Beatus

Beatus

Nome co que son coñecidos o Comentario á Apocalipse e mais o Libro de Daniel, escritos polo Beato de Liébana. É unha obra de grande interese, tanto polo texto, que contén fragmentos patrísticos doutro xeito perdidos, como polas ilustracións, abundantes e moi características. No estilo e nos temas iconográficos hai unha gran cantidade de influencias, dende as paleocristiás ata as visigóticas, asimiladas cunha forte personalidade mozárabe, aínda que algúns beatos son plenamente románicos. As escenas, encadradas nunha orla, son representadas a miúdo sobre un fondo esquemático e simbólico de bandas horizontais, unhas veces de intensa coloración e outras da cor natural do pergameo. Os ornamentos e as arquitecturas estilizadas son, en xeral, os típicos da arte mozárabe. Existen varias copias deste manuscrito, polo xeral con ilustracións miniadas, dos ss X ao XIII, entre os que salientan: o conservado na Pierpont Morgan Library de Nova York, procedente de San Miguel de Escalada, asinado por Magius e datado no 926 (é o máis antigo dos que se conservan); o de Girona, asinado por Senior e acabado no 975, ou o de São Mamede de Lorvão (Portugal), asinado por Egas no 1183.