Barcia

Barcia
  1. [ONOM]

    Apelido de orixe toponímica. Este topónimo é de significación escura. Algúns autores consideran que está formado sobre a base prerromana, quizais ibera, (i)baika ‘beira de río’; outros pensan na voz prelatina *(i)bar-k-ena ‘o da beira’ formada coa raíz (i)bar ‘orela’. Este apelido presenta as variantes Bárcea e Barxa. A mesma orixe ca estes teñen os apelidos Barcela, Barcias e Barciela. Os apelidos Barcia e Barxa son orixinarios de Galicia ou Asturias e estendéronse por todo o territorio español e portugués. Documéntase no s XIV: Martin Fernandez de Varzea de Mera (doc ano 1327 en E. Portela Silva, La región del obispado de Tuy en los siglos XII-XV Compostellanum 20, 1975, p 404).

  2. [HIST/HERÁLD]

    Liñaxe natural de Asturias, que pasou posteriormente a Galicia, León e Zamora. As súas armas levan, en campo de prata, tres faixas de azul. Outra variante trae, en campo de goles, dous bastóns en aspa, de ouro, pendente á súa vez dun lazo, tamén de ouro, e dous castelos, un coas armas dos Vázquez (castelo con ameas das que sae un brazo empuñando unha chave) e outro castelo encol dunha rocha; descoñécense os seus metais e cores, así como a situación de ambos os castelos. Os que pasaron a Córdoba organizaron o seu brasón deste xeito: un castelo de prata, en campo de azul; unhas estrelas de prata, tamén en campo de azul; un piñeiro cuns lebreis, en campo de ouro; e unhas follas de parra, en campo de azul.