Bética, A
Bética, A
Provincia romana que comprendía as partes occidental e central da actual Andalucía e unha parte do S das actuais Castela-A Mancha e Extremadura. No límite N seguía a beira esquerda do río Anas (Guadiana); ao L ía en liña case recta de Ossigi (Menjíbar) a Urci (golfo de Almería). O límite O era o Guadiana. Foi establecida en tempos de Augusto, no ano 27 a C, ao dividir a antiga provincia da Hispania Ulterior en dous (Bética e Lusitania). A capital foi a Colonia Patricia Corduba (Córdoba), e dividíase en catro conventos xurídicos con capital en Corduba (Córdoba), Astigi (Écija), Gades (Cádiz) e Hispalis (Sevilla), capital de Hispania durante o Baixo Imperio.