Bienio Negro
Período da Segunda República Española comprendido entre as eleccións lexislativas de novembro do 1933, que deron a maioría ás dereitas, fronte a unha esquerda dividida, e as eleccións do 16 de febreiro do 1936, nas que triunfou a Frente Popular. O período caracterizouse polo goberno da coalición formada polos republicanos do Partido Radical de Alejandro Lerroux e a CEDA de Gil Robles, que practicaron unha política contraria á da anterior lexislatura, que tivera unha actuación de centro esquerda. Modificáronse e anuláronse leis anteriores, concretamente a reforma agraria, a reforma militar realizada por Manuel Azaña e as que facían referencia a salarios e condicións de traballo. Así mesmo, procurouse establecer unha nova relación Igrexa-Estado e agudizáronse as tensións nacionalistas. Polo que se refire á política económica, aumentou a deflación e o desemprego. A oposición entre o goberno central e a Generalitat, que continuaba en mans da esquerda, medrou enormemente durante este período, ata o punto que algúns chamaban a Catalunya o baluarte da República. Finalmente, no 1934, asturianos e cataláns subleváronse, o que comportou unha dura represión: os partidos de esquerda e os sindicatos foron prohibidos e detidos os seus principais dirixentes, suspendeuse o Estatuto e o goberno da Generalitat, paralizándose a redacción dos estatutos vasco e galego que se estaban a preparar.