bertsolarismo

bertsolarismo

(< éusc bertsolari)

s m

Expresión artística da tradición oral vasca, que consiste nunha arte oratoria que se manifesta como unha expresión improvisada, versificada e cantada. Ten a súa orixe no mundo rural e pastoril, manifestado habitualmente nun contorno festivo que co tempo se converteu en espectáculo. Daquela, o bertsolari era o personaxe que comunicaba a vida cotiá do pobo en forma de crónicas que adoitaban repetirse como versos cantados, transmitidos de xeito oral de xeración a xeración. O bertsolari non era só un voceiro de noticias, comunicaba tamén unha mensaxe irónica e de carácter lúdico. Adoitaba improvisar os seus versos nas tabernas, sidrerías e festas, aludindo ás cousas sinxelas da vida cotiá, e incluía ocasionalmente a algún dos seus oíntes ou mesmo dialogaba fronte a fronte con outro bertsolari; establecíase así un diálogo ou reto no que ambos demostraban o seu talento para versificar improvisadamente, o seu dominio da técnica requerida para a versificación e o seu soporte, o canto. Os versos presentan unha rima e un ritmo definido en forma de zortziko, hamarreko, kopla, etc. Rexístranse diferentes modalidades: temática definida ou libre, amodo de diálogo ou de forma individual. Celébrase anualmente un campionato en Euskal Herria que está considerado como unha das maiores manifestacións culturais do país.