Bhutan
Estado de Asia meridional, situado na vertente S da cordilleira do Himalaia e limitado ao N por China e ao L, S e O pola India (47.000 km2; 1.165.000 [1980]; 2.004.000 h [estim 1998]). Esténdese latitudinalmente entre os 28° e 27° N e lonxitudinalmente entre os 88° e os 92° L. A capital é Thimphu.
Xeografía
Xeografía física
A localización de Bhutan no eixe axial da cordilleira do Himalaia provoca que a altitude sexa moi elevada en todo o territorio, aínda que decrece de N a S. Deste xeito, distínguense tres zonas: os Duars, altiplano detrítico prehimalaio ao S, duns 400 m de altitude; o Himalaia Medio, rexión sucada por moitos vales e de altitude inferior aos 3.000 m; e o Gran Himalaia; ao N do país, con cumes de altitudes superiores aos 7.000 m (Kula Kangri, 7.554; Chomo Chāri, 7.314 m). Os dominios climáticos varían segundo as rexións topográficas: ao N é un dominio de alta montaña, con precipitacións de neve, e nos Duars é un clima tropical cálido con abundantes precipitacións (máis de 6.000 mm anuais) cunha distribución estacional rexida polo sistema monzónico e que polo tanto acada os máximos nos meses do verán. Estas chuvias torrenciais adoitan provocar corrementos de terra. O Himalaia Medio está influenciado tamén por un clima de montaña, aínda que a diferenza de altitude fai que sexa moito menos rigoroso que na zona N, onde os rexistros térmicos acadan valores extremos. As violentas tormentas que baixan dos cumes da cordilleira deron orixe ao nome do país, que na lingua dzongkha significa ‘terra do bruído do dragón’. A rede fluvial, artellada polos ríos Sankosh, Amo, Raidak e outros, inclúese na conca do Brahmaputra, do que todos son tributarios.
Xeografía económica e economía
A economía de Bhutan, un dos países máis pobres do mundo, segundo reflicten todos os indicadores de produción e renda, baséase no sector agropecuario, principal fonte de riqueza. Estas actividades, debido tanto aos condicionantes físicos (pendentes, erosión dos solos, carencias de auga) coma ás estruturas sociais, políticas e xurídicas baixo as que se desenvolve, está na súa maior parte nun estadio de subsistencia, e nas explotacións, orientadas ao autoabastecemento doméstico, combínanse a agricultura e a gandería. O sector primario no seu conxunto emprega o 87,2% da poboación ocupada e achega o 42% do PNB. Tan só o 2% da superficie do país é cultivable. Os principais cultivos son o arroz, diversos cereais e as patacas. Como cultivos industriais destacan o cardamomo e os cítricos. Ten grande importancia a explotación forestal, que ocupa 66% da superficie. A gandería proporciona carne, leite, ovos, la e peles, e inclúe os búfalos e os iacs, empregados tamén como animais de tracción. En canto á minería, explótanse xacementos de pedra calcaria, dolomita e xeso. A produción de enerxía eléctrica é tan importante, especialmente dende a construción da central hidroeléctrica de Chukha (1986), que permitiu a exportación dun total de 1.475.000 millóns de kWh en 1996; considérase un dos recursos básicos para o seu desenvolvemento futuro. A industria máis importante é a do cemento. Ademais, hai pequenas industrias téxtiles e doutros produtos domésticos, pero o seu grao de innovación é mínimo e non se preven grandes posibilidades de crecemento. O comercio exterior, deficitario, ten lugar case exclusivamente coa India, que representa o 94% das exportacións e o 77% das importacións bhutanesas. Impórtase por valor de 6.939 millóns $ USA e tan só se exporta por 5.463 millóns $ USA. As principais partidas de importación son o petróleo, maquinaria e alimentos, mentres que as súas exportacións se basean nos recursos naturais (electricidade, madeira, froitas e cemento). O sector terciario, pouco desenvolvido, achega non obstante o 35% do PNB, grazas aos ingresos procedentes do turismo, outra das alternativas de futuro. As dificultades orográficas supoñen o maior atranco para o trazado das vías de comunicación: non hai ningunha liña de ferrocarril en todo o territorio e, en 1996, as estradas só sumaban 3.285 km, dos que 1.994 estaban asfaltados. O parque de automóbiles era, en 1996, de 10.384 unidades. En canto ao transporte aéreo, só hai no país un aeroporto, o de Paro, situado 20 km ao SO da capital. A moeda de curso legal é o ngultrum, aínda que tamén a ripia india circula como tal, ademais ambas as dúas moedas cotizan a par. Malia o seu baixo grao de desenvolvemento, cun PNB de 295 millóns de dólares (390 dólares por h en 1996), o crecemento do PNB vén sendo notablemente elevado (6,4% en 1980-1986). Do 1961 ao 1992 leváronse a cabo seis planos quinquenais de desenvolvemento. Coa vontade de preservar o medio ambiente e a cultura tradicional o goberno impón condicións moi estritas aos sectores industrial, financeiro e comercial, así como no referido á lexislación laboral. Todos estes factores contribúen a disuadir aos investidores estranxeiros. Bhutan depende fortemente da axuda externa, especialmente da India, país que absorbe case que a totalidade do comercio exterior e financia os planos quinquenais.
Xeografía humana
As peculiaridades derivadas da estrutura económica e do mantemento do país, á marxe de influencias foráneas, provocan que o comportamento vexetativo da poboación bhutanesa se rixa por pautas das que resultan elevadas taxas de crecemento (2,3% de media anual no período 1992-1997). Particularmente alta é a taxa de natalidade (41,3‰ en 1997), debido á prohibición da comercialización e emprego de anticonceptivos. As taxas de mortalidade tamén se sitúan en valores elevados (13,7‰ a taxa xeral e 109‰ a taxa de mortalidade infantil), debido ás eivas do sistema de saúde. A esperanza de vida ao nacer é baixa: 51 anos para os homes e 53 para as mulleres en 1997. A poboación é maioritariamente rural; en 1997, só o 7% era urbana. A sociedade bhutanesa mantén o seu modo de vida tradicional. Como mostra do esforzo gobernamental pola conservación da cultura tradicional, cómpre mencionar que ata o 2 de xuño do ano 2000, data do comezo das actividades da Bhutan Broadcasting Service, non houbo no país ningunha emisora de televisión; ademais, os primeiros usuarios da Internet poideron conectarse á rede o primeiro de xuño de 2000, acontecementos que formaron parte dos festexos oficiais para celebrar o 25° aniversario da coroación do Rei. A poboación está composta basicamente por bhotias (50%), aínda que a minoría nepalesa ten unha importante presenza (35%); así mesmo, existen outras minorías étnicas procedentes do estado indio de Assam e do Tibet. A lingua oficial é o dzongkha, aínda que tamén se falan outros dialectos tibetanos e nepaleses. A relixión oficial é o Budismo mahaiana na súa forma lamaísta, que é a relixión practicada polo 70% da poboación que vive nas lamaserías; ademais, o 25% da poboación é hinduísta e o 5% musulmana. O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1997 situaba a Bhutan entre os países cun débil desenvolvemento humano (ocupa o 145 posto cun índice do 0,459). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 60,7 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 44,2% da poboación; o índice bruto de escolaridade é do 12% e o PNB real por habitante (PPA) é de 1.467 $ USA.
Sociedade e goberno
Bhutan é unha monarquía independente da India dende o 8 de agosto de 1949. En xullo de 1998 o Rei aprobou unha serie de reformas políticas destinadas a limitar o poder monárquico que modificaba o Real Decreto de 1953. Coa nova norma a Asemblea Nacional (Tsogdu) ten o poder de destituír o monarca cunha moción de confianza que debe estar apoiada, al menos, polos 2/3 dos votos. Ademais, o Rei renunciou ao dereito de nomear o Consello de Ministros (Lhengye Shungtsog), que agora corresponde á Asemblea Nacional. O poder executivo exérceo o Rei, que tamén é o xefe do goberno, e o Consello de Ministros, formado por seis membros elixidos por un período de cinco anos. O poder lexislativo é unicameral. A Asemblea Nacional está formada por 150 membros, dos que 105 están elixidos polos consellos locais, 10 representan ao corpo relixioso e 35 están designados polo Rei en representación do goberno e outros intereses seculares por un mandato de tres anos. As relacións exteriores de Bhutan están a cargo do goberno da India mediante o do tratado de 1949. O poder xudicial baséase nas leis da India e no dereito común británico. A Corte Suprema de Apelación, que é o órgano superior da administración de xustiza, é o Rei. Non acepta a xurisdición da Corte Internacional de Xustiza. Está en vigor a pena de morte, aínda que non se aplica dende hai anos. Amnistía Internacional presentou varias denuncias segundo as cales continuaron as detencións de presos políticos, na maioría dos casos pola súa presunta pertenza ou apoio á Fronte Unida para a Democracia ou ao Congreso Nacional Druk; ademais, segundo varios informes, moitos dos detidos sufriron torturas e malos tratos. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación Contra a Muller. Os partidos políticos non están legalizados; sen embargo, existen dúas organizacións políticas no exilio nepalés: a Fronte Unida para a Democracia e o Congreso Nacional Druk. Así mesmo, os monxes budistas, os mercadores hindús e as organización étnicas nepalesas exercen unha presión política considerable. O país divídese en 18 distritos. No Nepal residen aproximadamente 91.000 refuxiados, a maioría de fala nepalesa e procedentes do sur de Bhutan, dos cales o 90% se atopan ao abeiro da Alta Comisión das Nacións Unidas para os Refuxiados nalgún dos sete campos que esta organización mantén no Nepal; o goberno bhutanés considera que abandonaron o país e renunciaron á nacionalidade bhutanesa, se inhibe nesta problemática. Forma parte destes organismos internacionais: Asociación Sud-Asiática para a Cooperación Rexional (SAARC) e ONU.
Historia
No s IX instaláronse na rexión emigrantes tibetanos (drukpas) que someteron a poboación autóctona, os batvas. Do s XIV ao XVI a historia de Bhutan vén marcada polos conflitos entre as elites ata que o poder recaeu na dobre soberanía dun xefe espiritual, o Dharma raxá, e un xefe temporal, o Deb raxá, que trataba os asuntos civís. No marco dunha política exterior agresiva, Bhutan entrou en conflito coa Compañía da India Oriental Británica en 1772. A posterior ocupación por parte de Gran Bretaña do sector meridional do país (1864) provocou un conflito bélico que acabou coa anexión de Bhutan por parte de Gran Bretaña trala Paz de Sinchula (1865). Bhutan converteuse nun importante estado tapón da India británica. En 1907 o gobernador de Tongsa, Ugyen Vangchuck, axudado polos británicos, converteuse no primeiro maharajah hereditario unificando os dous poderes. Mediante un tratado, asinado en 1910, Bhutan cedeu a Gran Bretaña a dirección da política exterior do país a cambio dun subsidio anual, control que no 1949, logo da súa independencia (8.8.1949), pasou á Unión India. Dende ese ano a India aconsellaba a Bhutan en canto a relacións exteriores, pero se abstiña de interferir nos asuntos internos. Jigne Dorji Wangchuck, que reinou entre 1952 e 1972, intentou modernizar o país, pero non permitiu a existencia de partidos políticos; este feito fixo que Bhutan non ingresase na ONU ata 1971. En 1972 Jigne Singhye Wangchuk accedeu ao trono, levando adiante unha política represiva cos nacionalistas nepaleses, que se negaban a ser asimilados polos bhotias, a etnia politicamente dominante. O apoio ofrecido aos nacionalistas nepaleses por parte do Nepal e a entrada de gran número de refuxiados procedentes deste país, atraídos polas mellores condicións, crearon unha forte tensión entre ambos os estados. O Bhutan mantivo, por outra banda, tensas relacións con China a causa de disputas territorias e da acollida de refuxiados políticos tibetanos. En 1983 Bhutan foi un dos cofundadores da Asociación Sud-asiática para a Cooperación Rexional (SAARC). Ao longo de 1986-1987 sostivo conversas coa China Popular con motivo da disputa territorial e, en novembro de 1989, produciuse unha distensión das relacións coa sinatura dun acordo que momentaneamente solucionaba o conflito fronteirizo. Un acordo coa India a comezos de 1990 preveu a apertura de novos pasos fronteirizos que posibilitaron a mellora do comercio entre ambos países. Os dous maiores problemas deste país durante a década dos noventa tiveron relación coa situación da minoría nepalesa, que reclamaba reformas democráticas que garantisen os seus dereitos, e cos conflitos internos do estado indio de Assam, ambos os dous aínda latentes no 2000.