Benin

Benin
Nome científico: [nome oficial fr: République du Bénin]

Estado da África Occidental, situado entre os 12° e os 7° de latitude N e os 4° e 1° de lonxitude L. Limita ao L con Nixeria, con Togo ao O, con Burkina Faso e Níxer ao N e co golfo de Guinea ao S (112.622 km2; 5.781.000 h [estim 1998]). A capital é Porto-Novo.
Xeografía física
A chaira costeira resólvese cunha serie de barras litorais que pechan os esteiros dos ríos Ouémé e Couffo, deixando no interior lagoas. Cara ao interior, máis ao N, o terreo vaise elevando polo altiplano cristalino que ocupa a maior parte do territorio. Érguense relevos residuais formados por cuarcitas ou batolitos de granito. No NO, a serra de Atakora baixa en curutos paralelos cara ao Níxer, onde forma pequenos outeiros. O clima é ecuatorial no S e tropical no N. De S a N, as precipitacións diminúen. Os ríos do baixo Benin (Ouémé e Mono) desembocan no Atlántico. No alto Benin, os ríos Soka, Meke e Alibory son tributarios do Níxer, e o Pendjari, do Volta. No interior predomina a vexetación de sabana. Ao N da rexión das lagoas, un terreo palustre cuberto de matogueira esténdese ata o bosque tropical. A vexetación tropical substituíuse en gran medida por cultivos de plantación e palmeiras. O estado recoñeceu tres espacios de interese natural suxeitos a protección especial: o Parc National du W, o Parc National de la Pendjart e a reserva de Atakora.
Xeografía económica e economía

Sector primario
A agricultura domina a vida económica, ocupando o 61% da poboación, malia que só se lle dedica o 17% da superficie do país. As principais producións son cultivos de subsistencia. As maiores colleitas en 1997 foron as de ñame (1.302.000 Tm) e mandioca (1.293.000 Tm), seguidas de millo (451.000 Tm). Dos cultivos de plantación, propiedade do capital estranxeiro, destacan o algodón, do que Benin é o 16º produtor mundial con 175.000 Tm de fibra ao ano, e a palmeira, da que se extrae aceite. Un 4% da superficie dedícase a pastos: críase gando (especialmente no N) bovino (1.400.000 cabezas), caprino (1.020.000), ovino (605.000) e porcino (600.000). A pesca ten unha certa importancia, sobre todo a realizada en augas interiores: o total de capturas en 1996 chegou ás 42.000 Tm. Do bosque, que abrangue o 31% da superficie de Benin, extráense anualmente 6.237.000 m3 de madeira (1997).
Minería e industria

A industrialización é moi escasa (o sector, incluíndo a construción, só ocupa o 9% da poboación ocupada), en parte pola falla de fontes de enerxía e principalmente pola propia estrutura económica neocolonial, que mantén ao país inmerso nunha gran dependencia. Aínda que en 1982 se descubriu petróleo no golfo de Benin, a intensa explotación minguou moito as reservas, de feito que a produción en 1996 só foi de 95.000 Tm. En 1988 construíuse coa colaboración de Togo unha central hidroeléctrica para reducir a dependencia externa de enerxía. En canto á minería, extráese mármore, ouro e pedra calcaria para a produción de cemento, que é unha das principais industrias do país (380.000 Tm en 1995), xunto coa transformación dos produtos agropecuarios, como a elaboración de aceite de palmeira (13.000 Tm en 1997) ou o degrañado de algodón (250.000 Tm en 1997). Ademais, hai xacementos non explotados de fosfatos, ferro, caolín e cromo.
Transportes e comunicacións

O trazado dos ferrocarrís, pouco desenvolvido, en vez de servir para vertebrar o país, responde a intereses coloniais, particularmente aos das plantacións. As tres liñas (unha paralela ao litoral, outra de Cotonou a Abomey, no interior, e outra do interior a Níxer) suman en total 578 km (1995). A rede de estradas conta con 6.787 km (1996) dos que só 2.656 km están asfaltados. Os transportes constitúen o único subsector relativamente desenvolvido da economía de Benin, pola súa situación entre Ghana e Nixeria, e contribúe a que o sector terciario ocupe o 30% dos traballadores. A navegabilidade do Níxer no seu curso medio permite intercambios fluviais regulares con Nixeria. Hai un aeroporto en Cotonou.
Comercio exterior

O comercio exterior, deficitario, canalízase na práctica totalidade a través do porto de Cotonou. Expórtase algodón degrañado e en fibra, carburantes, aceite de palmeira e outros produtos agrícolas, e importa produtos manufacturados (confección téxtil), alimentarios, maquinaria e material de transportes. Os principais provedores son a India, Francia e os Países Baixos, e os principais clientes Portugal, Tailandia e Taiwán. O balance comercial é deficitario (-465 millóns de dólares en 1996).
Economía

Ademais de ser baixo (a renda per cápita en 1996 só chegaba aos 350 dólares), o nivel de vida diminúe porque o ritmo de crecemento económico, que en 1998 foi do 4,4%, non chega a compensar o forte aumento demográfico. Benin depende moito da axuda exterior (292,8 millóns de dólares en 1996), especialmente francesa. En 1989 iniciou un programa de reprivatización das compañías que foran nacionalizadas logo da independencia. A débeda externa era en 1996 de 1.594 millóns de dólares. O déficit público foi en 1997 de 111.563 francos da CFA, que é a moeda oficial.
Xeografía humana e sociedade

Poboación e poboamento
A poboación presenta un forte crecemento (3,3% en 1997) froito dunha elevada natalidade (46‰ en 1997) e unha taxa de mortalidade que, malia parecer baixa (13‰ en 1997), é tamén alta para unha poboación tan nova (a taxa de mortalidade infantil foi na mesma data 103‰). A esperanza de vida ao nacer é de 51 anos para os homes e de 55 anos para as mulleres (1997). A densidade do país é de 51 h/km2 (1998). A poboación concéntrase nas provincias do Atlántico (Atlantique 329 h/km2 [1992]), Ouémé (185 h/km2 [1992]) e Mono (170 h/km2 [1992]), que acollen o 53% dos habitantes do país, e é maioritariamente rural (73,5% en 1985).
Grupos étnicos e relixión

A composición étnica é moi heteroxénea: son maioritarios os fon (39%), seguidos dos iorubas (12%), os adjass (11%), os baribes (8,5%), os sombes (6,5%) e os fulbes (5,6%). A maioría dos habitantes son fieis de relixións animistas (61%) con minorías de cristiáns católicos (21%), musulmáns (12%) e cristiáns das igrexas reformadas (2,3%).
Goberno e sociedade

A educación é pública, gratuíta, obrigatoria e laica. Estímase que o analfabetismo da poboación adulta está arredor do 76% (1990). Hai unha soa universidade (Université Nationale du Bénin), fundada en 1970 e con sede en Cotonou. O idioma oficial é o francés; sen embargo, son de uso local o fon e o ioruba, entre outros. Trala ditadura do xeneral Kérékou (1972-1990), iniciouse un proceso de transición cara ao multipartidismo. Coa Constitución do 2 de decembro de 1990, o Presidente, que é o xefe de goberno, elíxese por sufraxio universal cada cinco anos. A Asemblea Nacional ten 83 membros, elixidos por catro anos. Está en vigor a pena de morte. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP), Protocolo Facultativo do PIDCP, Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, Convención contra a Tortura e Outros Tratos ou Penas Crueis, Inhumanos ou Degradantes, Convención sobre o Estatuto dos Refuxiados (1951), Protocolo sobre o Estatuto dos Refuxiados (1967), Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller e Carta Africana de Dereitos Humanos e dos Pobos (1981). O partido maioritario na Asemblea Nacional resultante das eleccións de 1999 é o Renacemento de Benin, do antigo Presidente Nicéphore Soglo. O Partido Comunista de Dahomey sufriu unha escisión da que xurdiu o Partido Comunista Marxista-Leninista de Benin. Así mesmo, co obxecto de afrontar as eleccións de 1999, os pequenos partidos reagrupáronse para formar diversas alianzas: Alianza para o Progreso, Alianza Surú e Movemento para o Compromiso e o Espertar do Cidadán. A Asemblea Nacional aprobou o 4 de agosto de 1997 a división do país en doce departamentos. É membro da ONU, da Comunidade Económica dos Estados da África do Oeste (CEDEAO), do Consello do Etente, da Organización da Conferencia Islámica (OCI), da Organización para a Unidade Africana (OUA) e ten estatuto de país asociado á UE.
Historia
O Reino do Dahomey ou Abomey, foi constituído polos ewes (1620) despois da guerra civil do Reino de Allada (s XVI), que provocou o nacemento dos reinos de Jakin e de Abomey. Aínda que a intención do Rei de Abomey foi a de pór fin ás actividades dos negreiros, estes, sostidos polos europeos, conseguiron impoñerse ata o punto de que o propio Rei Agadja fixo do comercio de escravos a actividade económica principal (s XVIII). Este monarca lanzouse á conquista dos reinos do sur para acadar a hexemonía no mercado de escravos da rexión: tomou Allada (1724) e Ouidah (1727), aínda que fracasou no intento de conquistar Oyo. En 1740 sucedeulle Tegbessou, quen desenvolveu o comercio de escravos e chegou a un acordo con Oyo polo que Dahomey se recoñecia como preeminente. Baixo o seu reinado, Ouidah converteuse nun dos principais centros do tráfico de negros na Costa dos Escravos. Esta situación foi mantida polos seus sucesores (Kengla, Agonglo, Adandozan, Gezo, etc). A mediados do s XIX, cando a abolición do comercio de escravos con América produciu unha certa decadencia económica e política en Dahomey, Francia aproveitou para impoñer ao Rei Gezo un tratado comercial ao tempo que se apoderaba de Ouidada (1851), Grand Popo (1857) e Cotonou (1868). Posteriormente, impuxo un protectorado aos reinos de Abomey e Porto-Novo (1864). Despois de someter o Rei de Abomey, Gbehancin (1889-1894), os franceses ocuparon todo o territorio. Os establecementos coloniais convertéronse en colonia independente en 1893, adoptando o nome de Establecementos Franceses de Benin, que dende 1894 se chamaron colonia de Dahomey e dependían do goberno xeral da África Occidental Francesa (1899). Dende 1945 contou cun representante na metrópole. En 1946 cambiou o seu status polo de Territorio de Ultramar. Autónomo dende 1957, converteuse na República Autónoma de Dahomey en 1958, integrada na Comunidade Francesa, e o primeiro de agosto de 1960 acadou a independencia. O novo estado tivo que afrontar graves problemas de orde económica e política: por unha banda, a fragmentación do territorio en tres rexións rivais (Nord, Porto-Novo e Cotonou) obstaculizaba o desenvolvemento económico; por outra, as divisións tribais, utilizadas polos intereses neocoloniais, provocaban unha continua inestabilidade política. O norte monopolizou a administración baixo o goberno de Hubert Maga, primeiro Presidente da República, ata que o golpe de estado militar de Nicéphore Soglo, sostido polos sindicatos, derrocouno en 1963. A principios de 1964 foi elixido Presidente Sourou Nigan Apithy, representante dos intereses de Porto-Novo; sen embargo, o golpe de estado de Justin Tometin Ahomadegbé, en novembro de 1965, abriu un período de anarquía que motivou unha nova intervención de Soglo, en decembro de 1965. Malia o seu acerto na loita contra a corrupción, foi acusado de facer concesións aos sindicatos e, en decembro de 1967, foi derrocado por un golpe militar dirixido polo coronel Alley. En xuño de 1968 foi designado un civil, Emile Derlin Zinsou, para presidir un novo goberno, promulgándose unha nova Constitución. Non obstante , o 10 de decembro de 1969 foi derrocado por Wilfrid de Souza, quen estableceu unha xunta militar de goberno, disolta en agosto de 1970 para constituír un consello presidencial, presidido por Ahomadegbé, que tiña por finalidade dotar o réxime dunha aparencia civil. Non obstante , o consello presidencial non acadou unha política coherente e, en outubro de 1972, un novo golpe de estado militar levou a Mathieu Kérékou á Presidencia da República. En novembro de 1974, o réxime militar de Kérékou proclamouse marxista-leninista, feito que foi sancionado por razón da Lei Fundamental de 1977; nacionalizou importantes sectores económicos co obxecto de afrontar unha política de reformas agrarias e educativas destinada a reducir as desigualdades económicas entre o norte e o sur e encomendou a administración local a comités revolucionarios. En 1975 o país cambiou o nome de Dahomey polo de Benin e o partido único converteuse no Partido da Revolución Popular do Benin. Malia a súa vinculación cos países socialistas, o réxime de Kérékou dependeu en todo momento da axuda económica occidental, especialmente da francesa. Debido ao carácter autoritario do goberno (o Presidente gobernaba por decreto), en 1989 as protestas cidadás levaron o réxime a conceder unha maior liberdade política. Nese contexto, a presión das forzas de oposición e o descontento da poboación principiaron un proceso que levou á derrogación da Lei de 1977, substituída por unha Constitución democrática aprobada en referendo o 2 de decembro de 1990. En 1991 tiveron lugar as eleccións lexislativas e presidenciais, gañadas respectivamente, pola coalición Unión para o Triunfo da Renovación Democrática (UTR) e por Nicéphore Soglo, quen perdeu popularidade por mor do seu autoritarismo e do aumento da corrupción. Nas eleccións presidenciais do 18 de marzo de 1996, Soglo foi derrotado polo antigo Presidente Kérékou, quen outorgou o cargo de primeiro ministro ao conservador Adrien Hungbedji; sen embargo, nas eleccións lexislativas do 30 de marzo do 1999 os partidos de oposición que sostiveran a Soglo na Presidencia obtiveron 42 dos 83 escanos da Asemblea e o partido liderado por Soglo (Renacemento de Benin) 27 deses 42. Pola contra, os partidos situados na esfera do Presidente Kérékou acadaron tan só 40 deputados.