bildungsroman*

bildungsroman*
s m [LIT]

Termo alemán que designa a novela de autoformación humana, tamén chamada novela de aprendizaxe ou novela de educación. Trátase dun tipo de relato onde se narra a historia dun personaxe ao longo da súa formación intelectual, moral ou sentimental no tránsito da xuventude inocente á madurez do estado adulto. Nese período modela o seu carácter, a concepción do mundo e o seu destino en contacto coa vida, que lle serve de escola de aprendizaxe a través das máis diversas experiencias, desenvoltas polo motivo da busca e da superación de dificultades e riscos que poñen a proba a súa personalidade e as súas virtudes. O bildungsroman pon énfase na capacidade formativa dos acontecementos novelescos e, neste sentido, a intriga non ten valor por si mesma senón en canto é canle de desenvolvemento persoal. Adoita rematar de xeito abrupto, negativo ou inharmónico, poñendo de manifesto a tensión entre a tendencia á universalidade do heroe e a imposibilidade de acadala nunha sociedade burguesa. Este final supón en realidade a aplicación positiva nun futuro de todo o aprendido. Arraigado na tradición novelesca europea, o xénero iniciouse a fins do século XVIII en Alemaña, onde se construíu o exemplo canónico do xénero, o Wilhelm Meister, de Goethe. Outros exemplos son: Emile, de Rousseau; L’éducation sentimentale, de Flaubert; David Copperfield, de Dickens ou Buddenbrooks, de T. Mann. A obra Poética da Novela de Autoformación. O Bildungsroman galego no contexto hispánico de María de los Ángeles Rodríguez Fontenla analiza as bases antropolóxicas e míticas do xénero e presenta unha fundamentación teórica da poética desde as perspectivas da modalización, da temporalización, da espacialización e da semántica e posúe un estudo crítico de catro novelas hispánicas, entre as que destaca Arredor de si de Ramón Otero Pedrayo.

Palabras veciñas

bilcula | Bilderdijk, Willem | Bildt, Carl | bildungsroman* | bile | BILE | Bilecik