Begonte
Concello da Terra Chá, situado na provincia de Lugo no N da Comunidade Autónoma de Galicia (43° 09’ de latitude N e 7° 40’ de lonxitude O). Limita ao N cos concellos de Cospeito e Vilalba, ao O co de Guitiriz (todos eles da Terra Chá), ao S cos de Friol e Outeiro de Rei e ao L cos de Rábade, Outeiro de Rei (comarca de Lugo) e Cospeito . Abrangue unha superficie de 126,8 km 2 c unha poboación de 3.550 h (2007), distribuídos nas parroquias de Baamonde, Baldomar, Begonte, Bóveda, Carral, O Castro, Damil, Donalbai, Felmil, Gaibor, Illán, Saavedra, San Fiz de Cerdeiras, San Martiño de Pacios, San Vicente da Pena, Santalla de Pena, Trobo, Uriz e Virís. A capital, na parroquia de Begonte. Situado a 94 km de Santiago de Compostela e a 21 km de Lugo e de Vilalba, está adscrito ao partido xudicial de Vilalba e á diocese de Lugo.
Xeografía física
O territorio que forma o concello de Begonte está inmerso nunha área de dominio climático oceánico continental. A temperatura media anual acada un valor de 12°C, oscilando entre os 17,7°C de temperatura media do mes máis cálido (xullo) e os 6,5°C do máis frío (xaneiro). Malia a súa situación interior, os rigores térmicos do inverno non se prolongan máis que de novembro a febreiro. As precipitacións medias anuais acadan rexistros próximos aos 1.000 mm, cunha distribución estacional que as concentran no inverno e no outono (nos que se recollen respectivamente o 32% e 31% do total anual). Fronte a esto, no verán só se recolle un 11% do total anual. Pola súa banda, a primavera ten un comportamento de estación de transición achegando o 25% das chuvias. No tocante ao relevo, o territorio do chairego concello de Begonte forma parte da penechaira fundamental de Galicia, situada a unha altitude media de 400-500 m sobre unha litoloxía na que se alternan os xistos do Cámbrico con afloramentos de granodioritas, que pola súa maior resistencia á erosión constitúen os sectores máis elevados. A máxima altitude corresponde aos 735 m de Cordal, ao S do concello, no límite con Friol. Os cursos fluviais que drenan o territorio municipal de Begonte, principalmente o Parga e o Ladra, pertencen á conca do Miño, que serve de fronteira oriental do concello.
Xeografía humana
A evolución demográfica do concello de Begonte nos últimos dous séculos foi semellente á doutros municipios do interior de Galicia. Así, este territorio mantivo un crecemento poboacional feble, aínda que sostido, ata mediados do s XX, acadando o seu máximo en 1950, con 6.964 habitantes. A continuación sufriu un paulatino, e aínda vixente, proceso de retroceso demográfico. A realidade deste declive faise evidente ao observar como os 4.084 habitantes de 1996, representan o 78,81% da poboación inicial do período (5.182 persoas no 1887), o 67,76% respecto do comezo do s XX e tan só o 58,64% respecto da censada en 1950. O descenso de poboación continuou nos anos seguintes e así en 2001 o concello perdeu, respecto a 1996, o 10,03%, e entre 2001 e 2007 o 3,37%. En 2006 a taxa de natalidade era do 3,2‰ e a de mortalidade do 11,7‰. O resultado desta evolución é unha poboación moi avellentada na que as persoas maiores de 65 anos anos constitúen o 34,4% da poboación fronte só a un 10,7% de menores de 20 anos, e o 54,9% do grupo intermedio. A distribución por sexos está equilibrada: 50,28% de mulleres e 49,71% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Begonte é do 41,6% (52,6% a masculina e 30,9% a feminina); a taxa de ocupación é do 38,2% (49,7% a masculina e 26,8% a feminina) e a taxa de paro é do 8,4% (5,5% a masculina e 13,1% a feminina). A economía do concello de Begonte mostra unha perda de importancia do sector primario que, sen deixar de ser o maioritario, é a actividade do 23,1% da poboación ocupada. O emprego no sector baséase en explotacións gandeiras especializadas no bovino con orientación láctea. A actividade agrícola ten unha vocación dupla: por unha parte emprégase para fornecer as explotacións gandeiras de inputs necesarios para o seu desenvolvemento, e por outra dedícase ao autoconsumo, constituíndo deste xeito un complemento en especie das rendas familiares. Este segundo aspecto da actividade agrícola baséase en cultivos que forman unha parte moi importante da dieta humana cotiá e tradicional deste territorio. Fronte a ese sector primario destacado, aínda que en retroceso, temos un emerxente sector terciario favorecido pola mellora da accesibilidade con Lugo (provocado pola entrada en servizo da autovía do Noroeste), que ocupa ao 42,3% dos traballadores do municipio. O sector secundario dá emprego ao 34,4% dos ocupados, o 21% na industria e o 13,4% na construción. A industria radicada no termo municipal de Begonte está moi intimamente relacionada coa transformación dos recursos agropecuarios e o abastecemento das actividades dese sector, destacando as fábricas elaboradoras de pensos para o gando e os serradoiros e a industria da madeira en xeral. Begonte está nunha encrucillada entre a estrada nacional N-634, que o comunica con Vilalba e a Mariña, e a autovía do Noroeste (A-6) pola que discorre o tránsito entre A Coruña e Lugo xunto coa N-VI, ademais da estra LU-541.
Historia
As mostras máis antigas da ocupación humana das terras que forman o concello de Begonte son as mámoas megalíticas atopadas en Donalbai, Armental ou Campelos. Da cultura castrexa quedan os castros de Pacios, Illán, Gaibor e Trobo. Como testemuño da presenza e dominación romana quedan os restos dunha calzada, unha ponte e unha ara dedicada a deuses lares viais. Polas terras do concello pasa o Camiño do Norte de Peregrinación a Santiago. As parroquias que forman o actual concello de Begonte pertenceron no Antigo Réxime ás xurisdicións de Baamonde, Carral, Dalmil e Felmil, Gaibor, Illán, Outeiro de Rei, Parga e Vilalba e ao couto redondo de Saavedra, todas elas integradas na antiga provincia de Lugo. Co establecemento en 1813 dos primeiros concellos, formáronse os municipios de Baamonde e Saavedra, e seis das parroquias do actual quedaron integradas no de Outeiro de Rei, pertencentes todos eles ao partido xudicial de Vilalba e á provincia de Galicia. Coa división en catro provincias de 1822 pasaron a quedar integrados na nova provincia de Lugo. En novembro de 1835, suprimiuse o concello de Saavedra e as súas parroquias integráronse no de Outeiro de Rei. Ademais, a parroquia de Trobo estaba no concello de Vilalba e a de Castro no concello de Parga-Guitiriz. En novembro de 1840 creouse o concello de Begonte, suprimíndose o de Baamonde e integrando algunhas parroquias dos concellos veciños. As de entón son as mesmas que o integran na actualidade, coa excepción da parroquia de Rábade, segregada en maio de 1925 e que dende esa data constitúe concello propio.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados cómpre destacar a igrexa románica de Santiago de Baamonde e Santa Baia de Bóveda, declarada BIC en 1931., e que puido ser un ninfeo romano cristián do s IV. No eido da arquitectura civil, destaca a torre de Camarasa (BIC, 1994), o pazo de Souto, a casa-pazo de Gaibor, a casa-torre de Virís e a casa de Rañal. No concello atópase a Casa-Museo Víctor Corral. Destaca tamén o chamado Belén de Begonte que se instala desde 1972 nas festas navideñas. O patrimonio natural está representado polo espazo natural Parga-Ladra-Támoga, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000. Celébranse, entre outras, a romaría dos Milagres de Saavedra en maio.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Terra Chá |
| Extensión | 126 Km2 |
| Poboación Total | 3550 h |
| Poboación Homes | 1785 h |
| Poboación Mulleres | 1765 h |
| Densidade de poboación | 28.17 h/Km2 |