Betanzos
Concello da comarca homónima situado na provincia da Coruña no NO da Comunidade Autónoma de Galicia )43° 16’ 7’’ de latitude N e 8° 12’ 7’’ de lonxitude O). Limita ao N cos concellos de Bergondo (comarca da Coruña) e de Paderne, ao L de novo con Paderne e tamén con Coirós e Oza dos Ríos, ao S outra vez con Oza dos Ríos e con Abegondo (comarca da Coruña), concello que marca os seus límites occidentais. Abrangue unha superficie de 24,2 km 2 cunha poboación de 13.328 h (2007), distribuídos entre a capital, Betanzos, e as parroquias de Brabío, Piadela, Pontellas, Requián, San Pedro das Viñas e Tiobre. Atópase a 24 km ao SL da cidade da Coruña e a 57 km de Santiago de Compostela. A capital do concello é a cidade de Betanzos. Cabeza de partido xudicial, está adscrito á arquidiocese de Santiago de Compostela.
Xeografía física
Climatoloxía
O territorio municipal está baixo o dominio climático oceánico temperado, caracterizado por un réxime térmico suave tanto no inverno como no verán. A temperatura media anual é de 12,3°C. O mes máis frío é xaneiro con 8,2°C de media, mentres que os máis cálidos son xullo e agosto con 16,7°C. Os rexistros de precipitacións son relativamente moderados, menores cá media galega, rexistrándose uns 876 mm anuais. A súa posición protexida dentro da ría favorece a existencia dun microclima algo máis seco do que lle correspondería pola súa condición litoral, xa que a influencia do mar se limita. O réxime pluviométrico acada os máximos no inverno, cando se recolle o 33% do total anual, e no outono, co 28%. Pola contra, no verán recóllese unha media do 12% do total, o que provoca no solo un déficit hídrico estival do redor dos 100 mm anuais. Os ventos predominantes son de compoñente SO e no fondo do val son habituais as néboas.
Relevo, xeoloxía e hidrografía
Betanzos inscríbese no val que forman os ríos Mendo e Mandeo, no seu curso baixo, que desembocan polo N do concello formando a ría betanceira. O relevo é moi desigual a pesar da súa pequena superficie. Predominan as formas suaves e pouco contrastadas. Non se acadan en todo o termo municipal grandes altitudes. Ao L e ao O do territorio confórmanse as maiores elevacións que non chegan a superar os 200 m (Barreiros, 166 m; Chá, 158 m; Cruz, 155 m; Pedroso, 147 m), elevadas sobre materiais graníticos. Outras formas destacables son as terrazas fluviais formadas polos ríos, compostas maioritariamente por materiais aluviais. Trátase dun territorio de transición entre o litoral e as terras altas da penechaira, no contexto das Rías Altas Galegas. A rede fluvial articúlase principalmente ao redor dos ríos xa mencionados, Mendo e Mandeo, que recollen as augas dos regos que drenan o territorio municipal.
Xeografía humana
Demografía
A evolución da poboación de Betanzos coñeceu desde finais do s XIX diversas fases. Entre 1860 e 1930 mantívose entre os 8.000 e 9.000 habitantes cunha pequena explosión demográfica no cambio do século, debida a un descenso da mortalidade. Entre 1900 e 1930 a emigración impediu que o forte crecemento natural se plasmase nunha importante elevación da poboación do concello. Pola contra, foi a dificultade para emigrar nos vinte anos comprendidos entre 1930 e 1950 a que provocou que a poboación pasase de 8.910 h a 10.827 h, malia se rexistrar un primeiro éxodo cara á cidade veciña da Coruña. Nas dúas seguintes décadas, a poboación descendeu ata 10.101 h pola continuación da corrente migratoria cara á Coruña e pola aparición dos desprazamentos cara a Europa Occidental principalmente. Pero a partir do ano 1970 Betanzos gañou constantemente poboación. Este crecemento está monopolizado polo pulo que acadou a cidade, tanto pola nova inmigración do ámbito rural ao urbano, desde as parroquias cara a Betanzos, como polo retorno de emigrantes e polo proceso de espallamento residencial dende a cidade herculina, que nos últimos anos provocou que toda a súa área urbana, entre ela o concello de Betanzos, recibise novos veciños na procura, por unha parte, de contornos máis agradables cá conxestionada capital e, por outra, de vivendas máis accesibles. O aumento da poboación betanceira explícase por este saldo migratorio positivo xa que o movemento natural amosa cifras negativas. No período intercensual 1981-1985, o crecemento vexetativo foi do -2‰. Nos anos 1986-1990 foi do -3,6‰, e entre 1991-1993 xa era do -6,8‰. En todos estes períodos, o feito común son unhas altas taxas de mortalidade (13‰ no último dos sinalados) e unha natalidade moi reducida (6,2‰ nese mesmo tempo). Entre 1996 e 2001 o crecemento foi positivo, 1,71%, e entre 2001 e 2007 o 6,53%. A taxa de natalidade en 2006 foi do 8,4‰ e a de mortalidade do 11,6‰. Factores sociais complexos (incorporación máis tardía ao mercado laboral dos mozos, precariedade do emprego, carestía da vivenda, transformacións da escala de valores na que priman máis a satisfaccións doutras necesidades, etc) explican a escaseza de nacementos mentres que a circunstancia de que o 21,1% da poboación teña máis de 65 anos é a causa do mantemento dunha mortalidade relativamente elevada. Non obstante , a pirámide de poboación caracterízase por ter unha base estreita igual có cume, a poboación de menores de 20 anos é o 16%. O sector central, a poboación adulta, semella un bloque compacto, 62,8%, o que significa que a poboación é madura. A distribución por sexos amosa un desquilibrio a prol das mulleres, que constitúen o 52,57% da poboación.
Poboamento
Existe unha forte concentración dos habitantes do concello no núcleo urbano. O 78% vive en Betanzos cidade, mentres que o 22% restante faino en 39 entidades de poboación, encadradas nas outras 6 parroquias. Destas 39 entidades só unha, Requián, supera os 250 h. Sete están incluídas no intervalo de 100 h a 250 h, e 21 non pasan dos 50 residentes. Predomina a vivenda familiar e existe un elevado stock de vivendas sen habitar, froito da especulación constructiva, das vivendas dos emigrantes e do abandono das casas máis vellas da cidade. Pola contra, o número de vivendas secundarias no propio concello de Betanzos non é moi elevado.
Xeografía económica
Estrutura económica e economía
O concello de Betanzos ten unhA taxa de actividade (2001) xeral do 53,1% (65,9% a masculina e 41,6% a feminina), lixeiramente inferior á media autonómica. A taxa de ocupación é do 47,6% (61,1% a masculina e 35,5% a feminina). A taxa de desemprego é elevada, do 10,3% (7,2% a masculina e 14,7% a feminina). A estrutura do emprego amosa unha clara maioría de asalariados, que representan o 79,53%, feito que ten a súa explicación pola relevancia que teñen os sectores terciario e industrial, os creadores de emprego por excelencia. O terciario é o sector de actividade predominante debido á función rectora que ten a cidade no seu territorio comarcal.
Sector primario
A agricultura e a gandería foron tradicionalmente as actividades máis desenvolvidas xunto ao comercio. Pero se este último segue a caracterizar a economía betanceira, o sector primario perdeu peso e pasou do 6,4% da poboación (1996) ao 2,8% actual. Betanzos asumiu o seu carácter urbano e moitas explotacións agrícolas foron abandonadas e transformáronse en espazos industriais, comerciais ou residenciais, ou simplemente foron ocupadas polos novos equipamentos e infraestruturas viarias. Entre o ano 1962 e 1982 produciuse unha forte reducción do número de explotacións agrarias que pasaron de 1.310 a 802. En canto aos trazos desta actividade primaria, o concello betanceiro comparte coa súa comarca a importancia do viño e dos cultivos hortícolas destinados á venda directa nos seus propios mercados e ao abastecemento da área urbana coruñesa. O viñedo foi unha das principais producións do campo betanceiro. A pesar de que no s XVI chegou a ser practicamente un monocultivo, a introducción no s XVIII doutros caldos mermou o interese e a capacidade de comercialización do viño da terra; por outra parte, os impostos e as pestes que os arrasaron no s XIX provocaron o declive das plantacións. Nos últimos anos, este produto recuperou un certo pulo, evitando a súa desaparición. Outro cultivo que tivo no pasado moita importancia foi o lúpulo. Ao redor dos anos 1914 e 1915 comezou a practicarse o cultivo desa planta, acadando a súa produción máxima en 1963. A súa baixa rendibilidade fixo minguar as colleitas ata a súa desaparición. Betanzos tamén conta cunha cooperativa agraria dedicada á floricultura. Na forma de explotación destaca a chamada agricultura a tempo parcial exercida de xeito directo polos propietarios das parcelas no seu tempo libre, mentres a súa principal ocupación laboral está no sector secundario ou terciario. Trátase, pola contra, dunha agricultura de mercado máis que de subsistencia, xa que os produtos obtidos se dedican ao abastecemento urbano. No caso da gandería tamén se produciu un descenso espectacular no número de cabezas e de explotacións nos últimos anos, tanto de bovino como de porcino. Ao igual que a agricultura, o destino básico desta gandería son os mercados das cidades betanceira e coruñesa, e na forma de explotación tamén destaca a de tempo parcial. A pesar da perda de importancia do sector primario, na paisaxe séguese a notar a súa presencia, xa que o 48% da superficie se dedica aos cultivos. Os usos forestais ocupan un 30,7% da superficie municipal, usos que na súa maioría corresponden á plantación de especies destinadas á produción de madeira (bosques repoboados con piñeiros e eucaliptos).
Sector secundario/
O sector industrial tamén é importante e ocupa ao 15,1%. Na segunda metade do s XVIII quixéronse explotar os xacementos de mercurio. No 1785-1786 buscábase o metal cando unha Real Orde mandou deter os traballos. A oposición dos veciños, temendo a contaminación das súas vivendas, determinou que se detivese a obra. Tivo Betanzos industrias de curtidos, no Carregal, na Magdalena e en Caraña. Co tempo converteuse nun sector moi diversificado, no que destacan as fábricas de aglomerados de madeira, as de manufacturas alimentarias, os transformados metálicos e os materiais de construción. Trátase, en xeral, de empresas de pequeno tamaño, aínda que catro delas superan os 50 traballadores. Un elemento dinamizador é o polígono industrial de promoción privada situado na parroquia de Piadela, que conta cunha superficie de 60 Ha. A proliferación de chan industrial vese favorecida polo proceso de expansión que afecta á cidade coruñesa co traslado de numerosas empresas aos concellos próximos (o éxito do polígono industrial de Abegondo pode ser un bo exemplo). O sector da construción ocupa o terceiro lugar dentro das actividades económicas: dá emprego ao 12,45% dos traballadores e conta con empresas tanto de edificación de inmobles como de instalacións e montaxes.
Sector terciario
Betanzos é o centro dunha comarca rural de hábitat espallada e densamente poboada para a que representa o lugar central dos servizos e o comercio. Este papel xogouno historicamente como cidade. O sector terciario acolle ao 69% dos ocupados, presentándose moi diversificado e desenvolvido: pola súa función de cabeceira comarcal e pola súa poboación maioritariamente urbana, predominan o pequeno comercio, os negocios de hostalería, os servizos de lecer e as empresas de tamaño medio. Destaca o subsector da distribución alimentaria; as tendas de alimentación son as que acaparan un maior número de licencias comerciais, seguidas polas do sector do téxtil e calzado. Por outra banda, en Betanzos celébrase unha feira quincenal, os días 1 e 16, dedicada principalmente a produtos agrícolas e gandeiros. As feiras desta cidade datan de moi antigo e quedaron instituídas por privilexio de Sancho IV, confirmado polos seus sucesores; a do día 16 foi establecida por medio dun acordo municipal no ano 1871. Ademais, celébranse mercados semanais os martes e os xoves (antigamente tamén os domingos). No ano 1973 concedéuselle a Betanzos un Mercado Comarcal de Gando e Froitos do País. Ademais teñen lugar tres mercados semanais os martes, os xoves e os sábados. Son importantes tamén as empresas de servizos como os talleres ou os servizos empresariais. Betanzos asume así as funcións que caracterizan as cabeceiras comarcais de Galicia, aínda que o seu desenvolvemento comparte a riqueza do seu espazo de influencia cunha forte competencia exercida pola proximidade da área urbana da Coruña. Esta cidade converteuse no mercado de servizos especializados e de lecer, e mesmo no mercado laboral da cidade. Así, os betanceiros desprázanse á Coruña para traballar, para faceren compras nas grandes superficies comerciais, para consultas médicas (especialistas), ou para o tempo de ocio, función que se reparte con Sada, situada a escasos 10 km de Betanzos, e que proporciona praias e servizos de lecer de todo tipo. Non obstante , Betanzos mantén a súa propia oferta de lecer para os seus habitantes e para os da súa comarca. Hai unha notable afluencia de veciños do espazo rural circundante cara aos restaurantes, ás cafeterías, ás salas de festa ou pubs, etc, especialmente os fins de semana. Incluso numerosas persoas da Coruña e Ferrol se desprazan a Betanzos, ao posuír unha interesante oferta gastronómica e de lecer. Do mesmo xeito, Betanzos tamén acada certo reclamo turístico polo seu carácter histórico e polo seu patrimonio arquitectónico. Conta cun abano de servizos educativos que cobre todo o ensino non universitario: un centro de educación especial, un colexio público de ensino primario e outro privado de ensino primario e secundario, un instituto de bacharelato e outro de formación profesional, un centro de educación para adultos, un conservatorio de ensino elemental non estatal e academias privadas. Entre os equipamentos sanitarios e sociais dos que dispón o concello, está un centro de saúde de atención primaria, un servizo de urxencias e tres residencias da terceira idade. No que respecta á cultura e ao ocio, esta vila goza dunha aula de cultura e usos múltiples, un arquivo coa historia da cidade, un museo municipal, unha escola-obradoiro, unha biblioteca municipal e un centro social. O equipamento deportivo está composto por campos de fútbol, un polideportivo e unha piscina municipal. Dentro destes espazos culturais cómpre destacar os Xardíns do Pasatempo, construídos a finais do s XIX por iniciativa dos irmáns indianos García Naveira cun gusto modernista. Erixido cunha vontade didáctica por estes filántropos benefactores da cidade, pretendía constituír un panorama que achegase aos betanceiros a diversidade cultural da humanidade. Foron recentemente restaurados e contan cun auditorio ao aire libre. Trátase, xunto á reforma do paseo da Ría, dunha aposta de futuro da cidade para a mellora dos seus espazos de lecer e a súa conversión nunha vila residencial da periferia urbana da Coruña.
Transportes e comunicacións
Betanzos posúe unha rede de estradas que conflúe no centro da vila. O principal eixe de comunicacións do concello está constituído pola estrada radial N-VI e pola autovía A-6 que en Betanzos se divide en dous ramais, un que vai cara á Coruña e outro a Ferrol. Así mesmo, facilita as comunicacións con Lugo e co resto do Estado. Esta estrada hoxe xa non pasa polo centro da cidade, faino por unha desviación construída para desconxestionar o tráfico da urbe. Logrouse como noutras cabeceiras un paso rápido para os vehículos que seguen a Nacional, pero a propia cidade sofre aínda un tráfico moi intenso produto da súa morfoloxía de rúas estreitas e angostas. Outro eixo, recentemente mellorado, é a estrada autonómica Betanzos-Agolada, que facilita as comunicacións co interior do país. Existe tamén comunicación directa con Santiago de Compostela e Vilalba, e ten moitas estradas de carácter local que enlazan cos núcleos de poboación da comarca. Betanzos conta con ferrocarril desde mediados do s XIX e pola estación de Betanzos-Infesta pasa a liña Madrid-A Coruña; ademais empalma coa liña de Ferrol. A capital dispón de liñas regulares de autobús que a comunican co resto do concello; incluso pola cidade pasan liñas que van cara a Madrid e ao estranxeiro.
Evolución do plano urbano
Betanzos é unha das cidades máis antigas de Galicia. A antiga vila, da que só queda o topónimo, estaba situada na parte máis alta do val, na actual parroquia de Tiobre, ao N do termo municipal. En 1219 mudou a súa actual localización. Na Baixa Idade Media, a maioría das casas eran construcións de madeira, das que non se conserva nada, logo de ser pasto de incendios e do deterioro propio do tempo. Na Idade Moderna e principio da Contemporánea construíronse ao redor do campo da feira importantes edificios (entre os ss XVII e XVII principalmente) que constitúen o groso patrimonio monumental da cidade: o Hospital de Santo Antonio, o colexio dos Orfos, o convento e a igrexa de San Domingos e o edificio construído para ser Arquivo do Reino de Galicia (aínda que nunca chegase a desempeñar esta función). Ademais, expandiuse a cidade, construíronse soportais, pavimentáronse os cantóns e diversas beirarrúas, e creouse unha alameda e unha fonte central nun espazo que se foi convertendo paulatinamente nunha praza, cada vez máis céntrica e principal corazón da vida de Betanzos. O centro da cidade aparece como elemento integrador fundamental e configúrase no eixe formado pola praza do Concello e polo campo da feira. O primeiro como centro simbólico e o segundo como foro fundamental cheo de vida, onde discorre a maior parte da convivencia comunitaria dos betanceiros. Na cidade vella de Betanzos consérvanse multisecularmente a estrutura básica das dúas antigas parroquias coas súas igrexas, os arrabaldes e os barrios antigos, e as xerarquías espaciais. Edificios destacados, vellas casonas, rueiros, o antigo urbanismo labiríntico, a gran chaira do Campo, as pontes, as fontes, etc, constitúen unha densa armazón simbólica e conforman o urbanismo esencial do núcleo antigo. As novas técnicas constructivas facilitan a conservación destes vellos edificios da cidade mediante unha renovación dos mesmos que supón o seu baleirado interior, ao tempo que se mantén a súa vella fachada. O resultado final é o centro histórico betanceiro, declarado BIC 1970. Fronte ao núcleo antigo, a cidade experimentou, como o resto das cidades e vilas galegas, un crecemento urbanístico de edificios a partir das décadas de 1960 e 1970. Deste xeito, sobre a cidade vella alzouse unha nova construída con bloques de cemento e ladrillo de elevadas alturas. A primeira expansión produciuse no contorno setentrional das antigas murallas, no espazo existente entre a cidade histórica e o río Mandeo. Despois, seguindo as principais vías de comunicación, tivo lugar un segundo desenvolvemento da cidade en altura. A expansión é especialmente intensa no tramo correspondente á estrada nacional N-VI que atravesaba a cidade betanceira, tanto na súa entrada meridional como na súa saída setentrional. Finalmente, o sector occidental está a coñecer un forte crecemento asociado á disposición de servizos educativos e deportivos, e á dispoñibilidade de chan neste espazo. Caracterízase así a cidade polo contraste entre o núcleo antigo cun urbanismo máis irregular que aproveita a súa localización cosrteira e novas áreas residenciais dispostas ao seu redor que aproveitan os vales dos ríos Mandeo e Mendo. As últimas construcións realizadas sitúanse na saída da cidade seguindo o trazado lonxitudinal das vías de comunicación e formando tamén novas urbanizacións pechadas de tipo periurbano. Nestes mesmos espazos periféricos tamén nos últimos anos se conformou un novo hábitat baseado en vivendas unifamiliares de calidade, illadas ou acaroadas nas áreas paisaxísticas máis privilexiadas, lonxe das naves industriais e talleres.
Historia
A orixe de Betanzos é un pouco dubidosa. A primitiva vila puido ser fundada por Breogán máis pénsase que foi a vila romana de Brigantium Flavium do Itinerario de Antonino, aínda que etimoloxicamente o nome actual non poida derivar deste. A primitiva localización da vila estivo situado na actual parroquia de Tiobre, onde hoxe existe un lugar chamado Betanzos o Vello. Pénsase que neste asentamento puido ter a súa corte o Rei García (1065-1071). En 1219 a petición dos veciños de Tiobre o Rei Afonso IX autorizou o traslado da vila ao castro de Untia e outorgoulle foro. A importancia do porto de Betanzos produciu unha serie de conflitos co veciño da Coruña, entre eles destaca o preito do Sal. Afonso X tivo que resolvelo e obrigou que a descarga deste produto se realizase na Coruña. Os conflitos entre os dous portos por mor da carga e descarga de mercadorías e produtos (viños, cereais e madeiras) continuaron e así, en tempos de Afonso XI, aínda que os habitantes de Betanzos podían vender o seu viño na Coruña, o privilexio do sal continuaba en mans da cidade herculina. Finalmente, no s XIV, o Rei Enrique II permitiu a libre carga e descarga no porto de Betanzos. O título de cidade foi outorgado por Enrique IV como recompensa pola fidelidade mantida ante as revoltas nobiliarias (1465). Na división provincial realizada en tempos dos Reis Católicos, Betanzos foi confirmada como capital da provincia do seu nome, a cidade foi visitada polos propios Reis en 1487. Durante os ss XV e XVI a cidade viviu a época de maior esplendor, así as familias galegas máis sobranceiras instaláronse na vila o que provocou a denominación de Cidade dos Cabaleiros. A finais do s XVI unha crise azoutou a vila: en 1596 uns incendios destruíron gran parte da cidade, ao que se uniu unha serie de malas colleitas, e a crise soamente comezou a ser superada coa instalación en 1739 do arsenal de Ferrol, porto da provincia. A importancia do viño de Betanzos foi salientable nos tempos da colonización de América xa que foi un dos produtos que alí se exportaban e incluso Filipe III prohibiu a importación de viño foráneo en 1599 e 1611. Representada por Zamora nas Cortes, Betanzos recuperou o seu voto en tempos de Filipe IV, sendo os seus primeiros representantes o conde de Salvaterra e Antonio de Castro e Andrade. A situación estratéxica de Betanzos, punto neurálxico do camiño entre Ferrol e Madrid, levou a que a cidade fose ocupada durante a Guerra de Independencia. Tras coñecer o levantamento da Coruña (30.5.1808), nomeouse representante da cidade ao coronel do rexemento da provincia José Quiroga Quindós e acordouse facer un pacto de unión entre os reinos de Castela, León e Galicia. Perseguidos polas tropas do mariscal Soult, o exército inglés de Moore pasou por Betanzos, camiño da Coruña, o 10 de xaneiro de 1809 e, ao día seguinte, a vila foi ocupada polos franceses. Os habitantes de Betanzos organizaron a resistencia fronte aos franceses dirixidos por Vicente Montojo Poenzas e Joaquín Fidalgo; deron morte, entre o 20 e o 21 de febreiro de 1809, a 200 soldados que foron soterrados cos seus armamentos nun lugar aínda hoxe descoñecido. Non obstante , o 26 de febreiro a cidade prestou xuramento de fidelidade a Xosé Bonaparte, a ocupación durou ata xuño dese mesmo ano. En 1812 a cidade xurou a Constitución de Cádiz e o 3 de decembro empezou a funcionar o primeiro concello que permaneceu activo ata o 10 de agosto de 1814 cando, abolida a Constitución por Fernando VII, se restableceu o de 1808 e tamén a súa provincia. Nese período (1812-1814), o municipio pertenceu á provincia de Galicia, e integraba as mesmas parroquias que na actualidade (na historia do municipalismo betanceiro non se rexistrou ningunha alteración neste eido). O levantamento de Porlier en 1815 non contou coa adhesión dos betanceiros. No seguinte período constitucional (1821-1823), o concello de Betanzos pasou en 1822 a integrarse na nova provincia da Coruña. As tropas de Angulema puxeron fin en Betanzos ao período do trienio liberal (14.6.1823). O 24 de abril de 1834 a nova división administrativa elaborada por iniciativa do ministro de Isabel II, Javier de Burgos, puxo fin á provincia de Betanzos, quedando incluída na nova provincia da Coruña. O 2 de abril de 1846 tivo lugar en Lugo o levantamento de Solís. Malia constituírse un novo concello, o levantamento non supuxo ningún dano para a cidade salvo o fusilamento do sarxento Antonio Samitier Estallo ao non chegar a tempo o indulto o 4 de maio de 1846. Ao desencadearse a Guerra Civil o 18 de xullo de 1936, a cidade mantívose fóra do bando nacional o que lle permitiu ser centro de reunión dos focos republicanos ata a entrada das tropas franquistas. Dende o s XIX desenvolveuse en Betanzos unha actividade periodística. A primeira publicación foi El Censo r publicada en 1833; outras destacables son: Anuario Brigantino, El Bando, El Brigantino, Betanzos Liberal, Boletín de Información Municipal.
Patrimonio cultural
O centro histórico de Betanzos, declarado BIC en 1970, está situado na antiga acrópole do castro de Untia, hoxe praza da Constitución. Nela está a Casa do Concello, edificio neoclásico do s XVIII, e a torre do concello construída no s XVI e acaroada ás ábsidas da igrexa de Santiago, que mandou construír Fernán Pérez de Andrade o Bo. Á súa beira están os pazos de Bendaña, remodelado no s XVIII, que alberga o Museo do Traxe Galego, e o de Lanzós, levantado en 1621 e que conta cun balcón tribuna na fachada e cun brasón coas cinco lanzas dos Lanzós. Un segundo conxunto monumental fórmano as igrexas de Santa María do Azougue (BIC, 1944)e de San Francisco (BIC, 1919), ambas reconstruídas por Fernán Pérez de Andrade no s XIV. En San Francisco, onde se estableceu un centro de estudios teolóxicos e humanísticos, hai numerosos sepulcros entre os que destacan o de Fernán Pérez de Andrade. O centro vital de Betanzos é a praza Irmáns García Naveira, benfeitores da cidade, coñecida polo nome do Campo, xa que durante moitos anos foi o campo da feira. A praza conta cunha fonte en bronce, que imita a Fonte de Diana de Versailles, realizada nos talleres parisienses Sucel et Fils, e un monumento dedicado aos irmáns Xoán e Xesús García Naveira. Ábrense á praza o convento de San Domingos, dos ss XVI e XVIII; o antigo colexio das Orfas, do s XVIII, hoxe sede da biblioteca, está reproducido na exposición do Pueblo Español en Barcelona; o antigo hospital de Santo Antonio de Padua do s XVIII e, tamén do s XVIII, o edificio do Arquivo de Galicia, de estilo neoclásico que non chegou a cumprir a súa función. Das antigas murallas que rodeaban a cidade ata o s XVIII (BIC, 1994) a penas quedan restos, mais se conservan algunhas portas como a do Cristo da Ribeira que dá acceso á ribeira do río Madeo, hoxe urbanizada; a porta chamada Arco da Ponte Vella, xunta o embarcadoiro dos Caneiros, e a Porta Nova fronte á ponte Nova, de estilo oxival do s XV. Non se conservan restos da Porta da Vila, derrubada en 1872, pero nunha casa próxima consérvanse os escudos que tiña esculpidos: os de Betanzos, Galicia e Castela e León. Nos arrabaldes da cidade está o Xardín do Pasatempo, obra dos irmáns García Naveira, comerciantes que fixeron fortuna en Arxentina e que contribuíron ao desenvolvemento da cidade. O xardín, que comezou a construírse en 1893, está hoxe integrado nun xardín público de deseño actual. O románico está presente nas igrexas parroquiais de Santa María de Pontellas, San Martiño de Tiobre e San Martiño de Brabío, as tres dunha nave e ábsida rectangular. O Barroco está representado no santuario das Angustias iniciado en 1750 que permanece inacabado, tras el atópanse o castro e o pazo de Illobre. As mostras da arquitectura popular amósanse nas construcións de madeira, balcóns e galerías da praza dos Irmáns García Naveira e hórreos á beira do río Mendo. Os cruceiros conservados en Betanzos salientan pola súa antigüidade, entre os conservados destacan o situado na costa das Angustias ante o santuario e o de Santa María de Azogue. Betanzos conta con diversos servizos culturais: Biblioteca Pública A. Casteló, Arquivo Municipal e Museo das Mariñas con fondos arqueolóxicos, etnográficos e de belas artes ademais do Museo do Traxe Galego. No eido das artes plásticas celébrase a Bienal Internacional de Pintura ao Aire Libre, As Balconadas, xa que as pinturas colgan dos balcóns; e o Curso Internacional do Gravado. O patrimonio natural está representado polos espazos naturais Betanzos-Mondeo e o Encoro de Abegondo-Cecebre, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro do Rede Natura 2000. Outro dos atractivos turísticos da cidade son as festas de san Roque e santa María, celebradas entre o 14 e o 25 de agosto, orixinadas en 1416 e declaradas de interese turístico. Ademais das celebracións relixiosas, misas e procesións, as festas teñen a súa vertente popular co lanzamento dun globo de papel, o máis grande do mundo e cos Caneiros, xira fluvial polo Madeo. O globo lánzase a noite do 16 ao 17 de agosto fronte ao convento de San Domingos. Está documentado o lanzamento dun globo en 1814 para celebrar o regreso de Fernando VII e outro en 1846 por mor da voda de Isabel II, así como na súa visita á cidade en 1858. A xira dos Caneiros comezou a realizarse na segunda metade do s XIX. A súa orixe atópase no costume de ir tomar os restos da comida da romaría de san Roque Pequeno, celebrada o 17 de agosto, aos Caneiros. Outro día era o 25 de agosto trala romaría de san Paio. Así as festas da cidade alongáronse ata ese día.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Betanzos |
| Extensión | 24 Km2 |
| Poboación Total | 13328 h |
| Poboación Homes | 6321 h |
| Poboación Mulleres | 7007 h |
| Densidade de poboación | 555.33 h/Km2 |