bauxita

bauxita

(< topónimo Les Baux)

s f [XEOL]

Rocha que resulta da meteorización dos feldespatos e feldespatoides baixo unhas condicións ambientais cálidas e húmidas. Provén da lixiviación de rochas volcánicas básicas e graníticas. A bauxita, considerada anteriormente como especie mineral, é en realidade unha rocha esencialmente formada por tres minerais: hidrarxilita (Al(OH)3), diásporo (AlOOH) e alumoxel (Al2O3nH2O). Entre as súas variedades, as bauxitas vermellas empréganse para a produción de aluminio, e as bauxitas brancas para a fabricación de refractarios, abrasivos industriais e para a obtención de cementos especiais.