biscoito

biscoito

(< lat biscoctu ‘cocido dúasveces’)

  1. s m [ALIM]

    Pan, xeralmente sen lévedo, feito con moita fariña, moi pouca auga e sen sal que se facía cocer unha segunda vez para que se endurecese e se conservase mellor. Antigamente se empregaba para abastecer os barcos.

  2. s m [ALIM]
    1. Doce feito, basicamente, con flor de fariña, ovos, azucre, manteiga e, posteriormente, cocido no forno, que se caracteriza pola súa lixeireza e esponxosidade. Hai diferentes tipos de biscoitos, en función da proporción dos ingredientes básicos, da adición doutros (chocolate, froitas, etc), do tempo de cocción, etc. Emprégase tamén como base doutras moitas preparacións de pastelería, pois a súa suavidade permite casalo con outros produtos doces como marmelada, chocolate, froitos secos, crema, nata, etc. Na tradición oral recóllense, entre outros, os seguintes ditos: “Pouco me gusta o biscoito cando non é moito”; “Biscoito de monxa e regalo de aldea, doullos a quen queira”.

      Ex: A miña irmá fixo un biscoito para o aniversario da miña nai.

    2. biscoito borracho

      Doce elaborado xeralmente como biscoito cortado en anacos e bañado cun xarope de auga e ron, ou doutro licor, azucrado e queimado.

  3. s m [ARTE]
    1. Pasta fina e tenra de caolín cocida no forno, á que se lle deixa a superficie en estado mate, sen tinturas nin verniz. Coñecido xa nas manufacturas do Extremo Oriente, difundiuse en Europa a partir da segunda metade do s XVIII.

    2. Calquera pasta cerámica non esmaltada, despois de recibir a acción do lume.

Palabras veciñas

bischofita | biscoitada | biscoiteiro -ra | biscoito | biscotte* | biscuit* | Biscutella