Barco de Valdeorras, O

Barco de Valdeorras, O


Concello da comarca de Valdeorras, situado na provincia de Ourense no L da comunidade autónoma (42° 25’ de latitude N e 6° 59’ de lonxitude O). Limita ao N co concello berciano de Oencia (en territorio da comunidade de Castela e León), ao L cos concellos de Rubiá e Carballeda de Valdeorras, ao S cos de Petín e A Veiga e ao O co de Vilamartín de Valdeorras (Valdeorras). Abrangue unha superficie de 85,7 km 2 cunha poboación de 13.943 h (2007), distribuída nas parroquias de Alixo, O Barco, O Castro de Valdeorras, Cesures, Coedo, Éntoma, Forcadela e Nogaledo, Millarouso e Santurxo, A Proba, Santa Mariña do Monte, Santigoso, Vilanova de Valdeorras, Viloira e Xagoaza. Atópase a 112 km ao leste da cidade de Ourense e a 198 km de Santiago de Compostela. A capital do concello é a vila do Barco, que é cabeza do partido xudicial, está adscrito á diocese de Astorga.
Xeografía física
Climaticamente o territorio municipal do Barco de Valdeorras está baixo o dominio oceánico-mediterráneo. As temperaturas son altas no verán e frías no inverno, quedando a media anual en 15°C. O mes máis frío é decembro con 4,5°C de temperatura media mentres que o máis cálido é xullo con 21,7°C. A oscilación térmica supera os 15°C, unha forte variación determinada polos fríos invernos e os cálidos veráns, o que engade certos trazos de continentalización. Os rexistros de precipitacións son dos máis baixos de Galicia e como promedio a penas acadan os 700 mm anuais. A localización xeográfica e a disposición do relevo son as causas ás que se lles pode atribuír a debilidade dos rexistros de precipitacións. O réxime pluviométrico ofrece un máximo nos meses do inverno, cando se recolle o 41% do total anual. O mínimo correspóndelle ao verán, cunha media do 9% do total, o que causa un déficit hídrico acusado, por enriba dos 100 mm anuais dende o mes de abril ata setembro. De todos os xeitos, prodúcese unha graduación térmica e pluviométrica desde o fondo do val ata os cumes máis elevados. Basicamente o concello do Barco de Valdeorras é un amplo val de vertentes disimétricas, percorrido no seu centro e con dirección L-O polo curso do río Sil. Desde o punto de vista topográfico pódense individualizar tres unidades de relevo, dúas montañosas, situadas ao N e ao S do termo e, entre ambas, o fondo do val. AO N atópase a Serra da Lastra que constitúe unha das últimas cadeas da Serra do Courel, e establece o límite setentrional co Bierzo e, polo tanto, a fronteira administrativa da comunidade autónoma. Aquí o relevo é accidentado e con fortes pendentes, acadando as máximas altitudes no Cerro da Abellonciña con 1.539 m, ou no Piornal con 1.259 m. A partir dos 650 m prodúcese unha forte ruptura e o relevo perde continuidade, polo que se pode individualizar en pequenos cerros, que están arredor dos 450-500 m de altitude. O sector central está formado polo val de Valdeorras, que é unha fosa tectónica orixinada pola oroxenia alpina a finais do terciario e pola que discorre o curso do río Sil de forma disimétrica polo bordo meridional. O río entra no concello polo L e faino bastante encaixado nun principio. Posteriormente abre o seu val nun curso divagante sobre o recheo dos seus propios depósitos fluviais. Son depósitos aluviais cuaternarios entre os que destacan os conos de dexección dos torrentes que aflúen ao Sil e os dous niveis de terrazas deste río, cun importante desenvolvemento na marxe dereita. Cara ao S, o relevo ascende de novo ata alcanzar os cumes das abas setentrionais da Serra do Eixe. A altitude máxima é de 1.360 m en Pena Cabrón. Polas fortes pendentes descenden rápidos torrentes que contribúen a acrecentar a accidentalidade do relevo. A rede hidrográfica artéllase ao redor do río Sil. Os numerosos regos e torrentes que descenden dos montes circundantes achéganlle as súas augas. Pola marxe dereita os máis importantes son o Mariñán e o Éntoma, e pola esquerda o Valado e o de Santa Mariña. Son regatos de curto percorrido pero cunha forte capacidade erosiva, polo que labraron profundos vales. O espazo forestal ocupa un 70,7% do territorio. Hai bosques de aciñeiras, sobreiras, oliveiras, castiñeiros e cerquiños (o máis abundante). Tamén hai repoboacións de piñeiro negral. A superficie forestal combínase cunha matogueira de toxos e xestas, e cun sotobosque propio das zonas secas do interior. No seu territorio inclúense dous espazos naturais, A Raña de Arnó e As Serras de Valdeorras (Serra de Cerixidos e Serra dos Cabalos da Encián), este último compartido cos concellos veciños de Vilamartín de Valdeorras e Rubiá.
Xeografía humana
O concello do Barco de Valdeorras tiña ao comezo do s XX unha poboación de 5.321 h. Dende entón e ata 1996 experimentou unha evolución demográfica que se pode dividir en catro fases. A primeira fase correspóndese coas tres primeiras décadas do século, nas que a poboación permaneceu estable cun mínimo crecemento na vila do Barco. A estabilidade demográfica deste momento debeuse á emigración con destino a América e á elevada mortalidade, factores que sumados, compensaban unhas moi altas taxas de natalidade. Unha segunda fase obsérvase nas décadas de 1930 e 1940. Contra a metade do século a poboación municipal superaba as 8.000 persoas. Este incremento ten a súa causa no aumento da poboación rural como consecuencia da paralización das saídas migratorias ao exterior durante estes anos, por mor da conxuntura económica desfavorable a nivel mundial (crac do 1929) e posteriormente polo peche das fronteiras provocado pola Guerra Civil española (1936-1939), a Segunda Guerra Mundial (1939-1945) e o illamento internacional no que quedou sumido o estado español ao remate do conflicto. A terceira fase corresponde ao período 1950-1970 e caracterízase por un lixeiro descenso do volume total da poboación do concello. Entre ambas datas perdeu 318 h. O abandono masivo da poboación rural cara a Europa Occidental e ás áreas máis industrializadas do estado español contrasta cun aumento da poboación do núcleo urbano do Barco, favorecido polo inicio do proceso de industrialización xurdido arredor da explotación da lousa e polo incremento continuo do comercio e dos servizos. A cuarta fase, dende 1970 ata 1996, presenta un acusado incremento da poboación do concello. O municipio comezou unha etapa de forte crecemento, situado no 18,14% na década de 1970 e no 13,07% na seguinte. Dende entón o crecemento continua nun 9,56% entre 1996 e 2001 en un 7,59% entre 2001 e 2007. O Barco converteuse nun foco de inmigración a nivel comarcal. A isto hai que engadir tamén un crecemento natural de signo positivo (2,7‰) como consecuencia dunha taxa de natalidade (10‰) superior á de mortalidade (7,3‰). Esta dinámica natural é á súa vez causa e consecuencia dunha estrutura demográfica relativamente nova dentro do contexto xeral do país, máis excepcional nas áreas do interior. A poboación menor de 20 anos supón o 20,2% do total, mentres que os maiores de 65 anos son o 16,6%, permanecendo o grupo intermedio no 63,1%. A distribución por sexos está equilibrada, lixeiramente a prol das mulleres, que constitúen o 50,24% da poboación. Existe unha forte concentración dos habitantes do concello no núcleo urbano. O 80 % vive no Barco mentres que o 20 % restante o fai nas entidades de poboación das súas 13 parroquias. As vivendas secundarias pertencen na súa maioría a emigrantes que constrúen ou mercan unha residencia para os períodos vacacionais e para un retorno definitivo. As desocupadas débense ao abandono nas parroquias demograficamente máis regresivas e a vivendas de nova construción en espera de demanda.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello do Barco é do 56% (68,5% a masculina e 43,9% a feminina); a taxa de ocupación é do 51,4% (64,9% a masculina e 38,3% a feminina) e a taxa de paro é do 8,2% (5,3% a masculina e 12,7% a feminina). A estrutura profesional amosa unha clara maioría dos asalariados que representan o 72,4%. Isto explícase pola relevancia que teñen os sectores terciario e industrial. Os traballadores por conta propia son, na súa maioría, pequenos comerciantes ou agricultores. A distribución da poboación activa por sectores económicos reflicte a importancia do sector servizos e da industria que ocupan o 46,1% e o 40,8%, respectivamente, dos traballadores. A construción representa o 10,6% e o sector primario o 2,6%. O Barco experimentou nos últimos anos un proceso de industrialización baseado na lousa, ao tempo que se consolidou como un lugar central do espazo comarcal (comercio e outros servizos). O desenvolvemento deste importante subsector industrial fundamentado no aproveitamento dun recurso endóxeno do valor da lousa foi o motor do crecemento demográfico e económico do Barco. A partir da década de 1960 xurdiron pequenas empresas que, aproveitando as posibilidades de explotación dos recursos locais, souberon evolucionar e adaptarse ao mercado ata configurar un sistema local consolidado. O influxo da lousa sobre o sector empresarial apareceu na década de 1970 cando as primeiras empresas acadaron un importante volume de emprego. A principal industria é a de extracción e elaboración de lousa, que xera arrededor de 700 postos de traballo. O sector artellou unha eficaz rede de distribución, conseguindo colocar o seu produto nos mercados internacionais, o que o converte nun dos primeiros nas exportacións da comunidade autónoma. A pesar diso e debido a un tecido empresarial moi atomizado e á súa vinculación coas flutuacións do subsector da construción, esta industria da lousa atravesa periodicamente situacións de crise que repercuten de forma negativa na economía de Valdeorras. Tamén no concello se encontra o complexo electroquímico de CEDIE S A, cunha explotación de xacementos de calcaria que tamén emprega a un elevado número de persoas. Esta empresa produce carburo de calcio, derivados do acetileno e fertilizantes nitroxenados. Constituíuse a mediados do s XX, substituíndo ás vellas caldeiras de Valdeorras que explotaban tradicionalmente as canteiras de calcaria de Xagoaza. Outras actividades industriais son a fabricación de produtos metálicos, de maquinaria, de material eléctrico, etc. Xunto á industria, o outro gran sector de actividade do Barco é o dos servizos. Dentro das actividades terciarias unha gran parte correspóndelle ao sector comercial. A actividade comercial do Barco destínase ao abastecemento da demanda do propio núcleo e do seu contorno comarcal. Posúe unha estrutura comercial minorista que ten un sobredimensionamento de unidades comerciais, debido á condición familiar dos establecementos e ao retorno de emigrantes que invisten na posta en marcha dun comercio. Destaca Coloniales Cruz. A rama de alimentación é a máis importante, seguida da confección e o calzado, e a de maquinaria. No relativo á hostalería, conta cun elevado número de cafeterías, restaurantes e un hotel, ademais dun establecemento de turismo rural. Tamén son moi importantes os servizos públicos: administración local, ITV, INEM, xulgados, axencia tributaria, atención sanitaria, colexios e demais centros educativos. No ámbito sanitario conta cun centro de saúde e co hospital comarcal de Valdeorras. Polo que respecta aos servizos financeiros hai numerosas sucursais de entidades bancarias e caixas de aforro. Corrobórase a importancia do Barco como un activo centro comercial, administrativo e de servizos. O dinamismo económico tamén se reflicte nos niveis de renda. As actividades do sector primario céntranse na agricultura. Destaca o cultivo da vide e, secundariamente, a produción da castaña. Os cultivos de viñedos ocupan o fondo da depresión onde as condicións climáticas son óptimas. Encadrado na denominación de orixe de Valdeorras, a primeira que se estableceu en Galicia, a súa produción destínase á elaboración de viños de calidade (Menciño e Brisel) a partir de variedades autóctonas como o godello e a mencía. A castaña, que foi a base da dieta ata a introducción da pataca, expórtase a Europa e a América. A estrutura das explotacións agrícolas caracterízase polo minifundio e a excesiva parcelación, aínda que o número de explotacións tende a descender. A gandería é unha actividade moi puntual e de escasa incidencia na economía local. A principal vía de comunicación é a estrada nacional N-120, entrada natural e acceso á Meseta, cun trazado que reforza a organización do territorio arredor do val do Sil. Esta estrada actúa como eixe de crecemento económico e demográfico da comarca. Destaca tamén a N-536. Outras estradas locais comunican a capital municipal coas restantes parroquias, como a OU-241. Estas vías aproveitan no seu trazado os vales transversais polos que discorren os afluentes do Sil. A liña de ferrocarril Ourense-Madrid discorre paralela á estrada e ao curso do Sil, dirección O-L.
Historia
A riqueza mineira de Valdeorras explica a intensa colonizacion levada a cabo polos romanos co fin de explotar os aluvións auríferos do Sil. Por aquí pasaba a vía XVII do Itinerario de Antonino, que ía de Braga a Astorga e tivo gran transcendencia no proceso de colonización. No s V d C, ao establecérense os suevos en Galicia, o territorio de Valdeorras separouse da diocese de Astorga, á que pertencía, se ben semella que durante este período non foi un núcleo de importancia. Trala batalla do río Guadelete quedou baixo dominio musulmán por breve tempo. Durante a Idade Media foi unha demarcación continuamente disputada entre os reinos de Asturias, León e Galicia, ata que os Reis Católicos concederon o señorío de Valdeorras aos condes de Ribadavia, en agradecemento pola súa participación na Guerra de Granada. Logo pasou aos condes de Lemos e ao marqués de Vilafranca, ata que comezou a súa decadencia no s XVIII. O conde de Ribadavia foi o derradeiro señor da xurisdición de Valdeorras, pertencente á antiga provincia de Ourense. As tropas francesas penetraron nela en xaneiro de 1809, sendo interceptadas e obrigadas a retroceder por paisanos liderados polos abades de Casaio e Millarouso. Durante a dominación francesa, Xosé I cesou ao conde de Ribadavia e Amarante na súa xurisdición e estado de Valdeorras. Co establecemento dos primeiros concellos en 1813, creouse o do Barco, adscrito á provincia de Galicia e, en 1822 á nova provincia de Ourense. Suprimida a constitución e o municipalismo en 1823, houbo que agardar ata 1833 para velos restaurados, quedando dende entón sen variacións. A vila do Castro, cabeza de concello e de xurisdición, empezou a decaer en favor do novo núcleo do Barco, xurdido no lugar no que unha barca comunicaba a marxe dereita do río co lugar de Viloria. En 1902 a construción da ponte de San Fernando favoreceu as comunicacións e relacións entre ambos núcleos. Comezou daquela unha incipiente industria artesanal entre a que destacaba a da elaboración de cal e a da extracción e transformación da lousa. En 1947 constituíuse a industria produtora de carburo de calcio, o que fixo mudar as estruturas do Barco, modificada polos inmigrantes proletarios.
Patrimonio cultural
No eido da arquitectura relixiosa cómpre destacar o mosteiro de Xagoaza, románico restaurado xunto coa igrexa de San Miguel, que pertenceu á orde de Xerusalén. No núcleo do Castro atópase a fortaleza medieva, declarada BIC en 1994. Destacan tamén a casa Carballo no Castro e o pazo de Viloria. Celébranse, entre outras, as festas na honra do Cristo en setembro, as de Santa Rita en maio, a de San Roque en agosto e as de San Mauro en xaneiro, esta de carácter máis gastronómico. Xunto a elas teñen lugar tamén a Festa Grande da Primavera o Descenso Internacional do Sil, a Mostra Valdearte e o Día de Valdeorras.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Valdeorras
Extensión 85 Km2
Poboación Total 13943 h
Poboación Homes 6937 h
Poboación Mulleres 7006 h
Densidade de poboación 164.04 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias