1 bario
(
-
s
m
[QUÍM]
Metal alcalinotérreo pertencente ao grupo II da táboa periódica, de cor branca prateada cando é puro, medianamente duro e maleable, moi electropositivo, de número atómico 56 e peso atómico 137,34, que actúa con valencia 2. Forma o 0,04% da codia terrestre e ocupa o décimo oitavo lugar na orde de abundancia; atópase sobre todo en forma de baritina e de witherita. A enorme afinidade que posúe para formar compostos co hidróxeno, cos halóxenos, co osíxeno, co nitróxeno e co xofre fai que sexa un metal difícil de obter. Prepárase por redución ao baleiro do óxido de bario co aluminio a altas temperaturas. Oxídase decontado polo aire e a miúdo con incandescencia. Os sales de bario son incoloros ou brancos, agás os que posúen anións coloreados, colorean a chama de cor verde, e os solubles no medio interno son tóxicos. O bario metálico emprégase para conseguir un baleiro máis elevado nas válvulas electrónicas, como lubrificante para chumaceiras que se deben usar no baleiro, como depurador en metalurxia e en aliaxes antifricións.
-
carbonato de bario
[QUÍM]
Sólido branco, insoluble, que se descompón a 1.450°C. Obtense ao engadir carbonato sódico nunha disolución de sales de bario. Emprégase como raticida, en vidros e esmaltes cerámicos e noutras aplicacións.
-
clorato de bario
[QUÍM]
Prismas incoloros ou pos brancos, solubles na auga. Prepárase mediante a electrólise do cloruro de bario. Emprégase en pirotecnia, en explosivos e como mordente téxtil.
-
cloruro de bario
[QUÍM]
Cristais incoloros, solubles na auga, que son obtidos industrialmente ao quentar o sulfato de bario con carbón e cloruro cálcico. Emprégase na fabricación de cloro, entre outras aplicacións.
-
cromato de bario
[QUÍM]
Precipitado amarelo obtido por reacción dunha solución de sal de bario co cromato de potasio. Emprégase nos mistos de seguridade e como pigmento.
-
hidróxido de bario
[QUÍM]
Sólido branco formado pola reacción do óxido de bario coa auga. Emprégase na análise química como base forte exenta de carbonato.
-
nitrato de bario
[QUÍM]
Cristais brancos, solubles na auga, que se forman ao engadir unha solución de nitrato sódico a outra de cloruro ou sulfuro de bario. Emprégase en pirotecnia e na fabricación de vidros e esmaltes cerámicos.
-
óxido de bario
[QUÍM]
Substancia branca ou amarelada que se obtén cando se calcina o nitrato ou o carbonato bárico. Emprégase como axente deshidratante e como aditivo nos aceites lubrificantes. SIN: barita.
-
peróxido de bario
[QUÍM]
Pos de cor branca grisácea que se obteñen quentando o óxido de bario nunha corrente de osíxeno. Utilízase en pirotecnia e nas balas trazadoras.
-
sulfato de bario
[QUÍM]
Pos microcristalinos, brancos, densos e moi insolubles en auga, que se obteñen polo tratamento dunha solución de sales de bario con sulfato sódico, ou ben como un subproduto na manufactura do peróxido de hidróxeno. Emprégase como pigmento e na elaboración de vidro. A súa inxestión visibiliza o tracto gastrointestinal en radioscopia.
-
sulfuro de bario
[QUÍM]
Composto obtido ao quentar nun forno eléctrico o sulfato de bario co carbón. Emprégase como depilatorio e vulcanizador.
-
titanato de bario
[QUÍM]
Cristais cun brillo grisáceo, indisolubles na auga e en álcalis. Emprégase en amplificadores dieléctricos e en transdutores para ultrasóns.