Barriga Verde
Obra dramática de Manuel María publicada por primeira vez en 1968 e na que se rende unha homenaxe a un personaxe moi popular e querido na beiramar e no interior do país, creado polo marionetista Xosé Silvent Martínez. Logo dun prólogo no que Barriga Verde se presenta ao lector e no que ten lugar unha das moitas pelexas co seu vello inimigo, o Demo, a peza dá conta dos amores que un Serrador sente por unha Moza que vai casar co Galego. Para evitar o casamento e fuxir coa Moza, o Serrador busca a axuda de Barriga Verde, quen lla nega pois vai ser padriño na cerimonia. Despois o Serrador procura a axuda do Demo, acto que desencadea unha nova liorta na que intervén a famosa moca de Barriga Verde. Esta pelexa remata coa morte do Demo, coa fuxida do Serrador, coa morte súbita do Crego que ía celebrar o casamento e coas lamentacións da Moza que non pode casar e anuncia o nacemento próximo dun fillo. Nesta obra recóllense elementos da dramaturxia tradicional como parrafeos, cantigas, refráns e pequenas regueifas cos que vai construíndo un diálogo, reproducindo a poética elemental e popular daqueles espectáculos de monicreques que, noutro tempo, se podían ver en Galicia. A obra encádrase nese conxunto de pezas, entre as que destaca a serie dos Autos, coas que Manuel María procura a revitalización e a dignificación da tradición teatral popular, empeño ao que anos despois se sumarían autores como Roberto Vidal Bolaño ou Camilo Valdeorras.