Batallón a Constancia

Batallón a Constancia

Partida carlista galega moi temida, que tiña por caudillo a frei Saturnino Enríquez, un franciscano que fuxira o 14 de maio de 1835 do convento da Vot da Mercede en Melide para pasar a integrar as filas das guerrillas que defendían o Absolutismo a carón de Antonio López, quen estaba ao mando da partida de Sobrado-Arzúa-Melide. Formado no ano 1836, trala morte de Antón López, por desmembración da partida que dirixía, tivo o seu lugar de actuación na área de Mesía, nas terras do interior de Betanzos. O Batallón da Constancia tiña como segundos a Fraga e Andrés Carril, e adquiriu unha nomeada reputación de partida sanguinaria polas súas medidas represivas e polas súas sentencias sumarísimas. A violencia e as extorsións veñen a confirmar a escasa atención que lle prestaba ás recomendacións de moderación dadas polo presidente da xunta carlista galega, Juan Martínez Villaverde. En 1840 frei Saturnino fuxiu a Portugal, onde morrería en 1845 ou 1846, logo da disolución do seu batallón.

Palabras veciñas

batalleira | batallo | batallón | Batallón a Constancia | Batallón da Blusa | Batallón de Monforte | Batallón do Morrazo