Basanta
Liñaxe natural de Mondoñedo ou de Viveiro, que pode aparecer representada nos tratados heráldicos coa forma Basante. Os membros desta caste espalláronse por toda Galicia e fundaron casas no Barco, Cedeira, Bande, A Coruña, Mondoñedo, Oleiros, Rioaveso, Barreiros e, sobre todo, nos arredores de Mondoñedo. Os de Valladolid descenden dos de Ansemar en Castro de Rei. Entroncaron con nobres familias galegas como os Pedrosa. As súas armas levan escudo mantelado: primeira partición, en campo de sinople, cunha árbore da súa cor natural, perfilada de ouro e, ao seu pé, unha fonte con augas de azul e prata; segunda partición, en campo de goles, cunha serpe descabezada, da súa cor natural; terceira partición, en campo de azul, co signo de Salomón de ouro; bordo de sable, con catro aspas de prata. Outra variante trae escudo partido: primeira partición, en campo de prata, con medio corpo dianteiro dun cervo de sable, acompañado de catro cruces planas de goles, unha en cada flanco, no xefe e na punta; segunda partición, en campo de azul, cunha árbore de prata, terrazada de sinople e sinistrada dunha fonte da súa cor natural.