bioxeografía

bioxeografía

(< bio- + xeografía)

s f [BIOL/XEOG]

Parte da Xeografía que estudia a distribución espacial dos animais (Zooxeografía), incluso do ser humano (Antropoxeografía), e das plantas (Fitoxeografía), e intenta explicar as súas causas e a súa variación ao longo do tempo, mediante a axuda doutras disciplinas xeográficas, biolóxicas e xeolóxicas, como a Ecoloxía, a Coroloxía, a Biocenoloxía, a Xenética de poboacións, a Paleontoloxía, a Climatoloxía e a Paleoclimatoloxía. Deste xeito, considérase a área actual de distribución dunha especie ou taxon como resultado das áreas de distribución pretéritas, da existencia ou ausencia de barreiras, da facilidade de diseminación e das condicións do ambiente físico e biolóxico. Hai especies que teñen unha área de distribución pequena (especies estenocoras), e incluso limitada a un territorio determinado (especies endémicas). Non obstante , outras ocupan unha grande área (especies euricoras, en termos xerais, e cosmopolitas, se se estenden por todo o mundo). A Bioxeografía presta especial atención aos patróns de distribución buscando unha explicación causal. Hai unhas rexións de grande uniformidade ecolóxica e de grande extensión, como as penechairas e os grandes fondos mariños, onde a distribución é continua: hai poucas especies, pero con moitos representantes, estables e de evolución lenta, xa que as mutacións quedan diluídas nunha poboación grande. Na súa periferia, a distribución é en mosaico, con áreas, numerosas e pequenas, ecoloxicamente inestables, e que comprenden moitas especies, pero representadas por poucos individuos: hai unha diversidade alta, e a evolución é diverxente e rápida. Están ben representadas na zona mariña costeira. Ademais destas distribucións en mosaico, hai outras discontinuas que proceden da fragmentación de áreas continuas, ocasionada pola aparición de barreiras.