Barro
Concello da comarca e da provincia de Pontevedra, dituado na vertente occidental da Comunidade Autónoma (42° 31’ 2’’ de latitude N e 8° 38’ de lonxitude O). Limita ao N cos municipios de Portas e Moraña (na comarca de Caldas), ao O cos de Portas (comarca de Caldas) e Meis (comarca do Salnés), ao S co de Pontevedra e ao L co de Moraña (comarca de Caldas). Abrangue unha superficie de 37,6 km 2 c unha poboación de 3.426 h (2007), distribuídos nas parroquias de Agudelo, Barro, Curro, Perdecanai, A Portela e Valiñas. A capital está situada no lugar de San Antoniño, na parroquia de Perdecanai. Situado a 47 km de Santiago de Compostela e a 12 km de Pontevedra, está adscrito ao partido xudicial de Caldas de Reis e á arquidiocese de Santiago de Compostela.
Xeografía física
O concello de Barro encádrase baixo o dominio climático oceánico hiperhúmido con tendencia á aridez estival, caracterizado por unhas precipitacións abundantes e temperaturas suaves. A temperatura media anual é duns 14°C, sendo a media do mes máis frío (xaneiro) de 9,3°C, e a do máis cálido (xullo) de 19,4°C. A amplitude térmica extrema pode chegar ata 20°C. As precipitacións acadan doadamente os 1.800 mm debido á proximidade do mar, á disposición aberta do seu relevo aos ventos húmidos do SO e a unha altitude superior á do litoral, que se incrementa a medida que se achega á Dorsal Meridiana. A distribución estacional das precipitacións amosa unha importante seca estival, dado que entre setembro e maio se produciu o 92% do total das chuvias caídas. O mes máis chuvioso adoita ser decembro; nel, e tamén en novembro, xaneiro, febreiro e marzo supéranse habitualmente os 200 mm. O relevo é accidentado pero non chega a acadar grandes alturas, alternándose pequenos outeiros con amplos espazos chans. Todo o seu territorio está artellado arredor da Depresión Meridiana, que o atravesa de N a S, encaixándose entre os montes Acibal (que cos seus 541 m é o máis elevado do concello e serve de límite con Moraña) e o Castrove (de 450 m de altitude). Xunto a estes dous destacan tamén outras alturas importantes como o Castro, Rabuña, Taxil, Magdalena, Lardeira, etc. O substrato rochoso predominante é granítico. Este val de formas suaves é atravesado por varios regos (Lourido, Santa Susana…) que verten no río Chaín, afluente do Umia. Outros ríos importantes son o Ameixeiras, que forma unha fermosa fervenza (a fervenza de Baroca) no lugar de Maquieira, o Pequeno e o Outeiro.
Xeografía humana
A evolución demográfica do concello de Barro amosou dende 1887 (data do primeiro censo dispoñible) ata 1950 unha tendencia positiva, aínda que con pequenos altibaixos, para descender acusadamente na seguinte década. A emigración transoceánica contrarrestou o importante crecemento vexetativo da primeira metade do s XX. O incremento poboacional entre 1887 e 1950 foi do 11,37%. Pola contra, entre 1950 e 1960 a poboación descendeu un 7,62%. Non obstante , e a diferencia da dinámica da maior parte dos concellos do interior do país, a partir de 1960 e ata 1981 observouse un novo período de crecemento demográfico, motivado esencialmente polo retorno de emigrantes e pola proximidade e influencia dinamizadora da cidade de Pontevedra. Cun total de 3.845 h, 1980 foi o ano no que se rexistrou o máximo poboacional do concello. A partir desta data, a evolución demográfica tornouse lixeiramente negativa, aínda que mostrando na actualidade unha certa estabilización. Entre 1981 e 1996 descendeu un 7,15%. Este descenso mantense entre 1996 e 2001 nun 0,61% e entre 2001 e 2007 nun 1,21%. O dinamismo socioeconómico e demográfico transmitido dende Pontevedra deu lugar a que as tres parroquias limítrofes con este concello (Curro, Perdecanai e A Portela) sexan as máis poboadas na actualidade. Rexístrase unha caída importante da natalidade (8,1‰ en 2006) e unha alta mortalidade (11,5‰), motivadas polo avellentamento da poboación. De todos os xeitos, debido á influencia de Pontevedra e da extensión do proceso de periurbanización, as taxas son menos preocupantes que moitos dos concellos do interior. As saídas emigratorias teñen como destino preferente o concello de Pontevedra. A consecuencia desta evolución é unha estrutura por idades con tendencia ao avellentamento. O 21,9% dos habitantes teñen 65 ou máis anos, fronte ao 16,3% menores de 20 anos e o 61,8% do grupo intermedio. A distribución por sexos amósase equilibrada: 50,90% de mulleres fronte ao 49,09% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Barro é do 55,6% (70% a masculina e 43% a feminina); a taxa de ocupación é do 53% (67,4% a masculina e 40,4% a feminina) e a taxa de paro é do 4,7% (3,7% a masculina e 6% a feminina). A economía de Barro, ata hai poucos anos de base eminentemente agropecuaria, pasou a depender da influencia de Pontevedra e en menor medida de Vilagarcía de Arousa, a onde diariamente acoden a traballar un bo número de veciños do concello. O sector primario dá traballo ao 11,5% da poboación ocupada; nel, o subsector agrícola é predominante, destacando a importancia da agricultura a tempo parcial. A agricultura comercial fundaméntase en produtos hortícolas e está orientada a abastecer o mercado urbano pontevedrés. O réxime de propiedade é eminentemente familiar en explotación directa. Os produtos da horta son, xunto ao millo, as patacas e o viño, as principais producións. A vide cultivada sobre todo nas parroquias de Agudelo, Curro e Valiñas produce viños de excelente calidade: caíño e albariño. Tres parroquias, Agudelo, Perdecanai e Valiñas, están baixo a Denominación de Orixe Rías Baixas. A gandería É fundamentalmente bovina e porcina. A avicultura adquire unha importante representatividade sobre todo a través da explotación avícola intensiva de carácter industrial, Avícola de Galicia, dedicada á incubación, venda e engorde de polos. A importancia do subsector forestal asentáse en 2.733 Ha destinadas a este aproveitamento, sobre todo de especies de crecemento rápido como o piñeiro e o eucalipto. Este tipo de explotacións dá lugar á existencia de varios serradoiros e talleres de carpintería. O secundario pasa a converterse no principal sector de ocupación do concello: a construción agrupa 23,9% do emprego e a industria o 17,2%. A maioría dos empregados no secundario teñen o seu posto de traballo en empresas de Pontevedra. O sector terciario representa o 47,4% da poboación activa ocupada, centrada nas actividades comerciais e de reparación e no emprego público da administración. A atracción exercida pola cidade de Pontevedra, tamén é visible na alta ocupación neste sector de actividade. Ademais das estradas locais que comunican os distintos lugares das parroquias do concello e doutros veciños, as principais vías de comunicación son a Autoestrada do Atlántico ou AP-9 (de Ferrol a Vigo e Tui), que une a Santiago de Compostela con Pontevedra, a estrada nacional N-550 (A Coruña-Tui), e a estrada PO-531 (Vilagarcía de Arousa-Xinzo de Limia) que atravesa o concello pola parte meridional en dirección a Meis e Pontevedra, a PO-224, PO-226 e a VRG-4.1.
Historia
Os restos arqueolóxicos atopados en Castro Bandulfe e no de Barro poñen de manifesto a existencia de asentamentos humanos na época castrexa. A dominación romana quedou patente a través do testemuño da XVIII vía cara a Aquis Celenis que, de norte a sur, atravesaba o seu territorio. Aínda que sen contar cunha historia local moi intensa, o que hoxe é o concello de Barro sufriu importantes modificacións ao longo dos últimos séculos. No tempo do Antigo Réxime, as parroquias que na actualidade conforman este concello pertencían á xurisdición de Peñaflor, da provincia de Santiago de Compostela. Ao establecerse os primeiros axuntamentos constitucionais no 1813, o seu territorio integrouse no concello de Trasumia, dentro do partido xudicial de Caldas de Reis e da provincia única de Galicia. En 1821 dividiuse Galicia en provincias e o concello de Trasumia incorporouse á de Vigo. Suprimida en 1823 a constitución (e con ela o municipalismo) volveuse á organización do Antigo Réxime. Restaurada a constitución, creouse en 1835 o novo concello de Barro, no partido xudicial de Caldas de Reis e na provincia de Pontevedra. Na nova planta resultante do 1836, o concello tiña a súa capital municipal no lugar de Porráns ou Curuto, pasando definitivamente a San Antoniño rn 1900.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan a igrexa de San Martiño de Agudelo, de orixe románica, datada na segunda metade do s XII, onde destaca a súa portada principal, atribuída ao mestre Mateo; a igrexa de Curro ten pervivencias góticas, de estilo oxival tardío (comezos do s XV), aínda que posúe algúns elementos románicos, formando un interesante conxunto co seu cruceiro e atrio. O concello está atravesado polo Camiño Portugués de Peregrinación a Santiago. No que corresponde á arquitectura civil destacan o Pazo da Estrela, en Santa María de Perdecanai, construído por Antonio Rodríguez Castro no s XVII e cunha capela do XVIII, a casa da Torre en Porráns en Barro e a casa de Vista Real, de finais do s XVI, en San Martiño de Agudelo. Celébranse, entre outras, as fesatas do Viño, do Curro e a Feira Cabalar.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | PONTEVEDRA |
|---|---|
| Comarca | Pontevedra |
| Extensión | 37 Km2 |
| Poboación Total | 3426 h |
| Poboación Homes | 1682 h |
| Poboación Mulleres | 1744 h |
| Densidade de poboación | 92.59 h/Km2 |