Belarmino, Roberto
santo (Montepulciano, Toscana 4.10.1542 - Roma 17.9.1621) Xesuíta, cardeal e teólogo. Ingresou na Compañía de Xesús e foi ordenado sacerdote en 1570. En 1599 acadou o cargo de cardeal e entre 1602 e 1605 foi bispo de Capua. Foi profesor de Teoloxía na Universidade de Louvain, onde destacou como polemista. A súa obra principal son as Disputationes de controversiis christianae fidei adversus huius temporis haereticos (Discusións sobre as controversias da fe cristiá contra os herexes do seu tempo, 1586-1593). Baseou a súa teoría política en que o poder espiritual non debía dominar o poder civil e temporal, que ten a súa propia autonomía, e en que o Rei non ten ningún poder divino directo, razóns polas que defendeu a primacía pontificia nas controversias político-relixiosas con Venecia (1606-1607) e Inglaterra (1606-1609). Así mesmo, interveu nos procesos contra Giordano Bruno, Campanella e Galileo. Foi canonizado en 1930. A súa festividade celébrase o 17 de setembro.