Boborás

Boborás


Municipio da comarca do Carballiño situado na provincia de Ourense no centro da comunidade autónoma (42° 26’ de latitude N e 8° 08’ 01’’ de lonxitude O). Limita ao N co concello do Irixo, ao L co do Carballiño, ao S cos de Leiro e Avión (ambos na comarca do Ribeiro), e ao O con Beariz (O Carballiño) O. Abrangue unha superficie de 87,8 km 2 , cunha poboación de 3.057 h (2007), distribuídos nas parroquias de Albarellos, Astureses, Brués, Cameixa, Cardelle, Feás, Laxas, Moldes, Moreiras, Pazos de Arenteiro, O Regueiro, Xendive, Xurenzás e Xuvencos. A capital está situada no lugar de Boborás, na parroquia de Xuvencos. está a 94 km ao S de Santiago de Compostela e 36 km ao NO de Ourense Está adscrito á xurisdición do partido xudicial do Carballiño e á provincia e diocese de Ourense.
Xeografía física
O termo municipal de Boborás está nun espazo de transición entre os dominios climáticos oceánico de montaña e oceánico continental. Situado nun espazo de media montaña, os rexistros térmicos vense influenciados por este factor, resultando un prolongado período frío desde novembro ata abril. A temperatura media anual é de 11,1°C. A media do mes máis frío, xaneiro, é de 5,2°C e a do mes máis cálido, xullo, de 18,2°C. A amplitude térmica extrema chega aos 25,7°C. O número de días libres de risco de xeadas é de 147. A precipitación anual media chega aos 1.424 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival: o 36,7% da precipitación recóllese nos meses do inverno, fronte ao 9,6% do verán. Neste eido pluviométrico, tanto a primavera como o outono son estacións de transición con valores medios (20,7% en primavera e 33% en outono). Topograficamente, o territorio do concello de Boborás pódese dividir en dúas metades aproximadamente iguais: unha ao O e ao N, ocupada polas primeiras estribacións das serras sudoccidentais (montes do Paraño e do Testeiro), e outra no S e L ocupada polos vales dos ríos Avia e os seus tributarios. No primeiro destes sectores conta con alturas comprendidas entre os 600 m e os 800 m, destacando o monte Molín con 658 m de altitude, na parroquia de Brués, a Pena Aguda con 621 m, na de Albarellos, e O Paraño con 875 m, na de Regueiro, dispostos en aliñacións paralelas seguindo unha dirección NO-SL. O segundo sector está en alturas inferiores e profundamente diseccionada polos cursos de agua que conforman o sistema do río Avia, que atravesa o concello seguindo unha dirección O-L e servindo en parte de límite cos concellos de Avión e Leiro, ocupando o encoro de Albarellos. Entre os seus tributarios destacan o Viñó que, procedente do concello do Irixo, atravesa en sentido meridiano (de N a S) o termo municipal, recibindo pola dereita os ríos Lobagueira e Lodeiro, e o Arenteiro, nos confíns co concello de Carballiño, que con idéntica orientación recibe pola dereita o Pedriña.
Xeografía humana
A poboación do concello de Boborás sufriu ao longo dos últimos dous séculos unha evolución desigual, rexistrando unha alternancia de fases de crecemento e retroceso moderado ata a data censual de 1960, para principiar un descenso acusado e mesmo traumático a partir de aí. As oscilacións alcistas e baixistas ata 1960 non constitúen unha nota peculiar que o distinga do modelo xeral observado no conxunto dos concellos do ámbito rural galego, caracterizado pola influencia de fenómenos alleos á dinámica vexetativa, como son os ciclos migratorios ou as conxunturas económicas e políticas. Globalmente, a súa poboación permaneceu estancada ao medrar só nun 0,02% anual, encubrindo a sucesión de fases de crecemento durante os períodos 1887-1910 (ao redor do 0,13%) e 1950-1960 (medrando un 0,67% anual). Entre estas fases intercalase outra de trinta anos de duración, entre 1910 e 1940, de leve retroceso (ao redor do 0,24% anual) nos que só na década de 1930 hai un período dun leve crecemento (do 0,08% anual). A partir de 1960 a evolución é sempre negativa, acusando a intensa emigración con destino a América (México e Venezuela principalmente), aos paises máis desenvolvidos da Europa occidental e central, aos núcleos máis dinámicos do país (especialmente Vigo e, en menor medida, Ourense), e outras áreas industriais do estado (fundamentalmente Catalunya e Euskadi). Este proceso emigratorio resultou especialmente intenso durante o período 1960-1970, que se pechou cun crecemento negativo interanual do 3,39%. Durante os restantes anos o retroceso foi máis moderado, acadando valores en torno ao 1,04% anual para 1970-1981. Só nos entre 1991 e 1996 este descenso se retardou levemente, quedando limitado ao 0,59% anual. Os cómputos seguintes mostran tamén un descenso: 10,74% (1996-2001) e 7,72% (2001-2007). O resultado desta evolución é unha poboación moi avellentada, onde os menores de 20 anos representan só o 9,2% da poboación, fronte aos maiores de 65 anos son o 39,1%.; o grupo intermedio está representado polo 51,7%. Isto reflictese tamén nun crecemento natural negativo (15,8‰, 2006) froito dunha natalidade moi baixa (2,1‰) e dunha alta mortalidade (17,9‰)
A distribución por sexos mostra un desequilibrio a prol das mulleres, que constitúen o 53,64% da poboación, consecuencia do intenso grao de avellentamento que se rexistra no concello.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) é do 30,6% (39,3% a masculina e 23,5% a feminina); a taxa de ocupación é do 25,7% (33,6% a masculina e 19,1% a feminina) e a taxa de paro é do 16,1% (14,3% a masculina e 18,5% a feminina). A base da economía municipal é eminentemente agropecuaria aínda que dá traballo ao 27,1% da poboación activa. O sector permanece nun grao de desenvolvemento ínfimo, cun predominio aínda da orientación das explotacións cara ao autoconsumo doméstico: o éxodo demográfico, coa desestruturación que provocou na súa pirámide de idades, por unha banda, e a súa situación de montaña, por outra, son factores que constitúen as principais eivas para un redimensionamento do sector que implique a súa adaptación ao mercado. A gandería posúe un peso moi limitado, contando con 2.871 cabezas de gando bovino (1999) maioritariamente destinadas á produción de carne, distribuídas en explotacións de dimensión moi cativa (2,3 cabezas de media). Tamén é limitada a superficie dedicada a prados e pastos (5,2% da superficie total), e a relevancia dos cultivos forraxeiros non é moi grande. A cabana porcina, constituída por un total de 429 cabezas. Tanto o armentío ovino como o caprino son explotacións marxinais. Boa parte do territorio corresponde a arborado. En 1989 estendíase polo 70,8% do territorio, contando con extensos piñeirais destinados á produción madeireira. Dentro da orientación cara ao autoconsumo os principais cultivos agrícolas son o millo e a vide, difundidos polas parroquias ribeireñas do Avia xa en pleno Ribeiro. Menor relevancia posúe a pataca, as hortalizas, o centeo e o trigo, que son testemuñais. A industria é practicamente inexistente: dá traballo ao 12,5% da man de obra. Destacan pequenas empresas dedicadas á talla de pedra, carpintería metálica, elaboración de pan para o mercado local e algún taller relacionado coa madeira. A construción tampouco ten demasiada importancia, cun 21,6%, principalmente centrada na edificación local ou no Carballiño. O sector terciario aumentou o seu número de traballadores ata chegar ao 38,8% dos ocupados. As principais vías de comunicación son a estrada nacional N-541, entre Ourense e Pontevedra, e o ferrocarril entre Santiago de Compostela e Puebla de Sanabria.
Historia
A presenza do poboamento castrexo queda testemuñada nos castros de Castro (na parroquia de Cameixa), Meixón (en Feás) e Teixeira (en Brués). Durante a Idade Media, o territorio do actual concello, estivo dominado polas casas señoriais de Monterrei e Lemos, ademais da Orde de Malta. Durante o Antigo Réxime, os condes de Monterrei e Lemos, e os cabaleiros da Orde de Malta controlaban, respectivamente, as xurisdicións de Castro Cadaboso, Orcellón e de Pazos de Arenteiro. Durante a Idade Moderna, a presencia señorial deixouse sentir na construción dos pazos de Arriba, Cervela e Casa Feixó (os tres en Pazos de Arenteiro), e no de Moldes, onde naceu o membro da Xeración Nós, Antón Losada Diéguez. Estas xurisdicións, que pertencían á antiga provincia de Ourense, desapareceron a principios do s XIX, mediante a creación en 1821 dos concellos de Brués, Boborás, Laxas e Albarellos, integrados no partido xudicial do Carballiño e na provincia de Galicia ata 1822, data na que se crea a nova provincia de Ourense. Tras diversas vicisitudes, derivadas dunha conxuntura política española protagonizada pola loita entre liberais-constitucionalistas e absolutistas, traducida en sucesivas promulgacións e derrogacións da Constitución de 1812 (e con ela a administración municipal), en 1835 estes municipios fusionáronse no de Boborás, adscrito ao partido xudicial do Carballiño. Dende entón non se rexistaron máis cambios.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados destacan as igrexas de Astureses, románica do s XII, e San Mamede de Moldes, ambas as dúas da Orde de Malta, en Pazos de Arenteiro, de San Martiño de Cameixa, cunha ábsida románica, e a de Xuvencos, románica que foi restaurada no s XVI. Entre as construcións civís salienta o conxunto dos Pazos de Arenteiro onde se agrupan, ao redor da igrexa os pazos de casa de Arriba, casa e granxa do Moto, pazo de Cervela, pazo do Currelo, pazo Feixó, pazo de Laxas e pazo Tizón. No pazo de Moldes naceu e está soterrado o escritor Antón Losada Diéguez. No concello celébranse as festas das Mudaciós o primeiro e segundo domingo de marzo, nelas a imaxe da Virxe é levada dende Santa María de Xuvencos ata a capela de Santa Isabel de Boborás, e vai precedida de dúas cuadrillas de danzantes que executan a danza dos Palillos ou do Entrezado, mentres a imaxe de santa Isabel permanece na igrexa de Xuvencos. Ademais celébrase a romaría de Nosa Señora da Saleta o día 19 de setembro en Astureses.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Carballiño, O
Extensión 87 Km2
Poboación Total 3057 h
Poboación Homes 1417 h
Poboación Mulleres 164 h
Densidade de poboación 35.14 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias