Beade
Concello da comarca do Ribeiro situado na provincia de Ourense (42° 19’ de latitude N e 8° 07’ de lonxitude O). Limita ao N co concello de Leiro, ao L cos de Cenlle e Ribadavia, ao S co de Ribadavia e ao O co concello de Carballeda de Avia (todos eles do Ribeiro). Abrangue unha superficie de 6,4 km 2 cunha poboación de 557 h (2007), distribuídos entre as parroquias de Beade e As Regadas. A capital do concello é o lugar de Beade. Atópase a, 35 km ao O da cidade de Ourense e a 124 km de Santiago de Compostela. Está adscrito ao partido xudicial de Ribadavia e á diocese de Ourense.
Xeografía física
O territorio do concello de Beade está baixo o dominio climático oceánico-mediterráneo, caracterizado pola suavidade térmica, tanto nos meses do inverno como nos do verán. Os meses que rexistran as temperaturas medias máis baixas son decembro e xaneiro, con 5°C. O mes máis cálido é xuño, cunha temperatura media que chega aos 19°C. O volume de precipitación media recollido anualmente pódese considerar baixo para o contexto galego, e xira ao redor dos 1.100 mm. A distribución estacional desta precipitación amosa un claro desequilibrio; o réxime pluviométrico fai que acaden o máximo no inverno, estación na que se recolle o 41% do total anual. O mínimo correspóndese co verán, estación que rexistra unha media do 11% do total anual, feito que provoca un déficit hídrico estival por riba dos 100 mm/ano, prolongado desde mediados do mes de maio ata setembro. O concello de Beade esténdese pola marxe dereita do río Avia e presenta un relevo irregular. Aparece unha sucesión de redondeadas elevacións, cunha altitude que ascende gradualmente desde o curso do río Avia cara ao O, onde se alcanzan as maiores altitudes (308 m). A rede hidrográfica organízase ao redor do río Avia, afluente pola dereita do Miño. O Avia aprovéitase para trazar o linde oriental co concello de Cenlle. Tamén drena o termo o rego das Signadas e outros de menor importancia. As masas forestais tan só aparecen no 29% da superficie, xa que os cultivos ocupan a maior parte.
Xeografía humana
O concello de Beade experimentouao longo do s XX unha evolución demográfica inserida na dinámica xeral descrita polos municipios do interior do país, caracterizada por un incremento sostido ata a metade da centuria, neste caso ata 1960, para posteriormente sufrir unha fonda recesión provocada por unha emigración masiva, especialmente intensa nos grupos de idade dos adultos máis novos. Ata 1960 a vitalidade demográfica, fundamentada en elevadas taxas de natalidade, compensaba as perdas provocadas polo fenómeno emigratorio. Entre 1960 e 1970 o éxodo acadou os máximos niveis, proceso que se interrompeu polo cesamento da demanda de man de obra nos países receptores, orixinado pola crise económica xeneralizada (crise do petróleo de 1973); deste xeito, o período censual 1970-1981 pechouse cun incremento do 15%, debido fundamentalmente aos retornos de emigrantes, pois o crecemento vexetativo era xa negativo. O descenso da natalidade e o avellentamento da poboación provocaron o inicio dunha etapa de descenso demográfico acusado a partir de 1981, agravado pola nova xeira emigratoria, nesta ocasión dirixida fundamentalmente cara ás vilas de Ribadavia e O Carballiño e ás cidades de Ourense e Vigo. En 1991 a poboación municipal constituíana 868 persoas, que en 1996 se viron reducidas ao 70%, o que supón un descenso medio do 6% anual. Entre 1996 e 2001 a poboación descendeu nun 1,31% e entre 2001 e 2007 nun 7,16%. O grao de avellentamento que se rexistra no concello, cun 28,4% da poboación maior de 65 anos, provoca consecuencias moi graves para a substitución xeracional, que se ve moi comprometida pola baixa natalidade (3,6‰) e a elevada mortalidade (12,7%), características propias da poboación de idade tan avanzada. Pola contra, a poboación menor de 20 anos tan só acada o 13,3%, mentres que a poboación do grupo intermedio representa o 58,3% . A distribución da poboación por sexos amosa un leve desequilibrio a prol dos homes, que constitúen o 50,26% da poboación.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Beade é do 38,4% (57% a masculina e 20,1% a feminina); a taxa de ocupación é do 27,5% (44,2% a masculina e 11,2% a feminina) e a taxa de paro é do 28,3% (22,5% a masculina e 44,4% a feminina). O sector primario constitúe a base económica do concello e acolle o 42,9% dos ocupados; céntrase case exclusivamente no cultivo da vide, que ocupa 135 Ha (1999). Beade encádrase na área acollida ao abeiro do Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro. A produción da vide comercialízase sobre todo a través da Cooperativa do Ribeiro, con implantación no mercado nacional e internacional. As explotacións son, en xeral, de pequenas dimensións e cunha produción en descenso debido ao avellentamento dos seus propietarios. Secundariamente, hai cultivos en invernadoiros de hortalizas, pementos e flores. A evolución do censo agrario amosa un incremento do número de explotacións polo avance da superficie dedicada á viticultura en detrimento da dedicada a prados ou pastos. As actividades gandeiras non son transcendentes dende o punto de vista comercial e quedan reservadas para ao autoconsumo doméstico, destacando o porcino. O sector secundario ten escasa relevancia na economía do concello; só o 20,4% da poboación ocupada se encadra nel, a maioría desprázanse a outros concellos para traballar, o 12,2% na industria e o 8,2% na construción; existe unha pequena empresa de transformados metálicos. O sector servizos é o segundo en importancia e ocupa o 36,7% dos traballadores. As actividades terciarias concéntranse na capital municipal, onde ademais dos servizos públicos administrativos, sanitarios e educativos, hai algún pequeno comercio de alimentación, unha oficina bancaria e mesmo un centro de saúde. No ámbito socioeconómico Beade mantén estreitos lazos coa vila de Ribadavia, a cabeceira da comarca do Ribeiro. As actividades comerciais, administrativas e de diferentes servizos realízanse diariamente polos habitantes de Beade en Ribadavia. A principal vía de comunicación é a estrada N-120 (Ourense-Vigo), que pasa polo extremo meridional do municipio. Desta, parte unha estrada local que percorre o concello de S a N seguindo o curso do río Avia; de aquí sae outra estrada que vai para Avión e pasa polo lugar das Regadas.
Historia
O concello de Beade pertenceu durante a Idade Media a unha das encomendas da orde de san Xoán de Xerusalén. Aínda que se descoñece a data da súa fundación, un documento de 1406 dálle o título de encomenda a Beade e establece o dominio do seu comendador sobre varias parroquias, entre as que se encontra a das Regadas. No século XVIII esta encomenda, que chegou a pertencer ao priorado de Castela, era, xunto coa de Quiroga, a máis importante de Galicia. Mantivo preitos co bispado de Tui, e a súa influencia foi en aumento ao absorber durante ese século a encomenda de Pazos de Arenteiro, que fora dos templarios. Incorporaba, así, ás súas posesións os lugares de Albarellos, Cusanca, Dadín, Parada de Labiote, Reádegos e Astureses. No século XIX, durante a Guerra da Independencia, Beade foi saqueada polos franceses. Máis tarde, os voluntarios realistas repetirían esta acción. Durante o Antigo Réxime as terras que integran o concello de Beade pertenceron ás xurisdicións de Beade, Melón, A Veiga e Carballeda, do señorío do Conde de Ribadavia, e ao Couto de Beiro que pertencía ao mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela. Coa creación dos primeiros concellos en 1813 formouse o de Beade, constituído por 10 parroquias, das que oito pasaron a formar parte dos municipios limítrofes e en 1927 o concello quedou definitivamente formado como na actualidade.
Patrimonio cultural
No eido da arquitectura relixiosa destacan as igrexas de Santa María de Beade, que conserva vestixios románicos, e a de San Mauro das Regadas; no adro da igrexa de Beade iníciase un viacrucis que remata na veciña capela de San Roque, consérvase tamén a casa reitorial de estilo gótico plateresco. No eido da arquitectura civil sobresaen o pazo de Lamigueiro, o pazo de Pateira e o pazo dos Ojea en Oliveira.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Ribeiro, O |
| Extensión | 6 Km2 |
| Poboación Total | 557 h |
| Poboación Homes | 280 h |
| Poboación Mulleres | 277 h |
| Densidade de poboación | 92.83 h/Km2 |
Parroquias
| Beade |
| Regadas, As |