bíblico -ca

bíblico -ca

(< Biblia)

  1. adx

    Relativo ou pertencente á Biblia.

  2. teoría e crítica bíblica [LIT]

    Desígnase con este nome o labor de crítica e interpretación dos textos sagrados. A crítica dos textos bíblicos tivo a súa orixe entre os xudeus na Antigüidade tardía, cando as autoridades rabínicas desenvolveron as súas teorías interpretativas ao redor do Antigo Testamento. O seu método de investigación, coñecido como midrash, comezou pola interpretación da tradición oral para despois pasar a ser un método filolóxico baseado na lectura literal dos textos co fin de aclarar as contradicións bíblicas e fixar os seus significados. Na Idade Media, os eruditos xudeus desenvolveron varios tipos de crítica bíblica, de xeito que o midrash se converteu nun comentario esexético ecléctico. Nesta etapa, a principal autoridade foi Solomon ben Isaac Rashi, que soubo mesturar os descubrimentos da Filoloxía e da Gramática coas tradicións orais e escritas da revelación, fronte aos comentarios máis eclécticos e afastados do texto canónico realizados por Abraham ibn Ezra. Entre os críticos cristiáns desenvolveuse, a partir do século XII, a teoría dos catro sentidos da interpretación, que tiña en conta o sentido literal, o alegórico, o moral e o escatolóxico. No contexto moderno as lecturas bíblicas desenvolvéronse aceptando as novas perspectivas críticas, humanistas e históricas, ou rexeitándoas. O enfoque obxectivo documental orixinouse no s XIII, a partir do estudo dos documentos e do seu contexto. No s XX produciuse unha volta ao interese teolóxico que orixinou unha lectura crítica máis textual, xunto con outros enfoques teóricos que dotaron a este tipo de estudios dunha gran riqueza e variedade. Pódense citar, entre outras moitas, as contribucións, con diferentes enfoques, de René Guirard, Mensonge romantique et verité romanesque (Engano romántico e verdade romana, 1961); de Meir Sternberg, The Poetics of Biblical Narrative (Os poetas da narrativa bíblica, 1985); de Robert Alter e Frank Kermode, The Literary Guide to the Bible (A guía literaria para a Biblia, 1987); de Regina Schwartz, The Book and the Text: the Bible and Literary Theory (O libro e o texto: a Biblia e a teoría literaria, 1990); de Harold Bloom, The Book of J. (O libro de J., 1991); ou a lectura feminista da Biblia ofrecida por Mieke Bal en Lethal Love: Feminist Literary Readings of Biblical Love Stories (Amor letal: Lecturas literarias feministas das historias de amor bíblicas, 1987).