bestiario

bestiario

(< lat bestiarĭu)

  1. s m [HIST]

    Nos circos romanos, home que combatía contra as bestas salvaxes. Os bestiarios eran prisioneiros de guerra, condenados polos tribunais ou homes que o facían por oficio cobrando un salario.

  2. s m [LIT]
    1. Na Idade Media, tratado didáctico e moral onde se describían os animais, reais ou fantásticos, catalogados segundo as súas propiedades naturais e os seus valores simbólicos, e onde se expuña a correspondente moralización dos seus costumes. Constituían pequenas enciclopedias de historia natural e alegorías dos vicios, das virtudes e da conduta humana. Recollían o costume antigo de interpretar o mundo natural como manifestación exterior dunha realidade superior e distinta, de xeito que o mundo real sería un simple epifenómeno daquela, un mundo de apariencias que esconde o sentido (ratio) da vida, propio da cultura teolóxica imperante na Idade Media que se caracterizaba pola dialéctica entre o sentido literal (littera) e a alegoría (sententia). A obra clásica que habería servir de módelo para os enciclopedistas medievais foi Naturalis Historia de Plinio o Vello, vasto compendio do saber natural, ao que seguiron as Etymologiae (ss VI-VII) de Isidoro de Sevilla. A tradición dos bestiarios provén do Physiologus latino, texto anónimo do s II traducido ao latín a finais do s IV e logo vulgarizado ás linguas romances. Trátase dun libro de teoloxía baseado en exemplos do reino animal, interpretados alegoricamente, que se relacionan cos principios morais e relixiosos de orixe cristiá. Neste texto esbózase a estrutura fundamental do bestiario medieval xustapoñendo natura, símbolo e alegoría: describe as propiedades propias dos animais, enumera os seus valores morais e, finalmente, extrae o seu sentido moral no ámbito do discurso alegórico. Os bestiarios franceses, adscribíronse á tradición cortesá da literatura amorosa. Destaca o Bestiaire d’amours de Richard de Fournival de mediados do s XIII, que introduce símbolos zoomórficos en discursos exemplares de carácter erótico-córtes.No ámbito italiano destacan os incluídos nos Livres dou Tresor, de Brunetto Latini, e no portugués sobresaen os sermóns de santo Antonio, o Horto do Esposo  e o Livro de aves, manuscrito latino do 1183. Pouco  a pouco, o universo fantástico deseñado polos bestiarios -ó igual ca os herbarios (listas de herbas, flores e plantas) ou lapidarios (compilación de pedras e fósiles)- foise desbotando a prol do rigor científico dos tratados naturalistas.

    2. Xénero poético aparecido modernamente, cun senso diferente do medieval, consistente na tipificación de persoeiros humanos a través da descrición de animais, con intención satírica ou descritiva. Cómpre destacar Le Bestiaire (O bestiario, 1911) de Guillaume Apollinaire.

Palabras veciñas

bestial | bestialidade | bestialismo | bestiario | bestiaxe | bestrega | bestregada