Benposta
ou Ciudad de los Muchachos Foi fundada en Ourense o 14 de setembro de 1956 por Jesús César Silva Méndez, coñecido como Padre Silva, co desexo de convertela nunha escola de formación xuvenil, onde acollía a todos os rapaces que tivesen problemas de inadaptación social. A idea da creación da Ciudad de los Muchachos foi concibida a partir do sistema experimentado polo Padre Flanagan na súa Boy’s Town de Omaha nos EE UU. A partir dese momento o Padre Silva intentou conseguir ingresos para a cidade a través de exposicións de pintura, tómbolas, campañas (como a realizada no 1958 denominada Trapabocha: trapos, papel, botellas e chatarra), etc. Nun principio esta “cidade” instalouse en Areas (Pontevedra), pero, no 1960, trasladouse á zona de Seixalvo, onde está a quinta de Benposta. No 1961 creouse a primeira industria e, dous anos despois, o Ministerio de Educación autorizou a Escola de Formación Profesional e no 1964 botou a andar a Escola Internacional de Circo. Neste mesmo ano tamén se levantaron a estación de servicio, os diferentes obradoiros artísticos e iniciouse a denominada Grande Aventura que se celebra no mosteiro de San Pedro de Rochas e durante a que se forman os dirixentes da cidade (o alcalde sempre é un rapaz benposteño). Nos anos últimos da década dos 60, o Fogar San Rosendo de Celanova pasou a depender de Benposta. Levantáronse os chalés-vivenda, montouse a imprenta, a panificadora e o obradoiro de cerámica artística. No inicio dos anos 70 creáronse os obradoiros de madeira e coiro, e a RTF (Radio Televisión Francesa) gravou a actuación do circo en París, chegando o seu éxito a Francia, Bélxica e Alemaña. No ano 1968 Benposta foi declarada asociación de carácter benéfico-social e no verán de 1969, ademais, de interese social. Benposta foi medrando nos anos seguintes con novas construcións e novas actividades (a capela, a mesquita, o banco coa súa moeda oficial chamada coroa, a alfándega, o supermercado, o concello, o poliedro do circo, a sede da TV e da Escola de Imaxe e Son, etc). Un dos aspectos máis importantes de Benposta é o sistema pedagóxico. Neste sentido, podería encadrarse dentro do movemento das escolas novas europeas e da educación personalizada. Os seus principios educativos fundamentais son os seguintes: a) respecto pola singularidade e individualidade dos rapaces apoiando a súa creatividade; b) fomento da autonomía, dando participación a todos na asemblea que se organiza diariamente; e c) respecto pola liberdade de todos os benposteños, incluído o respecto por todas as culturas, etnias e relixións dos rapaces que alí viven. O modelo educativo de Benposta foi seguido especialmente por investigadores alemáns e xaponeses. Ademais da Benposta de Ourense, que sempre foi sede central, existen outras Benpostas asociadas en Madrid, Bélxica, Colombia, Moçambique, Santo Domingo, Venezuela e Nicaragua.