Barbados

Barbados
Nome científico: [nome oficial ingl: Barbados]

Estado insular do mar das Antillas que comprende a illa do mesmo nome, a máis oriental do arquipélago das Pequenas Antillas (431 km2; 265.000 h [estim 1997]). A capital é Bridgetown, situada no litoral sudoccidental, a 13° de latitude N e 60° de lonxitude O.
Xeografía física
A illa de Barbados está formada por rochas de época Terciaria, fundamentalmente calcarias e volcánicas, e rodeada de arrecifes coralinos. A costa oriental é escarpada, e a occidental, cha e areosa. As máximas altitudes rexístranse no NL, acadando os 336 m no monte Hillaby e os 321 m no Misery. A porosidade da rocha calcaria, que compón gran parte da súa base litolóxica, provoca que non haxa unha rede fluvial na superficie da illa, polo que o máis característico da súa hidrografía son os pozos. O clima é tropical, con temperaturas medias anuais de 26,8°C. A súa localización latitudinal é o factor responsable de que non existan variacións apreciables nos rexistros térmicos ao longo dos distintos meses do ano, podendo asegurarse que non existe un réxime estacional, que, pola contra, si resulta evidente no que atinxe ás precipitacións: a estación das chuvias prolóngase de xuño a outubro, meses nos que se recollen cantidades que oscilan entre os 1.100 mm e 2.200 mm anuais. Ademais, a illa está situada na ruta habitual dos furacáns e ciclóns tropicais.
Xeografía económica
A agricultura, que xunto coa pesca e a gandería acolle o 4% da poboación activa de Barbados, baséase na cana de azucre. Prodúcense tamén boniatos, ñames e hortalizas. A gandería tamén é importante, especialmente o gando bovino, porcino, caprino e ovino. O sector secundario dá traballo ao 14% dos traballadores, destacando a industria alimentaria, especialmente as refinerías de azucre, a industria papeleira, a de compoñentes electrónicos, a confección téxtil e a extracción de petróleo e gas natural. Barbados é un nó de comunicacións internacionais (aeroporto Seawell e porto transoceánico). O sector servicios abrangue o 82% restante da poboación activa: O turismo é a actividade económica máis importante e grazas aos ingresos que xera, o país compensa o seu déficit comercial exterior. En 1996 Barbados recibiu 447.000 turistas, ingresando por este concepto 685 millóns de dólares. Tamén adquiriron importancia a banca, por mor das vantaxes fiscais que concede o seu sistema tributario, e a industria electrónica, ambas as dúas maioritariamente en mans de capital norteamericano. No 1991 importou maquinaria, produtos alimenticios, materiais de construción, produtos químicos e carburantes. Das exportacións, predomina o azucre, os produtos químicos, os compoñentes eléctricos e o téxtil. Son importantes tamén as reexportacións, sobre todo de combustible mineral. Os principais provedores e clientes son os EE UU, Trinidad e Tobago e o Reino Unido. No 1995 a renda per cápita de Barbados (6.560 dólares anuais) era das tres máis altas do Caribe, por detrás das de Bahamas e Antiga e Barbuda.
Xeografía humana
A poboación da illa rexistra un incremento moi feble, do 0,2‰ de media anual no período 1992-1997, malia que o crecemento vexetativo acada valores moi superiores (4,2‰ en 1996), froito dunha natalidade elevada (13,3‰) e unha mortalidade que queda varios puntos por debaixo (9,1‰). A poboación urbana non acada a metade do total do país (47,4%). A esperanza de vida ao nacer sitúase nos 72 anos para os homes e os 77 para as mulleres. O 92,5% dos habitantes é de orixe africana, descendentes dos escravos procedentes da África subsahariana que foron levados á illa para traballar nas plantacións de cana de azucre. Os individuos de orixe europea, fundamentalmente británica, son o 3,2% da poboación. Os mestizos son o 2,8%. A relixión predominante é a cristiá, especialmente de confesión anglicana, que é a do 62,8% da poboación. A lingua oficial é o inglés, falado polo pobo con outros influxos ata configurar un inglés crioulo. O ensino é obrigatorio entre os cinco e os catorce anos, e hai unha universidade. O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1997 situaba a Barbados entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o vixésimo noveno posto cun índice do 0,857). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 76,4 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 97,6% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 80%, e o PNB real por habitante (PPA) é de 12.001 $ USA.
Goberno e sociedade
Barbados é unha monarquía parlamentaria no ámbito da Commonwealth, na que o xefe do estado é o soberano do Reino Unido, representado na illa por un gobernador. O poder executivo está en mans do primeiro ministro, nomeado polo gobernador, que é responsable diante do Parlamento, integrado pola Cámara de Representantes, formada por 28 membros elixidos para un período de 5 anos, e o Senado, composto por 21 membros designados polo gobenador. O Parlamento exerce o poder lexislativo. O ordenamento xurídico baséase no sistema británico. Está prevista a pena de morte; sen embargo, non se executou a ninguén nos últimos anos. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller; Convención Americana sobre Dereitos Humanos (1969). O partido político máis importante é o Labour Party (Partido Laborista). Barbados é membro da ONU, da Commonwealth, do CARICOM e da OEA.
Historia
Coñecida polos casteláns e polos portugueses durante o s XVI, en 1624 os ingleses iniciaron a súa colonización e convertérona en posesión da coroa británica (1652). Repoboada con escravos importados de África, iniciouse a explotación agrícola. A illa sufriu as consecuencias da guerra entre Inglaterra e Francia despois da independencia dos EE UU. En 1834 a Acta de Abolición da escravitude liberou á poboación escrava. En 1876 os habitantes de Barbados opuxéronse á unión coas illas de Barlovento proposta por Gran Bretaña. O moderno desenvolvemento de Barbados tivo lugar contra o 1940 e incrementouse despois da Segunda Guerra Mundial. Formou parte da fracasada West Indies Federation (Federación das Indias Occidentais, 1958-1962) e obtivo o autogoberno en 1961. As eleccións dese mesmo ano deron o poder ao Democratic Labour Party (DLP) de Errol Walton Barrow, quen se converteu no primeiro ministro ao alcanzar Barbados a independencia (30 de novembro de 1966). A democracia está consolidada na illa e no poder prodúcese unha alternancia entre os dous partidos maioritarios o DLP e o Barbados Labour Party (BLP). Nas eleccións de 1976 e 1981 obtivo o poder Tom Adams do BLP a quen, trala súa morte (1985), lle sucedeu o seu primeiro ministro Bernard Saint John. O poder retornou ao DLP tralas eleccións de 1986 e 1991, e Errol Walton Barrow (1986-1987) e Lloyd Erskine Sandidorf (1987-1994) ocuparon a presidencia do goberno. As eleccións do 1994 devolveron ao poder ao Labour Party, e Owen Arthur foi nomeado primeiro ministro, renovando o seu cargo en 1999. En 1997 tivo lugar en Barbados unha conferencia dos líderes dos países do Caribe, co obxectivo de incrementar as relacións comerciais e, sobre todo, coordinar a loita contra o tráfico de drogas.