unha posible demanda futura. En 2006 a taxa de natalidade era do10 ‰ e a de mortalidade do 7,3‰. A poboación menor de 20 anos suoón o 20,4% do total fronte ao 15,6% dos maiores de 65 anos e do 64% do grupo intermedio. A distribución por sexos amósase lixeiramente favorable ás mulleres: 50,61% fronte ao 49,38% dos homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Barbadás é do 57,3% (68,2% a masculina e 47,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 49,4% (60,6% a masculina e 38,9% a feminina) e a taxa de paro é do 13,9% (11,1% a masculina e 17,6% a feminina. A distribución da poboación por sectores de actividade reflicte a importancia do terciario e da industria, que ocupan o 66,6% e o 16,4% respectivamente, da poboación ocupada. O sector primario acolle só ao 2,6% dos ocupados, cando en 1981 representaba o 36%. O incremento demográfico provocado polo proceso de urbanización do concello aumentou o sector terciario ao tempo que a proximidade do polígono industrial de San Cibrao das Viñas (circunstancia que tamén incide para o crecemento residencial) favoreceu o incremento do secundario. O primario, tradicionalmente a base da economía local, é cada vez máis unha actividade residual e practicada en moitos casos a tempo parcial. Dentro da agricultura destaca o cultivo da vide nas parroquias máis setentrionais, nas terrazas do Miño, xunto cos cultivos de produtos hortícolas destinados ao mercado de Ourense. No resto do concello predominan os cultivos de millo, trigo, patacas e hortalizas. A gandería ten escasa importancia, só destaca o porcino. Tamén existen algunhas explotacións de granxas de galiñas, polos e coellos. A proximidade da cidade das Burgas propiciou a instalación de establecementos industriais: fabricación de materiais para a construción (Formigóns Reza), talleres de carpintería metálica e de produtos madeireiros, unha fábrica téxtil (Creacións Aida), algunhas de alimentación (embutidos e panaderías) e a Cerámica Galos. Ademais das empresas locais, parte da poboación activa do secundario desprázase diariamente a traballar a Ourense e ao polígono industrial de San Cibrao das Viñas. No sector da construción, que recolle ao 14,4% dos empregos destaca a empresa especializada en obras públicas Ferrovial SA. A maioría da xente que traballa no sector terciario faino na cidade de Ourense. O subsector comercial e o de hostalería están moi condicionados pola proximidade de Ourense, predominando os servizos de almacenamento e comerciais vinculados á capital. No territorio do concello instálase tamén unha gran superficie comercial. En Barbadás radican servizos propios de Ourense como o Hospital de Piñor, que constitúe unha ampliación do da cidade. Os servizos educativos están cubertos por tres colexios, dous públicos e un privado, e existen previsións de novas instalacións. No ámbito cultural existe unha casa da cultura na Valenzá, que dispón de biblioteca, sala de lectura, salón de conferencias e de espectáculos. A principal vía de comunicación é a estrada OU-540 que vai de Ourense a Celanova e continúa cara a Lindoso, na fronteira portuguesa. Nesta estrada localízanse os principais núcleos de poboación. Construíuse unha circunvalación nos núcleos da Valenzá e Barbadás para facilitar o intenso tránsito diario. A rede viaria compleméntase con outras estradas locais que van cara ás parroquias máis afastadas. Outra importante vía de comunicación é a estrada N-525, que pasa polo extremo NL do municipio. O conello está tamén atravesado pola A-52.
Historia
O castro de Trelle constitúe a referencia arqueolóxica máis antiga atopada nestas terras. A historia de Barbadás estivo sempre moi vinculada á cidade de Ourense. Feitos como a presencia dos suevos no s V, os ataques e destrucións dos árabes en datas posteriores e a influencia eclesiástica e da nobreza a partir do século XII son os sucesos históricos que máis marcaron o concello. Durante o Antigo Réxime, as parroquias que forman o actual concello de Barbadás integrábanse na antiga provincia de Ourense; o bispo de Ourense exercía o seu señorío nas xurisdicións de Barbadás, Piñor e Sobrado; o Marqués de Astorga era señor da vila de Bentraces (naquel entón integrada na parroquia de Sobrado do Bispo) e os veciños da Valenzá contaban cun couto redondo no que eles mesmos exercían o señorío. Co establecemento dos primeiros concellos (1813), dentro dos actuais límites de Barbadás xurdiron o de Sobrado do Bispo e o da Valenzá, adscritos en principio á provincia única de Galicia e a partir de 1822 á nova provincia de Ourense. En 1835 fusionáronse neste último ao tempo que a vila de Bentraces constituía a súa parroquia, segregada da de Sobrado do Bispo. No outono de 1851 o concello mudou de nome e de capital adoptando o de Barbadás. A súa historia contemporánea seguiu unida á capital das Burgas.
Patrimonio cultural
Ademais do castro de Trelle, destacan as igrexas de San Martiño de Loiro, románica construída no 1110, de San Lourenzo de Piñor, de Santa María de Sobrado do Bispo, románica do s XII, de San Amaro de Barbadás e de San Bernabé da Valenzá. En Sobrado do Bispo consérvanse casas señoriais dos ss XVI e XVIII. O pazo de Bentrances, do s XV, e o de Piñor do s XVI son a construcións civís máis salientables. Celébranse, entre outras, as festas de San Bernabñe da Valenzá, San Xoán de Barbadás e San Bieito de Bentraces, no mes de xuño; as de San Roque do Monte en Sobrado do Bispo en agosto e a romaría de San Bieito de Cova de Lobo en Piñor en xullo.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Ourense
Extensión 30 Km2
Poboación Total 8685 h
Poboación Homes 4289 h
Poboación Mulleres 4396 h
Densidade de poboación 289.5 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias