biosíntese

biosíntese

(< bio- + síntese)

s f [BIOL]

Síntese de substancias complexas realizada por seres vivos a partir doutras substancias máis simples con gasto de enerxía. As reaccións dos procesos biosintéticos prodúcense no interior da célula viva e son de tipo endergónico; a enerxía consumida provén do catabolismo de materiais enerxéticos, do ATP ou outros compostos fosforados de alta enerxía. Consisten na progresiva redución de materiais orixinariamente oxidados, ou ben na incorporación, tamén progresiva, de pezas moleculares simples para dar lugar a unha macromolécula. A fotosíntese realizada nos vexetais é un punto de partida para a biosíntese dun gran número de substancias. O anabolismo dos seres vivos comporta a biosíntese de distintas substancias orgánicas, tales como prótidos, fosfolípidos, etc. Moitas substancias sintetizadas van parar ao exterior (glícidos, antibióticos), polo xeral con repercusións ecolóxicas. Pódese considerar tamén como biosíntese a produción de substancias diversas como residuo da degradación de substratos ricos en enerxía en procesos de fermentación. En moitos destes casos, a biosíntese representa o camiño máis práctico e económico para a obtención dun gran número de substancias orgánicas: distintos alcohois, ácidos acético, láctico e cítrico, antibióticos, aminoácidos e outras.

Palabras veciñas

bioscopia | bioscopio | biosfera | biosíntese | biosintetizar | biosistemática | biosoma