benaventuranza

benaventuranza

(< ben + aventura)

  1. s f

    Para os cristiáns, vista ou posesión de Deus no ceo.

    Ex: Sempre di que espera a benaventuranza despois do seu pasamento.

  2. s f

    Felicidade e prosperidade humana.

  3. s f [RELIX]

    Segundo os relatos do Evanxeo cada unha das declaracións feitas por Xesús no Sermón da Montaña que comezan coa palabra benaventurados (ou ditosos, felices), consideradas en conxunto como unha síntese global da súa predicación. Nos textos bíblicos hai dúas versións das benaventuranzas, no Evanxeo segundo san Mateo e no Evanxeo segundo san Lucas. Os dous libros colocan o discurso ao principio da vida pública de Xesús, xusto despois de escoller os doce apóstolos entre os seus discípulos, baixando do monte onde se retirara a orar e dirixíndose a unha multitude que o seguira dende Palestina. O relato de Lucas (Lc 6, 20-26), que contén só catro benaventuranzas, é, segundo os exexetas, o máis próximo á tradición primitiva, e prosegue con mandamentos que condensan a ética cristiá, engadindo unha especie de “contrabenaventuranzas” nas que condena a riqueza inxusta. A pluma de Mateo (Mt 5,1-12) enriqueceu o discurso con catro benaventuranzas máis e tamén o prolongou con reflexións en boca de Xesús sobre a Lei, novos mandamentos e consellos sobre a oración, recollendo o texto do “Noso Pai”. A tradución ao galego da Biblia principia o discurso en ambos os relatos coa palabra ditoso.

  4. s f [RELIX]

    Estado feliz da persoa que ten a Deus como motivo principal. A Biblia presenta a benaventuranza de Deus como o símbolo dunha situación á que todo home aspira. Inicialmente consistía na acumulación de bens terreais. Axiña se caeu na conta de que esta benaventuranza era relativa e que o home non podía evitar a coita pola brevidade deste benestar. Entón comezou a ter corpo a concepción dunha benaventuranza ultramundana e eterna.