Biblioteca Penzol
Biblioteca organizada a partir dunha serie de fondos procedentes do patrimonio bibliográfico de Fermín Penzol Lavandeira. Pertence á Fundación Penzol con sede en Vigo e abriuse ao público en 1963. Está constituída por textos escritos en galego ou referidos directamente a Galicia. Inclúense neles tamén as áreas do Bierzo, occidente de Asturias, Portugal e as antigas colonias, Brasil e a produción editorial dos centros galegos espallados por España e por todo o mundo. Contén máis de 12.000 volumes, 8.690 folletos e 300 revistas. Entre as temáticas principais destacan a lingua e literatura galego-portuguesa, así como a xeografía, historia, dereito e economía de Galicia. Contén tamén algún incunable como a Historiarum initium ad aufelium augustinum (Venecia, 1500) de Pauli Orosii e manuscritos de Martín Sarmiento, Educación de la Juventud (s XVIII), e de Otero Pedrayo.