bibliografía

bibliografía

(

  1. s f

    Ciencia auxiliar que mediante a busca, a identificación, a descrición e a clasificación de todos os documentos publicados ou reproducidos por procedementos mecánicos, fotomecánicos ou electrónicos, facilita o coñecemento científico ou práctico dunha materia. Pode ser enumerativa ou sistemática cando actúa en extensión, e analítica ou descritiva cando estudia o documento en profundidade. A primeira pode ser xeral, sobre a totalidade dun tema, dunha materia ou dun autor, e especial sobre unha parte. A bibliografía analítica estudia o documento en si mesmo, deixando de lado calquera consideración sobre o seu contido, coa finalidade de reconstruír o seu proceso de produción.

  2. s f

    Relación sistemática, diversamente ordenada e a miúdo crítica ou razoada, de obras relativas a unha ou diversas materias. Poden ser retrospectivas (coa finalidade de recoller un período determinado) ou correntes (que recollen periodicamente as publicacións actuais). Actualmente, o termo aplícase non só aos textos impresos senón tamén a calquera tipo de obra (mesmo o material audiovisual). Aínda que existen compilacións bibliográficas anteriores, a necesidade do repertorio bibliográfico non aparece, sen embargo, ata o s XV, coa invención da imprenta. Axiña comezaron a aparecer as primeiras bibliografías especializadas (medicina, botánica, patrística, etc). A primeira bibliografía universal é a de Konrad von Gesner, Bibliotheca universalis (1545), e a primeira de ámbito nacional a do inglés John Bale, Illustrium Majoris Britanniae Scriptorum [...] summarium (1557-1559). No s XVII comezan a aparecer as revistas bibliográficas como o Journal des Savants en Francia ou as Acta eruditorum en Alemaña. Ao inicio do s XIX en Francia difundiuse a bibliografía corrente co Journal général de l’imprimerie et de la librairie (Bibliographie de la France), de carácter profesional. Así mesmo, a explosión documental que caracteriza o s XX fai evidente a dificultade de realizar unha bibliografía de todo o que se edita no mundo, polo que, actualmente, a bibliografía tende á formación de repertorios especializados por materias e países. Para a bibliografía retrospectiva de Galicia, á parte da incluída nas grandes bibliografías hispánicas como a de Nicolás Antonio (Bibliotheca Hispana, 1672-1696) ou a de A. Palau i Dulcet (Manual del librero hispano-americano, 1923-1927), cómpre referirse aos seguintes repertorios bibliográficos: Ensayo de un catálogo sistemático y crítico de algunos libros, folletos y papeles, así impresos como manuscritos, que tratan en particular de Galicia (1875), de José Villaamil Castro, e a Bibliografía de Galicia (1944-), comezada en 1942 por iniciativa de Filgueira Valverde e García Alén no Seminario de Estudios Galegos e continuada na actualidade polo Museo de Pontevedra. Atendendo á lingua galega como idioma de publicación cómpre mencionar o Catálogo de obras escritas en gallego (1898), de Uxío Carré Aldao, e o Libro galego onte e hoxe, iniciado en 1981 por Daría Vilariño Pintos e Mª Virtudes Pardo Gómez como catálogo da exposición bibliográfica organizada pola Universidade de Santiago de Compostela en 1979 e continuada hoxe en día pola Federación de Libreiros de Galicia. Entre as bibliografías de publicacións periódicas hai que referirse ao Repertorio bibliográfico sobre a prensa galega (1993), de Rosa Cal Martínez e Carmen Pérez Pais, á Historia de la prensa gallega (1990-1995), de Enrique Santos Gayoso, e ao Dicionario da literatura galega: publicacións periódicas (1997), coordinado por Dolores Vilavedra. Existen tamén repertorios por materias xenéricas (economía, agricultura, lingüística, historia, etc), entre os que cómpre salientar os seguintes: Bibliografía económica de Galicia (1960), de Francisco Río Barja; Catálogo de trabajos y documentos científicos sobre el campo gallego (1979); Repertorio bibliográfico da lingüística galega: desde os seus inicios ata 1994 inclusive (1995), proxecto do Centro de Investigación Ramón Piñeiro dirixido por Francisco García Gondar; Guía bibliográfica de lingüística de Galicia (1996), selección bibliográfica realizada no Instituto da Lingua Galega; Os libros infantís galegos (1989), de Agustín Fernández Paz; Informe de literatura, proxecto publicado anualmente dende o ano 1995 polo Centro Ramón Piñeiro coordinado por Blanca-Ana Roig Rechou; Bibliografía de xeografía de Galicia (1990), de Xosé Pazo Labrador e Xosé Manuel Santos Solla ou Bibliografía sobre el camino de Santiago, coordinada por Dolores Palma García e Mª Yribarren Muñoz. Entre os repertorios biobibliográficos compre salientar os seguintes: Dicionario de escritores que florecieron en el Reino de Galicia, redactada na primeira metade do s XVIII por Antonio Seixas Rioboo, que constitúe o primeiro exemplo coñecido de biobliografía colectiva; o Dicionario de escritores gallegos (1862), obra de Manuel Martínez Murguía; Galeria de gallegos ilustres (1874), de Teodosio Vesteiro Torres; Catálogo de obras de escritores gallegos (1891), de Uxío Carré Aldao; Dicionario bio-bibliográfico de escritores gallegos (1951-1953), de Antonio Couceiro Freijomil; Dos mil nombres gallegos (1959), de Francisco Lanza Álvarez e o Dicionario da literatura galega: autores (1995), coordinado por Dolores Vilavedra. No grupo das biobibliografías ordenadas pola profesión ou actividade, cómpre salientar as obras de Atanasio López Fernández (Oradores gallegos del siglo XIX, 1931-1932) e a de Evaristo Correa Calderon (Bibliografía de arbitristas, reformadores y economistas gallegos, 1960).

  3. s f

    Conxunto de obras, ensaios, artigos, etc, que foron escritos sobre un tema concreto ou nun período determinado.

    Ex: Aínda estou axuntando toda a bibliografía de María Barbeito Cerviño para posteriormente comezar a miña investigación.

  4. s f

    Lista de obras relativas a un tema determinado e que preceden ou seguen a unha monografía, un artigo, etc.

    Ex: É habitual que as teses de doutouramento leven unha extensa bibliografía ó final.

  5. s f

    Sección dun xornal onde se anuncian os libros de publicación recente.

    Ex: Vin o seu novo libro na bibliografía do domingo no xornal.