Blancos, Os

Blancos, Os


Concello da comarca da Limia situado na provincia de Ourense no S da Comunidade Autónoma ( 41° 59’ 09’’ de latitude N e 7° 45’ de lonxitude O). Limita ao N e L co concello de Xinzo de Limia, ao S co de Baltar, e ao O cos de Calvos de Randín e Porqueira (A Limia). Abrangue unha superficie de 47,6 km 2 e cunha poboación de 1.086 h (2007), distribuídos nas parroquias de Aguís, Os Blancos, Covas, Covelas, Guntín, Nocedo e Pexeiros. A capital está no lugar dos Blancos, na parroquia do mesmo nome. Atópase a 155 km de Santiago de Compostela e a 50 km de Ourense. Está adscrito ao partido xudicial de Xinzo de Limia e a diocese de Ourense.
Xeografía física
O concello dos Blancos está baixo o dominio climático oceánico de montaña. Localizado nun espazo de elevada altitude media, os rexistros térmicos están matizados por ese factor, tendo como resultado máis apreciable a prolongación do período frío de novembro ata abril. A temperatura media anual é de 10,6°C. A media do mes máis frío, xaneiro, é de 4,6°C, mentres que a do mes máis quente, agosto, é de 17,7°C. A amplitude térmica extrema anual chega aos 26,4°C. Son frecuentes as xeadas entre os meses de outubro e maio, libre delas tan só durante 123 días ao ano. A precipitación anual media é de 867 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival: o 35,1% da precipitación recóllese no inverno, fronte ao 11,3% no verán, quedando a primavera e mais o outono como estacións de transición en valores intermedios (21,2% e 32,4%, respectivamente). O relevo está caracterizado por ser o rebordo meridional da depresión da Limia, resultando, xa que logo, un territorio montañoso e moi accidentado. Pero pode, ademais, dividirse en tres unidades paralelas máis pequenas que seguen unha orientación aproximada SO-NL, sentido no que a altitude media diminúe. Polo N, separándoo do resto da depresión da Limia, está unha aliñación montañosa de altitude media ao redor dos 800-900 m culminada polos montes Castelo de Ouvigo de 906 m, na parroquia dos Blancos, e Outeiral con 832 m na de Covelas. No centro esténdese o val do río Airoa, pequeno curso fluvial pertencente á conca do río Limia e principal arteria fluvial do concello, atravesando un espazo cunha altura media ao redor dos 600-800 m. Por último, no S, é onde se acadan as maiores elevacións grazas ao cerro de Aguioucha e á Serra de Cebreiro que separa o concello dos vales dos ríos Salas e Rousia, contando con alturas medias entre 1.000 m e 1.100 m, nos que destaca o monte Axarita con 1.150 m na parroquia de Covas.
Xeografía humana
A poboación do concello dos Blancos sufriu nos últimos dous séculos unha evolución inserta nas liñas mestras que definen o modelo xeral galego: crecemento moderado ata a data censual de 1950 para principiar un descenso acusado, e mesmo traumático nalgún intervalo, a partir dese momento. A nota peculiar é o fortísimo retroceso demográfico da década de 1980, anos en que perde case a metade da súa poboación. Así, ata 1950 a poboación globalmente medrou entre o 0,2 e o 1,58% anual, e só durante o período 1910-1920 tivo un crecemento negativo aproximado do 0,17%, en boa parte debido á incidencia do andazo de gripe de 1918. A partir desa data a evolución foi sempre negativa, acusando a intensa emigración, primeiro con destino a Sudamérica, logo cara aos países máis desenvolvidos de Europa occidental e central, aos núcleos máis dinámicos do país (especialmente Vigo e Ourense), e áreas industriais do resto do estado (fundamentalmente Catalunya e Euskadi), especialmente durante os anos 1950-1960 cun crecemento negativo interanual do 2,37%, e a década de 1980 cunha reducción do 4,32% anual. Durante os restantes anos a pauta é un moderado retroceso do 0,61% anual para 1960-1981, e un estancamento para os últimos anos cifrado nunhas perdas do 0,03% anual (1991-1996). O descenso continuou cifrado no 6,22% (1996-2001) e no 8,73% (2001-2007). En 2006 a taxa de natalidade era do 2,8‰ e a de mortalidade do 11‰. O resultado desta evolución é unha poboación moi avellentada, onde os menores de 20 anos representan só o 7,7% da poboación, fronte aos maiores de 65 anos que son o 37,6%; o grupo intermedio representa o 54,7% da poboación. A distribución por sexos é equilibrada, só hai unha porcentaxe lixeiramente superior de homes que constitúen o 51,19% da poboación.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello dos Blancos é do 37,4% (48,3% a masculina e 26,7% a feminina); a taxa de ocupación é do 31,7% (41,9% a masculina e 21,7% a feminina) e a taxa de paro é do 15,2% (13,2% a masculina e 18,7% a feminina). O 20,7% da poboación ocupada emprégase no sector primario. Na súa gandería destaca especialmente o gando porcino, con 8.095 (2005), 1.645 delas reprodutoras, cunha tendencia claramente alcista, en moitas ocasións estabulado en granxas asociadas a cooperativas. Non acontece o mesmo co gando vacún, só composto por 94 reses (1999) case totalmente orientadas á produción de carne, en explotacións a penas integradas por 3,5 cabezas de gando de promedio. Tamén escasa importancia posúe a superficie dedicada a prados e pastos (7,8% do total). Menor aínda é a do ovino, con 359 unidades gandeiras (1999), e o case anecdótico caprino (6 unidades en 1999). A agricultura é tradicionalmente de autoconsumo, baseada no cultivo do centeo e da pataca. Superficies máis reducidas ocupan os cultivos forraxeiros e o centeo, e xa case marxinais o millo, as hortalizas e a vide. O arboredo esténdese por a penas o 23% do territorio, formado fundamentalmente por especies de repoboación (piñeiros) para madeira, pero tamén para a produción de castañas. A industria é unha actividade escasamente desenvolvida (19,3% da súa man de obra), e o tecido industrial do concello resólvese nun reducido número de pequenas empresas manufactureiras de moi escasa transcendencia (pequenas carpinterías, tanto de madeira como metálicas). Máis peso posúe a construción, o 22,2% da man de obra está ocupada nesta actividade, en moitas ocasións non traballando no mesmo concello senón na vila veciña de Xinzo de Limia. Por último, os servizos dan traballo a un continxente que va en aumento, 37,8%. A principal vía de comunicación é a estrada local que une a capital do concello con Xinzo de Limia; o resto do termo municipal comunícase por pistas rurais.
Historia
A mostra máis antiga do poboamento do concellos é o castro de Ouvigo nos Blancos. As parroquias que hoxe integran o concello dos Blancos pertencían durante o Antigo Réxime á xurisdición de Xinzo de Limia, agás a de Covas, que pertencía á de Baltar, todas baixo a autoridade do conde de Monterrei (aínda que o señorío da parroquia de Aguís estaba compartido co mosteiro de Santa Clara de Allariz) e pertencentes á antiga provincia de Ourense. Coa creación dos primeiros concellos en 1813 no territorio do actual concello dos Blancos estableceuse o de Pexeiros, con capital nesa parroquia, adscrito ao partido de Xinzo de Limia e á provincia de Galicia. Derrogada a Constitución en 1814, suprimiuse o municipalismo e retornouse á administración señorial. Houbo que agardar a 1821 para a restitución da Constitución e do municipio de Pexeiros, que en 1822, ao dividirse a provincia de Galicia, pasou a integrarse na nova provincia de Ourense. Outra supresión da Constitución en 1823 supuxo o retorno á administración propia do Antigo Réxime, que se mantivo vixente ata 1834. En 1835 constituíuse o concello de Blancos e Mouril, herdeiro do de Pexeiros, denominación que pronto mudou por Os Blancos en 1842. As alteracións que con posterioridade se produciron no seu territorio non afectaron á súa superficie senón á súa distribución parroquial, ao se converter o lugar dos Blancos en sé parroquial segregada da de Covelas en 1893.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan, en Ouvigo, os restos do templo paleocristián de San Breixo, vestixio da temperá evanxelización deste espazo, rodeado dunha necrópole. Destacan tamén as igrexas románicas de Santa María de Guntín e San Martiño de Aguís. No eido da arquitectura civil destaca o pazo de Arroxo, dotado dunha torre, en Ouvigo.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Limia, A
Extensión 47 Km2
Poboación Total 1086 h
Poboación Homes 556 h
Poboación Mulleres 530 h
Densidade de poboación 23.11 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias