bicogroso
(< bico + groso)
Ave de 17 cm de lonxitude, grosa, de pescozo forte, plumaxe castaña e semellante nos dous sexos, coa gorxa de cor branca, a cabeza avermellada e franxas alares brancas. O peteiro é grande e de cor azul, e ten cola curta. É unha especie fundamentalmente arbórea que se alimenta principalmente de sementes e abrochos. Compórtase como semicolonial na época de cría, de xeito que aniña en pequenos grupos, e no inverno como gregaria; nesta estación os grupos das poboacións máis nórdicas desprázanse cara ao sur. De distribución paleártica, está presente en toda Europa excepto en parte de Escandinavia, das Illas Británicas e dos países mediterráneos. Na Península Ibérica ten unha distribución espallada, principalmente na metade occidental, asociada a zonas arboradas caducifolias ou mixtas. A Galicia chegan en certos invernos aves migrantes das poboacións do norte de Europa.