Bielorrusia

Bielorrusia
Nome científico: [nome oficial en bielorruso: Respublika Byelarus’]

Estado da Europa oriental, tamén coñecido como a Rusia Branca. Limita ao NL e ao L con Rusia, ao S con Ucraína, ao O con Polonia e ao NO con Lituania e Letonia (208.000 km2; 10.401.784 h [estim 1999]). Esténdese entre os 56° e os 51° de latitude N e os 23° e 32° de lonxitude L. A capital é Minsk.
Xeografía física

Relevo e xeoloxía
O país ocupa unha depresión herciniana encadrada entre aliñamentos cristalinos. A forma de relevo máis usual son as chairas e as ondulacións provocadas polas glaciacións cuaternarias (morrenas e incisións glaciais). En xeral, pódense distinguir tres áreas: ao N, na conca do Dvina, hai unha área palustre interrompida por outeiros; no centro, e en dirección NL-SO, esténdese unha liña de pequenos cumios, a Belorusskaja Gr’ada, na que está a altitude máxima do país, o monte Majak, 356 m; ao S, na Polesia (Polesje), esténdense vastas áreas pantanosas, as máis grandes de toda Europa, nas que os ríos adoitan desbordarse e confundirse os uns cos outros. Un 70% dos solos son de tipo podsólico. O 21,6% do territorio está cuberto por terreos palustres, dos que o 12% son turbeiras, principal recurso natural do país.
Climatoloxía

Debido á súa latitude e á súa situación interior, afastado do mar por máis de 300 km, está baixo un dominio climático continental, aínda que a ausencia de obstáculos orográficos de envergadura permite que a influencia das masas de aire mariña procedentes do Mar Báltico se poida percibir nos rexistros termopluviométricos, de xeito que sexan bastante moderados. Así, a temperatura media anual está nos 12°C, sendo a media de xaneiro de 6°C e a de xullo de 18°C. Pola súa parte, a precipitación media anual recollida no observatorio de Minsk (uns 400 km ao L do Báltico) é de 628 mm. En canto á distribución estacional destas precipitacións, acúsase unha forte seca estival.
Hidrografía

As principais concas fluviais son as do Dvina Occidental, que desemboca no Mar Báltico, e as do Dniéper-Berezina e do Prip’at’, que desembocan no Mar Negro. A aliñación montañosa da Belorusskaja Gr’ada constitúe a divisoria de augas entre ambas as dúas vertentes. Trátase de ríos de réxime pluvial, nos que a seca dos meses do verán provoca intensas estiaxes do seu caudal.
Xeografía económica e economía


Economía
Inserta no planificado mercado soviético ata a súa disolución, a economía bielorrusa arrastra as rémoras desa dependencia, mantendo vínculos moi estreitos con Rusia, que é o seu primeiro socio comercial, co resto dos estados que integraron a URSS e cos países da súa órbita: en conxunto representaban en 1997 o 75,4% das súas importacións e á vez mercaban o 82,1% das súas exportacións (destacan Ucraína e Polonia). A Unión Europea, especialmente Alemaña, e os EE UU son os seus outros socios comerciais principais. A moeda oficial é o rublo bielorruso. En canto ao estado da Economía, a conxuntura que atravesa Bielorrusia é difícil, debido ao escaso grao de profundización das políticas de axuste aplicadas na transición do modelo socialista ao capitalismo, que fan que en realidade non se poida falar nin dun nin doutro: o sector público segue a ostentar a hexemonía nos distintos sectores de actividade, tanto no agropecuario como no industrial ou nos servicios. Os exercicios posteriores á independencia resultaron cun crecemento negativo. Na segunda metade da década de 1990 seguíronlle anos de certa recuperación, malia que o resultado do período 1987-1997 foi negativo nun 2,3%. Paralelamente os prezos experimentaron unha inflación elevada (73,2% no 1999) que non se conseguiu frear. O déficit público é de case 3 billóns de rublos (2.870.000.000.000), e a débeda externa en 1999 era de 1.162 millóns de dólares. A balanza comercial tamén é negativa (-1.476,6 millóns $ USA [1996]). As cifras oficiais de desemprego sitúanse nun 2,3%.
Recursos e sectores de actividade

A agricultura e a gandería representan preto do 31% do PNB (1995), e a elas dedícase o 19% da poboación ocupada (1997). A superficie cultivada abrangue o 45% do país; os principais cultivos son as patacas, os cereais, a remolacha, as hortalizas, as árbores froiteiras e o liño. A gandería é importante, especialmente a bovina e porcina, e achega o 60% da produción agraria final. En total, o 15% da superficie está ocupada por pastos. Malia o seu peso relativo, a agricultura padece graves deficiencias estruturais herdadas da antiga organización colectiva (kolkhozs e sovkhovs), que ten como principal desvantaxe o baixo nivel dos seus rendementos: a pesar da derrogación oficial do sistema socialista, o goberno non privatizou o sector agrario, mantendo a titularidade da terra e das explotacións. Por riba, o accidente en 1986 da central nuclear de Černobil, cidade ucraína fronteiriza, e a contaminación provocada pola expansión da radiación, inutilizou para a agricultura extensas áreas do S e SL do país. O subsolo é pobre, cuns poucos xacementos mencionables de petróleo e carbón. Unicamente as reservas de turba son importantes. O bosque, especialmente de coníferas, ocupa unha terceira parte da superficie do país e constitúe unha importante fonte de riqueza. A industria e a minería achegan máis da terceira parte do PNB (34%) e ocupan ao 40% dos traballadores (1997). As principais industrias son as mecánicas, químicas, téxtiles, de maquinaria agrícola e papeleiras. A herdanza soviética foi neste eido máis positiva que no sector primario: Bielorrusia dispuña dunha rede industrial densa, adaptable en principio ás esixencias dunha economía de mercado, malia os inconvenientes que supuñan a ausencia de recursos enerxéticos propios e a necesidade de reconversión da maior parte do subsector armamentístico por mor da nova conxuntura internacional derivada da fin da Guerra Fría. O sector servicios, tamén en gran parte controlado polo estado, converteuse no que xera o maior volume de emprego, acollendo a máis da metade da poboación activa (41%) e proporcionando unha porcentaxe similar do PNB (53%).
Transportes e comunicacións

Pola súa localización, o país, e en concreto a súa capital, Minsk, é paso obrigado na ruta Moscova-Varsovia, a principal vía terrestre entre Rusia e o resto do continente europeo. Este feito contribuíu de xeito decisivo ao desenvolvemento das infraestruturas de transporte, posto que era un dos eixes fundamentais de vertebración do espazo soviético europeo e, en consecuencia, foi obxecto de atención preferente para a súa política de comunicacións. Así, Bielorrusia dispón dunha rede de estradas de 53.407 km (1997), dos que 52.446 km están asfaltados. Polo que atinxe ao ferrocarril, os treitos das liñas que transcorren polo seu territorio suman 5.547 km (1995), dos que 875 km están electrificados. A navegación fluvial constitúe outro importante medio de locomoción grazas aos 2.493 km de ríos e canles practicables. En canto ao tránsito aéreo, Minsk posúe o maior aeroporto do país.
Comercio exterior

O groso do comercio exterior efectúase principalmente coas antigas repúblicas soviéticas e cos países da súa órbita, con Rusia á cabeza. Maquinaria, bens de consumo, produtos químicos, materiais de transporte, petróleo e produtos alimentarios son as principais materias de exportación, que destina cara a Polonia, Rusia, Alemaña e Ucraína. As importacións son principalmente gas natural, azucre e téxtiles que proceden dos mesmos países.
Xeografía humana

Demografía
O crecemento da poboación rexistra taxas negativas (0,1% de media anual no período 1992-1997). Este lento ritmo do incremento demográfico é un trazo que se mantivo constante ao longo da segunda metade do s XX: nos 48 últimos anos o aumento cifrouse no 28,75%, o que significa unha media do 0,6% anual no período 1950-1998. O crecemento natural en 1997 foi negativo (-0,3%), por mor dunha taxa de mortalidade xeral elevada (13,4‰) e unha taxa bruta de natalidade relativamente feble (8,8‰). A esperanza de vida ao nacer está nos 63 anos para os homes e 74 para as mulleres.
Poboamento

A poboación bielorrusa é maioritariamente urbana: en 1996 representaba o 69,1% do total. Os principais núcleos urbanos correspóndense coas capitais das diferentes provincias, que artellan a rede urbana do país. A capital nacional, Minsk, acolle ao 16,6% da poboación do país (1.712.900 h [1998]). O resto das capitais de provincia son cidades de tamaño medio, todas ao redor dos 300.000 h; só destaca Gomel’, con máis de medio millón de habitantes. Outras cidades importantes son Babrujsk (226.681 h), Baranavičy (172.207 h), Barysaw (153.443 h), Pinsk (131.129 h) e Orša (124.300 h). De todos os xeitos, amplas áreas do país están moi pouco poboadas, especialmente no S, no territorio pantanoso. En xeral, a densidade do país é de 50 h/km2.
Etnias, linguas e relixión

Etnicamente o 77,9% dos cidadáns son bielorrusos, o 13,2% rusos, o 4,1% polacos, o 2,9% ucraínos e o 1,1% xudeus (1989). O bielorruso e mais o ruso teñen o rango de linguas oficiais, o primeiro como lingua autóctona e o segundo como idioma da importante minoría asentada no territorio ao longo das décadas de dominio dos tsares primeiro e dos soviets despois. Non obstante , a harmonía lingüística suposta pola Constitución sofre tensións e conflitos, como o xurdido polo feito da esixencia do coñecemento do bielorruso como requisito ineludible para acceder á función pública, circunstancia que a comunidade rusa interpreta en xeral de xeito negativo, e foi en 1999 causa de protestas. As minorías nacionais polaca, ucraína e hebrea falan as súas linguas respectivas, malia que carecen de recoñecemento oficial e están á marxe da administración e do ensino. As sete décadas de réxime soviético, co seu ateísmo oficial (nacionalización dos bens da igrexa, épocas de represión do culto e clandestinidade, etc), conseguiron que só a metade dos bielorrusos se declaren fieis dalgunha relixión: a maioritaria é a cristiá ortodoxa, confesión á que se adscribe o 32% da poboación, mentres que os cristiáns católicos son o 18%.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano en 1997 situaba a Bielorrusia entre os países cun desenvolvemento humano alto (ocupa o sesaxésimo posto cun índice do 0,763). Este Indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida no nacemento é de 68 anos; o índice de alfabetización de adultos é do 92,9%, e o índice bruto de escolaridade é do 44%; o PNB real por habitante (PPA) é de 4.850 $ USA.
Sociedade e goberno

Segundo a Constitución aprobada o 24 de outubro de 1996, Bielorrusia é unha república multipartidista. O xefe de estado é o Presidente da República. O poder lexislativo reside nun parlamento bicameral composto por unha Cámara dos Deputados (integrada por 110 membros elixidos por sufraxio universal cada 4 anos) e un Consello da República (56 escanos ocupados por 48 representantes das administracións locais e 8 conselleiros designados polo Presidente). O sistema xudicial é de tipo europeo continental. Está en vigor a pena de morte, nos últimos anos hai noticia de cando menos trinta execucións. Amnistía Internacional presentou varias denuncias segundo as cales os funcionarios encargados de facer cumprir a lei infrinxiron torturas e malos tratos de xeito xeneralizado; así mesmo, existen presos de conciencia. Ratificou ou adheriuse aos seguintes tratados: Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (PIDCP); Protocolo Facultativo do PIDCP; Pacto Internacional dos Dereitos Económicos, Sociais e Culturais; Convención Contra a Tortura e Outros Tratos e Penas Crueis, Inhumanas ou Degradantes, formulando a reserva, de conformidade co artigo 28, pola que non recoñece a competencia do Comité Contra a Tortura para examinar información que semella indicar que esta tortura se practica de forma sistemática; Convención sobre a Eliminación de Todas as Formas de Discriminación contra a Muller. Os partidos políticos máis importantes son o Partido dos Comunistas Bielorrusos (PKB), Partido Comunista Bielorruso (KPB), Partido Agrario, Fronte Popular Bielorruso (BNF), Partido Demócrata-Liberal (LDBP), Partido Laborista Bielorruso (BPP), Partido Verde de Bielorrusia (BPZ). En virtude do acordo de reunificación asinado con Rusia o 25 de decembro de 1998, Bielorrusia camiña cara a unha integración política e económica coa potencia herdeira da Unión Soviética: nunha primeira fase estaba previsto harmonizar as políticas fiscais e adoptar unha moeda común, chegando incluso a fusionar a administración tributaria e crear outros organismos supranacionais. Forma parte destes organismos internacionais: Banco Europeo para a Reconstrución e o Desenvolvemento (BERD), Confederación de Estados Independentes (CEI), Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE) e ONU.
Historia
O actual territorio de Bielorrusia é unha zona orixinariamente ocupada por tribos eslavas que caeron baixo a influencia das sucesivas invasións de ávaros e kházaros durante o s IX, cando se formaron os principados de Smolensk e Polock. Absorbidos polo principado de Kiev a mediados do s X, permaneceron baixo o seu dominio ata o s XIII, cando os mongois destruíron o vínculo con Kiev. Bielorrusia foi sometida a principios do s XIV polo gran duque lituano Gedymin e, na segunda metade do século, os príncipes lituanos inclináronse por unha política de boas relacións con Polonia, o que levou ao matrimonio entre o gran duque Ladislau II Jagellon e a Raíña Hedwige de Polonia no 1386, chegándose á fusión lituano-polaca pola Unión de Lublin (1569). Dende mediados do s XV ata finais do XVI Bielorrusia foi o centro das tentativas de expansión territorial polacas e rusas e polo Tratado de Vilnius (1656) ratificouse o dominio ruso. Dende a primeira partición de Polonia (1772), o país quedou totalmente baixo a soberanía de Moscova. A finais do s XIX a rusificación provocou o xurdimento do movemento nacional, vinculado aos grupos socialistas e ao intento revolucionario de 1905. Durante a Primeira Guerra Mundial o país foi ocupado polos alemáns. Polo Tratado de Brest-Litovsk, Bielorrusia declarouse independente (25.3.1918). En xullo dese mesmo ano constituíuse a República Federal Socialista Soviética. En 1919 os aliados fixaron a liña Curzon, que tentaba establecer a fronteira oriental de Polonia cun criterio lingüístico. A guerra soviético-polaca (1920) modificou esta liña en favor de Polonia, pasando a zona occidental a formar parte de Polonia e a oriental constituíuse en república soviética dentro da URSS no 1922. A Constitución da URSS do 1936 recoñecía a Bielorrusia como república soviética federada. Como resultado do pacto xermano-soviético de 1939, a URSS recuperou a parte occidental de Bielorrusia. Ocupada polos alemáns entre 1941 e 1944, quedou arrasada. Na Conferencia de Yalta (1945) ratificouse substancialmente a liña Curzon e as rexións de Molodečno, Baranoviči, Pinsk, Grodno e Brest incorporáronse á República de Bielorrusia. No mes de agosto do 1945 Polonia e a URSS acordaron unha lixeira desviación da liña favorable a Polonia. No mesmo ano, a República de Bielorrusia converteuse en membro das Nacións Unidas. Coa perestrojka, auspiciada por Gorbačov na segunda metade dos oitenta, produciuse unha reactivación do movemento nacionalista bielorruso, debido a diversos factores económicos, políticos e relixiosos. O accidente da central nuclear de Černobil, que afectou principalmente a Bielorrusia e tivo gravísimas consecuencias, favoreceu unha sensación cualificada pola Fronte Popular de Renovación, principal partido opositor, de semicolonia con respecto ao centro. Nas eleccións para a República de 1989, a Fronte derrotou os dirixentes históricos do Partido Comunista, pero non acadaron a Presidencia da República. En marzo do 1990 celebráronse eleccións ao Soviet Supremo, nas que os antigos cargos comunistas obtiveron a maioría dos escanos. Foi elixido Presidente da República o excomunista Stanislav Čuškevič. No proceso que culminou coa disolución da URSS, no 1991, Bielorrusia aceptou o Tratado da Unión proposto por Gorbačov, que preservaba a integridade do estado soviético. Non obstante , o intento de golpe de estado de agosto de 1991 fixo que Bielorrusia se declarase independente o día 24 dese mesmo mes. Sucedeuse unha loita entre o Presidente reformista e o Parlamento, que mantiña a mesma composición comunista que na etapa soviética. A finais de ano Bielorrusia adheriuse á Comunidade de Estados Independentes (CEI). En xullo de 1993 asinou o Tratado de Non Proliferación Nuclear e comprometeuse a eliminar todas as súas armas nucleares en 1996. En 1994 o Presidente Čuškevič foi destituído polo Soviet Supremo e substituído por Mečislav Hirb, ata as eleccións de xullo dese mesmo ano, gañadas polo populista Alexander Lukašenka. Os enfrontamentos entre o Presidente, co seu programa de loita contra a corrupción, e o Parlamento, sen cambios na composición dende o 1991, non cesaron. Das antigas Repúblicas soviéticas, Bielorrusia foi a que se mantivo máis próxima a Rusia, coa que en abril de 1997 asinou unha alianza que establecía unha política común en materia militar e de defensa, económica, de transporte e enerxía. A política seguida polo Presidente Lukašenka permitiu acadar unha relativa estabilidade, controlar a delincuencia, abonar os salarios, recadar impostos e manter certo nivel na sanidade pública.