biofísica

biofísica

(

s f [BIOL/FÍS]

Estudio dos fenómenos físicos ligados aos distintos niveis de organización dos sistemas biolóxicos. A nivel molecular, estudia o estado, a estrutura espacial e os intercambios enerxéticos que se realizan entre as moléculas; a nivel celular, a estrutura espacial, os mecanismos para a obtención de enerxía, os intercambios enerxéticos co exterior e os mecanismos de autorregulación; a nivel de organismo pluricelular, os mecanismos de autorregulación e os intercambios de materia e enerxía co exterior. Nun ecosistema céntrase sobre todo nas condicións físicas do medio e nas achegas e perdas de materia e enerxía que experimenta. A utilización de procedementos físicos en Bioloxía é moi antiga, pero foi o microscopio óptico composto, inventado cara a finais do s XVI ou principios do XVII, o que deu o pulo definitivo aos perfeccionamentos técnicos decisivos para determinar a estrutura da célula e a dos tecidos dos organismos pluricelulares. Galvani e Volta aplicaron, a finais do s XVIII, a electricidade ao estudo dos organismos. O microscopio electrónico (1933) permitiu determinar a estrutura máis íntima da célula (mitocondrias, núcleo, membrana, etc); a difracción por raios X e o marcado con isótopos radioactivos permitiron a estrutura das moléculas que forman os organismos.