bárbaro -ra

bárbaro -ra

(< lat barbaru)

  1. adx e s [HIST]

    Entre os gregos, orixinariamente, ‘non grego’, é dicir, estranxeiro, aplicado indistintamente aos membros dunha civilización desenvolvida (persas, exipcios) e aos de pobos primitivos (sármatas, escitas, xermanos). Coa civilización helenística, basicamente cosmopolita, este termo tomou un simple significado de inxenuidade e simplicidade. Os romanos déronlle un sentido pexorativo: o bárbaro era aquel que ignoraba ou non gozaba das superiores calidades da civilización. O contacto entre o mundo grecorromano e o bárbaro deu ao termo un significado máis concreto: designaba ás poboacións que quedaban fóra do Imperio e ameazaban as súas fronteiras, mentres que, coas invasións e a destrución do Imperio Romano de Occidente, pasou a designar a un home salvaxe, feroz e ordinario. Os godos, no s Vl, identificaban como bárbaros a aqueles que non eran nin godos nin romanos. San Tomé substituíu este termo polo antigo termo cristián de xentil. Durante o Renacemento denominaba todo aquilo que non era clásico, mesmo o medieval. Por outra banda, os primeiros escritos cristiáns non daban ao termo bárbaro sentido pexorativo. No s XVlll converteuse en sinónimo de home primitivo, aumentando o sentido psicolóxico relacionado co cultural. Posteriormente, é empregado por historiadores, etnólogos e sociólogos como termo cómodo, ou ben, cun intento de fixación tipolóxica.

  2. adx e s

    Quen utiliza a forza ou a ousadía e non a intelixencia. OBS: Esta acepción pode ser utilizada de xeito despectivo ou non. SIN: bruto.

    Ex: Arrincou a moa coa man coma se fose un bárbaro. A bárbara Chus Lago subiu ó Everest sen máscara de osíxeno.

  3. adx e s

    Que non garda o respecto debido ás outras persoas ou ás regras de comportamento cívico dominantes. SIN: bruto, descortés, groseiro, ordinario, rudo.

    Ex: Sorber a sopa é un comportamento propio dun bárbaro.

  4. adx

    Extremadamente cruel. SIN: atroz, brutal, fero, feroz, inhumano.

    Ex: Deulle un escarmento bárbaro.

  5. adx

    Que é admirable pola súa calidade. SIN: estupendo, excelente, extraordinario, fabuloso, fantástico, formidable, magnífico, marabilloso, sensacional.

    Ex: Vimos de ver unha obra de teatro bárbara.

    Antónimos: ruín.
  6. invasións bárbaras [HIST]

    Expresión empregada tradicionalmente para designar as sucesivas migracións de pobos non romanizados. Refírese sobre todo ás dos ss lV e V, que se introduciron no Imperio Romano e contribuíron á destrución da súa parte occidental. Con anterioridade xa houbera diversas incursións e migracións contidas de pobos espallados ao longo do limes imperial. Cara á metade do s III estes pobos foron substituídos polos francos, burgundios, alamanos, vándalos e godos, case todos procedentes das rexións bálticas. Entre eles destacaron dous grupos: os francos (dividido en francos ripuarios, establecidos na beira dereita do Rin, preto da actual Colonia, e francos marítimos, que ocupaban dende o val do Ijssel ata as costas de Holanda), e os godos, pobo xermánico procedente do baixo Vístula e instalado solidamente no s III na Ucraína (dividido á súa vez en ostrogodos ou godos do leste e visigodos ou godos do oeste). Francos e alamanos devastaron a Galia, a Hispania e mesmo o N de Italia (242 e 276). A presenza da Roma imperial na Galia quedou reducida a un exército de campaña instalado na cunca parisina, o seu xefe, Sagrio, fundou un efémero reino (464), definitivamente destruído (486) polo franco Clodoveo. Os burgundios, procedentes dos confíns de Brandenburgo e a Pomerania, fundaron un reino en Worms e Maguncia (408); derrotados, foron trasladados (443) en parte á actual Savoia en calidade de federados (foederatii) mediante un tratado (foedus) con Roma. A fronteira do Danubio resistiu o pulo dos pobos bárbaros ata o s lV, co único sacrificio da Dacia, concedida aos godos no 271. No s lV os visigodos e os ostrogodos atravesaron o limes, provocaron a derrota imperial de Adrianópolis (378), chegaron ata as portas de Constantinopla, atravesaron Macedonia (396) e devastaron Grecia. Foron vencidos polo xeneral de orixe vándala Estilico, rexente do Imperio Romano de Occidente. A pesar da paz do 397, que lles outorgaba as provincias ilíricas, e do nomeamento do seu xefe Alarico como magister militum, seguiron tentando chegar a Roma. O seu sucesor, Ataúlfo, traspasou os Pireneos e estableceu en Barcelona a corte visigoda ata o seu asasinato. Valia asinou un tratado (416) polo que os visigodos se comprometían a combater os bárbaros que ocupaban o occidente e o centro da Hispania e, a cambio, recibían avituallamento romano. O pacto foi cumprido ata o ano 418, cando o Emperador pediu ao pobo godo o seu establecemento nas chairas de Aquitania, constituíndo o Reino de Toulouse na Septimania. Entre o 379 e o 395, algúns ostrogodos conducidos por Radagais instaláronse na Panonia (Hungría occidental). Na mesma época os alanos e os vándalos, que se estableceran en Moravia, emprenderon o ataque contra territorio romano arrastrando canda eles ás tribos suevas e outras como os alamanos; traspasaron o Rin preto de Maguncia (406) e quedaron no N da Galia; suevos, vándalos e alanos proseguiron cara ao S da Galia, cruzaron os Pireneos (409) e chegaron á Hispania. No ano 410 os suevos xa aparecen establecidos na Gallaecia mediante un foedus pactado entre Hermerico e o emperador Honorio polo que a Provincia romana da Gallaecia se convertía en reino e Hermerico en rei, aceptando a superioridade da autoridade imperial. Deste xeito conformouse en Galicia o primeiro reino da Europa medieval. No 411 Flavio Constancio asinou un foedus que declara foederatii os vándalos, alanos e suevos que penetraran na Hispania. Este foedus non precisaba os límites dos territorios que cada pobo ocuparía, senón que deixou á propia elección de cada un a rexión de asentamento, así mesmo non obrigaba á habitual contrapartida dos foedera de prestar axuda militar ao Imperio. Os alanos establecéronse na Lusitania e na Cartaxinense; os vándalos na Bética; os vándalos, asdingos e suevos na Gallaecia. Agás os suevos, estes pobos foron substituídos polos visigodos e outros, como os alanos e algúns grupos de vándalos, pasaron o estreito de Xibraltar e chegaron a África. A mediados xa do s V, os hunos liderados por Atila, despois de atacar o Imperio de Oriente (441), invadiron a Galia, onde foron vencidos (451), e logo a Península Itálica. En Hispania o visigodo Eurico (466-484) atacou simultaneamente a Galia e Hispania, e formou un reino dende Xibraltar ao esteiro do Loira, e do Atlántico aos Alpes. Mentres, a Britania foi invadida no 449 polos anglos, os xutos e os saxóns. No ano 476 unha revolta dos mercenarios romanos ás ordes de Odoacro, Rei dos hérulos, puxo fin ao Imperio Romano de Occidente ao depoñer o seu derradeiro Emperador, Rómulo Augústulo. Odoacro, instalouse en Ravenna ata que foi expulsado por Teodorico, líder dos ostrogodos e inimigo seu. O reino fundado por Teodorico (493-526) só se interrompeu pola acometida do Emperador bizantino Xustiniano (527-565). A segunda onda migratoria principiou despois do 476, cando os francos salios, conducidos polo Rei Clodoveo (481-511), decidiron reanudar a expansión cara ao S e tras loitar contra alamanos, visigodos e burundios, conquistaron a maior parte da Galia romana (476-532). A terceira onda migratoria corresponde á invasión dos longobardos, que procedentes das beiras do Elba e establecidos na Panonia invadiron Italia (568). No 569 ocupaban toda a chaira do Po e tomaron Milán e logo Pavía (569-572). A invasión da Península Itálica polos longobardos deu aos ávaros, procedentes da estepa póntica, a oportunidade de penetrar no corazón de Europa: empurrados polos pobos turcos, acadaron a fronteira do Danubio (561-562), dende alí establecéronse na Península Balcánica, seguidos dos búlgaros e dos eslavos. O mundo antigo, centrado no Mediterráneo, non se alterou polas primeiras xeracións bárbaras. A partir do s VI o centro de gravidade do Occidente pasou ao norte do Loira e ao norte dos Alpes, cambio decisivo que constituíu o punto de inflexión e o eixe de comunicación entre o mundo antigo e a nacente civilización medieval de Europa.

Palabras veciñas

barbarie | barbarismo | barbarizar | bárbaro -ra | Barbaro, Ermolao | Barbaro, Humberto | barbarote