bimetalismo

bimetalismo

(

s m [ECON]

Sistema monetario no que a unidade é definida baseándose en dous metais (xeralmente o ouro e a prata) que asumen conxuntamente a función de patrón monetario e que se caracteriza polo cuñamento libre, a paridade bimetálica e o poder ilimitado liberatorio (para pagar calquera tipo de débeda) de ambos metais. O bimetalismo comezou en Roma, a finais do s III a C e principios do II, e perdurou ata a fin do Imperio. A constante inflación fixo que a relación ouro-prata fose sendo reformada constantemente. Baixo Constantino o aureus pasou a denominarse solidus, e creouse como unidade monetaria o aureus solidus nummus ou solidus con moeda fraccionaria. Simultaneamente, había moedas de prata e cobre unidas ao soldo por unha relación legal. Despois de Carlomagno xa non se cuñou máis ouro. Entre os ss IX e XIII a moeda de prata, baixo a influencia do patrón-prata carolinxio, converteuse na unidade por excelencia, e o seu valor estaba en función do ouro. Cara ao 1250 Europa retomou de xeito sistemático os cuñamentos do ouro, e moi decontado impuxéronse o florín de Florencia e o ducado de Venecia. Durante os ss XV-XVII os sistemas monetarios europeos foron bimetalistas, e os gobernos fixaban o valor da moeda de conta en moedas de ouro e en moedas de prata. En Castela había unha relación legal ouro-prata que variaba constantemente, segundo a oferta de ouro ou prata no mercado, segundo a realidade da balanza comercial e tamén segundo as manipulacións da monarquía. O bimetalismo moderno desenvolveuse a partir do s XVIII en diferentes estados europeos. No s XIX o descubrimento das minas de ouro en California (1847) e en Australia (1851) produciu a súa depreciación en relación coa prata durante un curto período. Para deter as fugas da prata, en 1865 firmouse unha convención monetaria, base da Unión Monetaria Latina, que limitou o cuñamento libre da prata e o seu poder liberatorio. A comezos do decenio de 1870, o aumento da produción de prata levou a este metal á desvalorización, e desprazou o ouro da circulación monetaria (lei de Gresham). No ano 1878 a Unión Monetaria Latina, ao suspender o cuñamento libre da prata, conduciu os países membros cara ao chamado bimetalismo coxo. Dende o inicio do s XX vén prevalecendo o monometalismo.

Palabras veciñas

bimestral | bimestre | bimetálico -ca | bimetalismo | bimetalista | bimilenario -ria | bimodal