Berliner Ensemble

Berliner Ensemble
[ESPECT]

Compañía teatral fundada en Berlín Este, na antiga República Democrática Alemana, por Helene Weigel e Bertolt Brecht. O seu obxectivo era desenvolver teorías, tecnoloxías e prácticas teatrais que fundamentasen e sustentasen o chamado “teatro épico” e crear espectáculos a partir dos textos do propio Brecht, ademais de construír un repertorio teatral universal a partir de textos significativos adaptados e recreados polo propio autor, seguindo os seus criterios de socialización e aquel principio de que a copia non é un fin senón un principio e, consecuentemente, unha arte. En 1954 o Berliner abandona o Kammerspiele do Deutsches Theater para instalarse definitivamente no Theater am Schiffbauerdamm, lugar onde vén desenvolvendo de forma ininterrompida o seu traballo. Despois da morte de Brecht, en 1956, dirixiu a compañía a súa muller, mentres entraba nunha etapa na que o obxectivo fundamental era preservar en estado puro o legado escénico do seu fundador, realizaron xiras por Europa e América que non só tiveron un notable éxito de crítica e público, senón que serviron para amosar os principios sobre os que Brecht construía os seus espectáculos e crear escola nos eidos do traballo colectivo, a interpretación, a posta en escena e a construción de repertorios. Superada esa etapa demostrativa, o Berliner iniciou unha nova andaina na que un grupo de novos directores impulsaron unha fonda renovación, mais sen renunciar ás directrices fundacionais da compañía. Entre esa nova promoción de directores de escena cómpre destacar a Manfred Wekwerth, Benno Besson, Peter Palitzch ou Heiner Müller, responsable da posta en escena dun excelente espectáculo a partir da obra A parable ascensión de Arturo Ui en 1992.