Berlengas

Berlengas

Pequeno arquipélago granítico situado fronte ás costas portuguesas e integrado por máis de medio cento de illas e illotes. Atópase entre 10 e 18 km ao NO do cabo Carvoeiro (Peniche), e distínguense en tres grupos: o das Berlengas, as máis próximas ao continente, integrado pola Berlenga Grande e as illas que a rodean: Serro da Velha, Maldito, Soldado, Fortaleza, etc; as Estelas, 1,7 km ao O da Berlenga, formadas polos illotes: Estela, Estalão, Manuel Jorge, Parados, Todo o Peixe e Medas; por último: as Farilhões, case 7 km ao NO da Berlenga Grande, na que destacan a Farilhão Grande, a Farilhão do Norleste, a Farilhão dos Olhos, a Farilhão da Cova e o Rabo de Asno. A única illa habitada do conxunto é a Berlenga Grande, onde existe unha pequena aldea de pescadores, ademais do farol, atendido polo servizo de faroleiros. Dende 1981 constitúen unha reserva natural (Decreto Lei nº 264/81 do 3 de setembro), tanto por ser lugar de cría de diferentes aves mariñas (como a pardela cinsenta, o corvo mariño cristado, a gaivota patiamarela, a gaivota escura, a gaivota tridáctila, o arao común e mailo paíño de Madeira), como polos seus endemismos botánicos, como a Armeria berlenguensis ou a Herniaria berlengiana. Na Berlenga Grande existe unha antiga fortaleza, construída en 1651, nun illote situado ao sueste unido á illa principal por unha serie de pontes, altas e estreitas. A pesar da dificultade da toma, foi conquistada polas tropas españolas tres lustros máis tarde, no 1666. En 1678 a fortaleza foi reparada e despois de diferentes vicisitudes, a mediados do s XX converteuse en pousada. O arquipélago é moi coñecido polos mariñeiros galegos que capturan, principalmente, pescada, robaliza e lagosta.