biblioteconomía

biblioteconomía

(

s f [BIBLIOT]

Disciplina que estudia a organización e a administración das bibliotecas. Presta particular atención aos métodos de catalogación e ordenación dos fondos bibliográficos (libros, opúsculos, publicacións periódicas, manuscritos, microfilmes, etc) para poder facilitar o seu uso. Á organización pertencen os criterios sobre a disposición funcional dos locais: almacéns, salas de lectura, etc; sobre as etapas que percorre cada unidade bibliográfica dende a entrada na biblioteca ata que queda á disposición do lector: adquisición, catalogación e clasificación, etc; sobre a mecanización dos servicios bibliotecarios e a aplicación dos principios e as técnicas de teledocumentación e teleinformática ás bibliotecas. Á administración correspóndenlle as funcións do persoal directivo e subalterno, a administración do orzamento, a estruturación dos diversos departamentos, os servicios especiais de microfilmación, manuscritos, materiais audiovisuais, xerocopias, etc, e a cooperación con outras bibliotecas nacionais ou estranxeiras e con organismos internacionais. Os primeiros intentos para sistematizar o funcionamento das bibliotecas tiveron lugar no Renacemento e acadaron un forte pulo coa Ilustración. No estado español, os estudios foron sistematizados e regulados polo goberno no 1992, en forma de diplomaturas universitarias. Cómpre salientar as escolas de Barcelona, Granada, Madrid e Murcia.